Preguntas frecuentes ante a Comisión de Ética e Deontoloxía

1. É necesario estar colexiado para exercer?
Sí, é OBRIGATORIO, tanto no ámbito privado como público.
Segundo o Decreto 46/2021 (Xunta de Galicia) polo que se aprobaron os Estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, os cales no seu artigo 6, punto 1, establécese que "a incorporación ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é requisito indispensable e obrigatorio para o exercicio profesional nos termos previstos na lexislación estatal vixente".

Artigo 3.2 Lei de Colexio Profesionais (2/1974, de 13 de febreiro)

CONSENTIMENTO PARA INTERVIR

2. Cando hai que solicitar o consentimento para intervir cun/ha menor?

Sempre que vaiamos atender un/ha menor de 16 anos, necesitamos o consentimento do seu pai/nai (se ostenta a patria potestade) ou titores. Se non están separados/divorciados, chega co consentimento dunha das partes sempre que ambos ou dous non estean en conflito.

Se o/a menor se atopa no tramo de idade entre 12 e 16 anos poderase avaliar a madurez do menor para que este poida consentir.

Artigo 25 do Código Deontolóxico

3. Para atender un/ha menor, cos seus pais divorciados, é necesario o consentimento de ambos os proxenitores?

Si. É necesario o consentimento dos proxenitores que ostenten a patria potestade, xa que sobre eles recae a capacidade de decisión sobre a saúde dos seus fillos.

Artigo 25 do Código Deontolóxico
Artigo 42 do Código Deontolóxico
Artigo 156 do Código Civil

4. Que podo facer se un dos proxenitores se opón á atención psicolóxica dun/dunha menor?

No caso de existir oposición por parte dun dos proxenitores, o/a profesional non pode intervir e verase na obriga de interromper a súa intervención si esta xa estivese comezada. Se considera que a atención é imprescindible, pode expoñerlle ao proxenitor solicitante que pida ao Xulgado o permiso pertinente e se o/a xuíz/a o autoriza, poderá iniciar ou retomar a intervención.

Artigo 25 do Código Deontolóxico
Artigo 42 do Código Deontolóxico
Artigo 156 do Código Civil

5. Se un proxenitor está a ser investigado nun caso de violencia de xénero, é necesario obter o seu consentimento para atender aos seus fillos/as menores?

Non, non é necesario ter o seu consentimento, coa condición de que a situación de violencia de xénero estea acreditada.

Real Decreto Lei 9/2018, de 3 de agosto de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

6. Se un proxenitor está a ser investigado nun caso de violencia de xénero, é necesario informarlle de que se van atender aos seus/súasa fillos/as?

Si. Deberá ser informado tanto do feito da intervención, como das características esenciais da mesma, a condición de que a situación de violencia de xénero estea acreditada e o proxenitor non estea privado da patria potestade.

Real Decreto Lei 9/2018, de 3 de agosto de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Artigo 25 do Código Deontolóxico
Artigo 42 do Código Deontolóxico

INFORMES

7.  Se estou a ver a  un/unha menor en consulta, que ten os seus pais separados, e fago un informe a un dos proxenitores que mo solicitou teño que dar o informe ao outro proxenitor?

Si, os/as profesionais da psicoloxía deben atender as peticións de informes ou información de calquera proxenitor que non estea privado da patria potestade a fin de que poida decidir para o ben do/a menor. O dereito a recibir información sobre as/os fillas/os, é independente de que ostente ou non a garda e custodia, e de quen sexa o solicitante da intervención ou informe.

Artigo 42 do Código Deontolóxico

CONFIDENCIALIDADE

8. Se a parella ou familiar da persoa que estou a atender en consulta me pide información sobre ela, podo darlla?

Non, toda a información que se recolle no transcurso de calquera avaliación e/ou intervención psicolóxica é confidencial e só se pode comunicar a outras persoas se o/a cliente o autoriza de forma expresa e isto é independente da relación que teña o/a cliente coa persoa que solicita a información, xa sexa familiar, parella, etc...

As únicas excepcións a isto son se o/a cliente é menor de idade sanitaria ou se se solicita por orde xudicial.

Artigo 40 do Código Deontolóxico
Artigo 41 do Código Deontolóxico

RELACIÓNS DUAIS

9. Se estou a facer terapia psicolóxica cun paciente, podo facer un informe pericial sobre esa mesma persoa?

Non. Un informe pericial, como calquera informe, debe ser imparcial e o/a profesional que o realiza non debe ter ningún tipo de relación previa, nin profesional nin persoal que menoscabe esa imparcialidade coa persoa implicada na súa exploración pericial.

Artigo 15 do Código Deontolóxico
Artigo 29 do Código Deontolóxico

10. Se fun perito nun xuízo de familia, podo realizar unha intervención terapéutica con algúns dos/as peritados/as?

Non. Ter realizado unha pericial afectaría a necesaria neutralidade que o/a profesinal debe garantir e a posibilidade de establecer unha axeitada confianza terapéutica co/a paciente.

Artigo 15 do Código Deontolóxico

Artigo 29 do Código Deontolóxico

DETECCIÓN DE MALOS TRATOS

11. Se detecto malos tratos nun/nunha menor que estou a atender, teño que notificalo?

Si, e ademais é recomendable recoller por escrito as actuacións que se van levando a cabo por se a denuncia deriva nun proceso xudicial civil ou penal.

Lei orgánica 8/2021 de 4 de xuño de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia
Artigo 8 do Código Deontolóxico

12.  Se un/unha menor me conta que un familiar próximo está a abusar del/ de ela e os proxenitores ou titores non fan nada respecto diso, como debo actuar?

Se consideramos que a integridade do/a menor está en risco, debemos actuar para que se inicie a necesaria protección, e dependendo da valoración de risco que se faga, pódese optar por que sexa os propios proxenitores ou titores quen finalmente leven a cabo a denuncia, ou sexa o/a propio/a psicólogo/a quen poña a situación en coñecemento das autoridades (Fiscalía, Xulgado de Garda ou Policía/Garda Civil). É recomendable ir deixando constancia destas actuacións de forma escrita por se da denuncia se deriva un futuro proceso xudicial penal ou civil (de familia garda e custodia).

Lei orgánica 8/2021 de 4 de xuño de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia
Artigo 8 do Código Deontolóxico
Artigo 15 do Código Deontolóxico
Artigo 16 do Código Deontolóxico

13. Se unha muller me conta que a súa parella a agrede e non quere denuncialo, teño obriga de denuncialo?

Depende. Deberíamos denunciar se valoramos que existe un risco para a súa integridade física/psicolóxica, estando a muller en situación tan acusada que non é capaz de tomar unha decisión libre, ou se hai menores afectados/as.

Con todo, se non existe un risco inminente ou grave, pódese optar por facer un traballo de concienciación da muller respecto á súa situación de vítima e, especialmente, da situación de vítimas dos/das fillos/as (se os houbese) e da obriga de protexelos, animándoa e dándolle a oportunidade de que sexa ela mesma que tome a decisión de denunciar de maneira autónoma.

Artigo 8 do Código Deontolóxico
Artigo 40 do Código Deontolóxico
Artigo 41 do Código Deontolóxico

CITACIÓN XUDICIAL

14. Se exercín como terapeuta e me chaman a declarar nun xuízo, teño a obriga de asistir?

Si, cando recibimos unha citación xudicial, temos a obriga de acudir. É importante levar o noso DNI, carné colexial e a citación recibida. Se unha persoa non acode ao chamamento xudicial poderá ser sancionada cunha multa de 200 a 5000 euros. Se a súa conduta persiste, poderá ser declarada culpable dun delito de obstrucción a xustiza.

Artigo 410 de Lei Criminal (páx. 78)