Xestións do COPG na emerxencia sanitaria por COVID19

25/3/2020

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia estamos a traballar en diversos puntos nesta emerxencia que desexamos que coñezas:  

1. Estamos a traballar en coordinación co resto dos colexios profesionais que integran o Consejo General de la Psicología para a posta en marcha en breve, en coordinación co Goberno central, dun servizo de atención psicolóxica, profesional e con todas as garantías, dirixido a persoas afectadas por esta emerxencia, desde colectivos específicos (profesionais sanitarios, outros profesionais, familiares de persoas falecidas…) e tamén á poboación en xeral. Así mesmo, abordarase o impacto económico na profesión en conxunto, para propoñer medidas a nivel xeral.

2. Constituíse no COPG un grupo de traballo desde a Sección de Psicoloxía e Saúde e o GIPCE (Grupo de Intervención psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) que está a elaborar materiais e asesorar á Consellería de Sanidade en materia de Saúde Mental.

3. Estamos  a demandar con insistencia que a Xunta de Galicia poña en funcionamento canto antes un dispositivo de atención psicolóxica vía telefónica tendo en conta o grave impacto desta emerxencia sanitaria. En todo caso, NON sería a través de voluntariado. Esa asistencia ten que ser profesional, desde o Colexio non promovemos ningunha iniciativa de voluntariado.

4.A través do GIPCE e das seccións, estanse a elaborar materiais para a poboación e colectivos profesionais que nos están a demandar información, pautas de afrontamento etc. Este material tamén o imos poñendo a disposición pública para que poida ser empregado polos colexiados e colexiadas.

5. Varios colectivos profesionais e administracións locais contactaron co Colexio para solicitar a posta en marcha de dispositivos de atención psicolóxica, que se poñerán en marcha en breve de forma profesional, é dicir, non a través de voluntariado.

6. Estamos recollendo e enviando aos colexiados e colexiadas a información que ofrecen as fontes oficiais en relación co exercicio da Psicoloxía nesta emerxencia sanitaria. Así mesmo, xestionouse un servizo para poder ofrecer asistencia psicolóxica online e de forma segura.

7. Realizouse unha adaptación dos servizos conveniados en materia de violencia de xénero coa Administración Pública para garantir o seu funcionamento en condicións de seguridade.

8. Todo o equipo administrativo do Colexio está a través de teletraballo para ofrecer a resposta máis eficaz posible ás demandas que recibimos.

Iremos actualizando esta información no sucesivo coas novidades que se produzan.