AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Sinatura dos convenios para a atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero

11/4/2019

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, asinaron o día 8 de abril dous convenios para a atención psicolóxica, dirixido a mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes.

Mediante este convenio permítese o desenvolvemento dos dous programas para abordar de xeito integral esta problemática que tan presente está na nosa sociedade, Abramos o Círculo, destinado a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella e coa súa familia, e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade, e o Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, orientado ás mulleres, menores e persoas vítimas.

Na mesma liña de atención psicolóxica no ámbito da violencia de xénero, tamén tivo lugar a sinatura do convenio para a posta en marcha dun servizo nos xulgados de quenda de garda psicolóxica, especializada e permanente, para mulleres e os seus fillos e fillas menores que sofren violencia de xénero. A atención terá carácter inmediato para as posibles situacións de urxencia, que se vén prestando a requirimento das forzas e corpos de seguridade, naqueles casos nos que se cumpran os criterios para a activación deste servizo, as 24 horas do día, os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais galegos.

A decana resaltou como novidade a inclusión como potenciais beneficiarias por primeira vez ás vítimas da “violencia vicaria”, isto é, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador. Tamén fixo especial fincapé na prevención desde as idades máis temperás como ferramenta real para a erradicación da violencia de xénero.