Posicionamento con Motivo do Dia Internacional da Liberacion Sexual ou do Orgullo LGTBI, 28 de Xuño

28/6/2019

Este ano celébrase o 50º aniversario do levantamento de Stonewall na cidade de Nova Iorque, que se considera como o comezo do movemento dos dereitos das persoas LGBT. Foi hai 62 anos, na Convención Anual de 1956 da APA en Chciago cando a doutora Evelyn Hooker presentou a primeira investigación que abordaba a "despatoloxización da homosexualidade" e na que fundamentaba e desmentía o histórico mito de que as persoas homosexuais eran intrinsecamente menos saudables que as persoas heterosexuais. O traballo de Hooker deu lugar aos cambios máis significativos que se produciron no xeito en que a psicoloxía considerou e tratou as persoas homosexuais. A Psicoloxía contribuíu ao avance das perspectivas científicas que axudan a mellorar a saúde e o benestar das persoas lesbianas, gais, bisexuais e trans* (LGBT), desde unha maior comprensión da orientación sexual e a identidade de xénero como aspectos da diversidade humana, e de reducir o estigma, os prexuízos, a discriminación e a violencia cara ás persoas LGTBI. 

Malia os avances, queremos sinalar que aínda quedan metas importantes por alcanzar en relación co benestar psicolóxico das persoas LGTBI, ao que poden contribuír:

  • A contundencia na erradicación das mal chamadas "terapias de conversión", técnicas aversivas contra a propia homosexualidade ás que son expostas persoas que acceden nun intento desesperado por conciliar a súa orientación sexoafectiva coas súas crenzas e as da súa contorna cando entran en conflito. Estas técnicas, ademais de inútiles, repercuten gravemente sobre a sexualidade, a autoestima e o estado emocional das persoas que se someten a elas.
  • O desenvolvemento dunha actitude educativa que axude a superar mitos sobre a orientación sexoafectiva, independentemente de cal sexa a orientación de cada persoa.
  • Un maior apoio ás familias de bebés con xenitais intersexuais para axudalas a superar a presión social que poida conducir a aprobar cirurxías que non teñen como obxectivo a funcionalidade senón a normalización estética deses xenitais. Ademais de facer accesibles os recursos de apoio e a atención psicolóxica ás persoas adultas intersex, de forma que se vexa beneficiada a súa autoestima corporal e iso redunde nunha sexualidade confiada e satisfactoria.
  • Fomentar o respecto á autonomía das persoas trans en relación coa toma de decisións sobre como queren expresar o seu xénero; así como o abandono de esquemas binarios ao considerar a diversidade de expresión de xénero.
  • Facilitar ás persoas o recoñecerse naquelas identidades nas que verdadeiramente se sintan cómodas e dar prioridade aos obxectivos terapéuticos que posibiliten a manifestación desas identidades.
  • Avogar pola definitiva e real despatoloxización da transexualidade en calquera das súas manifestacións.

Con este comunicado, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a través do Consejo General de la Psicología, quere homenaxear a todas as vítimas que ao longo da historia sufriron o acoso, a discriminación e a violencia, así como a perda da súa vida por motivos relacionados coas súas identidades sexoafectivas e de xénero. Unímonos á celebración da data deste 28X do orgullo LGTBI.