Nestas datas do Nadal a sociedade consumista que impera hoxe obríganos a mercar cada vez máis e especialmente para os cativos e as cativas da familia, que esperan con ilusión un monte de regalos. Desde a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia gustaríanos facer unha serie de recomendacións á hora de agasallar no Nadal con acerto, apropiadamente e sen caer no exceso.
En primeiro lugar, escribir unha carta a Papá Noel ou aos Reis Magos é un momento especial para compartir, onde a familia ten que orientar as decisións sobre o que os pequechos e pequechas van pedir. Debemos axudarlles a reflexionar sobre cales son os regalos que realmente lles fan ilusión e explicarlles que non van recibir todo o que pidan. Tamén se debe procurar que non se deixen arrastrar polos impulsos consumistas provocados pola publicidade destas datas nin polos antollos e así a carta será moito máis axuizada.
É primordial que respectemos as recomendacións de seguridade, elixindo o xoguete axeitado para cada idade, as habilidades e as capacidades do neno ou nena, evitando aqueles excesivamente sofisticados que anulan a imaxinación e a creatividade. No caso de agasallar un videoxogo, este non debe ser violento, sexista nin discriminatorio, e deberase limitar desde o principio o tempo de xogo.
Máis vale calidade que cantidade: previamente debe acordarse entre todos os membros da familia un número razoable de agasallos que os nenos e nenas recibirán en total durante o Nadal e para axudarnos a decidir cales son os agasallos máis axeitados, podemos ter en conta como prioridades os seguintes tipos de regalos:
- O regalo que máis ilusión lle faga, que desexe moito e que debería aparecer na súa carta.
- Un bo libro que esperte o seu interese (de narrativa, científico, de animais, etc.).
- Un xogo para compartir en familia: para xogar con persoas de distintas idades e incluso xeracións.
- Un regalo práctico para usar, como roupa, complementos ou material escolar.
- Regalos “creativos” que poden resultar moi ilusionantes, por exemplo, “vales de tempo” para pasar tempo de lecer en familia, dar un paseo ou ir ao cine.
Chegado o día, ademais dos agasallos, os nenos e as nenas poden recibir tamén unha carta de resposta de Papá Noel ou dos Reis Magos á que eles ou elas fixeron onde se poñan de manifesto os progresos realizados durante o ano, se destaquen os seus valores e se lles anime a seguir avanzando nese camiño.