AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Presentación da nova Xunta de Goberno

7/6/2018

Neste día 22 de maio foi a proclamación definitiva da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O 5 de xuño tomamos posesión cunha forte vontade de dar continuidade ao proxecto do anterior mandato ao tempo que renovamos os ánimos e as iniciativas. 

Neste novo mandato pretendemos manter unha liña estratéxica coa profesión da psicoloxía como eixe central e coas seguintes áreas prioritarias: 

  • Consolidación da psicoloxía na sociedade.
  • Empregabilidade e loita contra o intrusismo.
  • A psicoloxía como profesión imprescindible no sistema público. 

É tempo de que os psicólogos e psicólogas ocupemos o lugar que nos corresponde na sociedade, e que se nos demanda, e o Colexio debe ser o verdadeiro motor de transformación para a dignificación, a identidade e o prestixio da profesión fronte a ameazas externas, como as pseudociencias, o intrusismo ou a precariedade. 

Mais tamén queremos facer fincapé en que o COPG é unha construción a partir dos 3.000 psicólogos e psicólogas que formamos parte desta casa común, así que te animamos a que participes activamente no teu Colexio. Os distintos órganos do Colexio (seccións, comisión, grupos…) están ao teu dispor para que poidas contribuír e beneficiarte do compartido. 

Temos por diante catro anos para traballar con estas liñas expostas, e para iso propoñémonos as seguintes obxectivos:

  • Promoción o desenvolvemento profesional a través do Programa de Formación do COPG, apostando pola formación online e as novas tecnoloxías mantendo sempre o rigor e a calidade.
  • Loita por unha mellora da empregabilidade, tanto no eido público como privado.
  • Persecución e denuncia, se fose preciso, das prácticas de intrusismo na psicoloxía.
  • Mellora da canles de interlocución cos colexiados e colexiadas coa Xunta de Goberno, para o que se realizarán encontros locais para coñecer máis polo miúdo as necesidades e demandas da profesión.
  • Potenciación da Deontoloxía, porque consideramos que xunto coa formación son dous alicerces básicos da boa práctica profesional.
  • Reforzo dos medios e da estrutura das Seccións profesionais e dos seus grupos de traballo (Psicoloxía e Saúde, Educativa, Intervención Social, Traballo e das Organizacións e Xurídica), potenciar as Comisións Intersectoriais (Mediación e Xénero) e Deporte, e os Grupos (GIPCE e Tráfico e Seguridade). Trátase duns órganos de coñecemento científico-profesional específico e contan cun carácter moi representativo do Colexio, polo que favoreceremos a interlocución coa Xunta de Goberno e o apoio para o desenvolvemento de actividades e iniciativas.
  • Visibilización da profesión na sociedade a través de campañas publicitarias nos medios de comunicación, dirixidas á divulgación e á posta en valor da psicoloxía.
  • Potenciaremos o mapa de profesionais na web como directorio de referencia da psicoloxía en Galicia.
  • Incremento da incidencia pública na Administración, nas institucións, no terceiro sector e na sociedade civil en xeral, xa que o COPG é a voz autorizada da profesión e ostenta a capacidade de representación. Esixiremos a creación e o incremento das prazas de psicólogos e psicólogas na Sanidade, na Xustiza, na Educación e nos Servizos Sociais, así como a nosa presenza nos equipos interdisciplinares. Continuaremos a participar nos consellos e mesas da Administracións para achegar a perspectiva da nosa profesión ás políticas públicas, á vez que para velar pola axeitada inclusión de psicólogos e psicólogas nas distintas áreas da rede pública.
  • Continuaremos a colaborar entre a universidade e o Colexio, achegando o mundo académico e o profesional. Neste sentido, temos dúas demandas claras: a regulación do Grao de Psicoloxía e a implantación do itinerario profesional sanitario Grao-Máster-PIR.
  • Consolidaremos e ampliaremos os servizos de asesoramento ofrecidos a todas as persoas colexiadas, ademais de organizar formacións gratuítas sobre cuestións prácticas vinculadas a estas asesorías.
  • Fomento da comunicación do COPG cos colexiados e colexiadas: para isto exploraremos unha renovación da Circular Informativa e da páxina web; tamén aproveitaremos todo o potencial das redes sociais e das ferramentas web colaborativas.
  • Promoveremos a produción científica propia, a través da Beca Siota de investigación ou das publicacións específicas do Colexio (Cadernos da Psicoloxía, Anuario…)
  • Traballaremos para incluír na axenda mediática a visibilización da profesión nos seus distintos eidos, as actividades do Colexio e posicionamentos sobre asuntos concretos, así como atenderemos as demandas dos medios de comunicación que procuran fontes expertas da psicoloxía.
  • Melloraremos a atención ao colexiado e colexiada por parte da Administración do COPG, promovendo a eficiencia nas xestións, a eliminación de burocracia e a axilización dos trámites.
  • Será o momento da transformación dixital do COPG. Incorporaremos as novas posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información para facilitar os trámites e xestións co Colexio: administración electrónica, canles de comunicación online, ampliación de servizos en rede…
  • Seguiremos a integrar a actividade profesional do Colexio na dinámica social e cultural galega, programando actividades de interese sociopolítico e cultural, que teñan un carácter multidisciplinar.
  • No sentido de acompañamento en toda a traxectoria profesional do colexiado ou colexiada, contemplaremos a situación das persoas desempregadas no COPG, facilitando o seu acceso á actividade colexial e, particularmente á oferta formativa.
  • Continuaremos a potenciar a relación con outras organizacións e asociacións profesionais que compartan obxectivos e intereses científicos profesionais.  

Reparto de responsabilidades: 

Mª ROSA ÁLVAREZ PRADA
Decana
HIPÓLITO PUENTE CARRACEDO
Vicedecano / Coordinador da Comisión Intersectorial de Mediación / Coordinador coa Sección de Psicoloxía Educativa / TIC e Administración Electrónica
ANA ISABEL MARTÍNEZ ARRANZ
Secretaria / Coordinadora do GIPCE
SANDRA FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ
Vicesecretaria / Formación, Emprego e Desenvolvemento Profesional / Coordinadora coa Comisión de Psicoloxía do Deporte
MIGUEL ÁNGEL CHOUZA PONTE
Tesoureiro / Servizos Colexiais
CARMEN GONZÁLEZ PAIS
Vogal / Coordinadora coa Comisión de Ética e Deontoloxía
FÁTIMA LÓPEZ RODRÍGUEZ
Vogal / Coordinadora da Comisión Intersectorial de Xénero
EVA MUÍÑO GÓMEZ
Vogal / Coordinadora do Grupo de Tráfico e da Seguridade / Coordinadora coa Sección de PTO
JOSÉ MANUEL OREIRO BLANCO
Vogal / Publicacións / Coordinador coa Sección de Psicoloxía da Intervención Social
MARINA ORTEGA OTERO
Vogal / Coordinadora coa Sección de Psicoloxía Xurídica
SOCORRO RODRÍGUEZ HOLGUÍN
Vogal / Relacións Académico-Profesionais
Mª CONCEPCIÓN RODRÍGUEZ PÉREZ
Vogal / Práctica privada / Coordinadora da Comisión de Cultura e Sociedade
VÍCTOR MANUEL TORRADO OUBIÑA
Vogal / Coordinador coa Sección de Psicoloxía e Saúde