O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creou no ano 2017 dous tipos de axudas para os colexiados e colexiadas do COPG en situación de desemprego, dirixidas ás actividades formativas que organiza o Colexio:
a) Bolsa gratuíta: Axuda cun desconto do 100% no prezo da actividade formativa.
b) Bolsa 50%: Axuda cun desconto do 50% no prezo da actividade formativa.
En cada actividade formativa ofértanse un total de oito prazas para colexiados e colexiadas en situación de desemprego, das cales catro bolsas son gratuítas e outras catro bolsas son do 50%.
A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, na súa Asemblea Xeral de colexiados e colexiadas do 13 de decembro de 2022 aprobou que estas bolsas leven o nome dunha colexiada recentemente falecida, Filomena Garrido Blanco, que traballou moito pola profesión, Queremos que permaneza a súa lembranza de xeito permanente na institución á que tanto achegou como colexiada, especialmente a través da Sección de Psicoloxía Xurídica e na loita contra as violencias machistas.
A intención é que o seu legado quede vinculado a unha iniciativa tan positiva como é a de apoiar as psicólogas e psicólogos a continuar formándose e medrando profesionalmente superando as dificultades propias do inicio da carreira laboral ou nos momentos de reincorporación á actividade profesional.