Recomendacións do colexio para o exercicio da Psicoloxía durante a emerxencia sanitaria do coronavirus

15/3/2020
Están a ser días complicados para toda a sociedade e entendemos que para ti tamén. Primeiro de todo, gustaríame trasladarche todo o meu afecto e apoio, para poder afrontar as complicadas semanas que temos por diante. A situación é extrema e inédita, ademais, moi cambiante, polo que estamos traballando intensamente para proporcionarche a mellor información, contrastada e verificada, no relativo ao exercicio profesional. 
Por iso, este luns remitiremos unha consulta á Consellería de Sanidade sobre as limitacións e obrigas no exercicio profesional da Psicoloxía, tanto sanitaria como non sanitaria, así como os dereitos profesionais para as persoas que traballan tanto por conta allea como por conta propia. Actualizaremos esta información tan pronto como a teñamos dispoñible. 
De acordo co estado de alarma, decretado este sábado polo goberno do Estado, recóllense unha serie de actividades profesionais que quedan prohibido desenvolver con carácter inmediato, entre as cales non está a psicoloxía. Polo tanto, non existe obriga de pechar os centros, se ben a recomendación é que, na medida do posible, se promova o teletraballo e se quede na casa. 
 
Polo tanto, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia facemos as seguintes recomendacións: 
 
1. Se decides manter aberta a túa consulta, dálle prioridade a atención non presencial a través doutras canles (teléfono, correo electrónico, telepsicoloxía...). Estamos xestionando un servizo de terapia online con carácter inmediato e que teña todas as garantías de seguridade. Confiamos en que estea dispoñible nas próximas horas. 
Lembra que tes á túa disposición a Guía Práctica de Telepsicolóxica que elaborou o Consejo General de la Psicología. 
2. Se consideras que por razóns de urxencia, a atención debe ser presencial, debes seguir as pautas dadas polas autoridades sanitarias:
a. Mantén unha distancia de 1,5 metros – 2 metros. 
b. Evita o contacto físico (nin bicos, apretóns de man, apertas etc.)
c. Lava as mans con auga e xabón / desinfectante antes e despois de cada consulta. 
d. Pregunta polo estado físico e viaxes á persoa usuaria (se estivo en zonas de risco, se presentou febre ou tose, etc.).
3. Mantén unha escrupulosa limpeza dos espazos de atención. Evita que as persoas usuarias toquen os pomos das portas (abre ti as portas), bolígrafos, etc. 
4. Deixa transcorrer 15 minutos entre consultas para ventilar e proceder á limpeza.
5. Ten dispoñibles bolsas plásticas individuais para que as persoas usuarias poidan tirar o seu lixo (panos, etc.), así como que todo sexa desbotable (panos de papel, papel para secar as mans, vasos...) . 
6. Evita que coincidan varias persoas na sala de espera e que non acudan acompañadas salvo que sexa imprescindible, evitando que sexan maiores de 70 anos. 
7. Se utilizan o aseo, debe ser limpado á continuación con lixivia rebaixada. 
8. Se atenden varios profesionais no mesmo centro, redúcese o aforo a un terzo. 
9. Prohibición de consumo de comida nin chicles ou similares. Se se leva auga, teñen que tirarse as botellas dentro dunha bolsa plástica. 
10. Separación dos espazos físicos de traballo. Duplicación de espazos comúns e salas de espera. 
11. Minimizar, no posible, a agrupación temporal das persoas traballadoras e dos doentes en todo momento. 
12. Aumento dos colectores para a recollida de desperdicios. 
13. Colocación de carteis nos accesos recordando as normas de hixiene. 
 
Ademais, en relación cos Centros de Recoñecemento, informamos de que os distintos trámites administrativos con carácter non urxente quedaron paralizados, polo tanto, os trámites para a renovación de permisos coa Dirección Xeral de Tráfico están aprazados.
 
Esta información irase actualizando de acordo coa evolución das normativas e instrucións dadas polas autoridades sanitarias.