Servizo de atención psicolóxica a través do 112 para toda a poboación pola emerxencia sanitaria por coronavirus

5/4/2020

O luns 6 de abril, a Xunta de Galicia pon en marcha un dispositivo de atención psicolóxica a través do 112, dirixido a toda a poboación galega, para atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental que ten esta emerxencia sanitaria polo coronavirus. Este servizo será prestado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en concreto, a través dos e das profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), e está accesible para calquera persoa que o precise a través do teléfono de emerxencias 112 as 24 horas do día, 7 días á semana.

Esta situación pode provocar altos niveis de estrés ou ansiedade, derivados do confinamento e da falta da rede habitual de apoio que temos as persoas, a soidade que ocasiona o illamento social, os problemas laborais e por suposto, situacións de sufrimento pola hospitalización ou perda de seres queridos afectados pola enfermidade. Estes son algúns exemplos do impacto psicolóxico que está ocasionando esta emerxencia e que estarán atendidos por estes psicólogos e psicólogas sanitarias e clínicos, que contan cunha ampla experiencia no eido das intervencións en situación de crise.

O dispositivo estará activo durante as 24 horas do día, 7 días a semana, mentres dure a emerxencia, e actuará en estreita coordinación cos psicólogos e psicólogas clínicas do SERGAS para derivar a aquelas persoas que requiran dunha atención máis especializada.