CAPÍTULO I
Disposicións Xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
- O presente Regulamento de Procedemento Disciplinario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dítase en desenvolvemento da Lei 2/1974, de 13 de febreiro, de Colexios Profesionais, modificada pola Lei 25/2009, de 22 de decembro, de modificación de diversas Leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, e dos Estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, aprobados por Decreto 114/2008, de 22 de maio, adaptado á Lei 30/1992, de 26 de novembro, sobre Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, na súa vixente redacción, e ao Regulamento do Procedemento para o Exercicio da Potestade Sancionadora, Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto.
- Este Regulamento será de aplicación a todos os psicólogos e psicólogas colexiados que incumpran os seus deberes profesionais, corporativos ou deontolóxicos, sen prexuízo das responsabilidades civil ou penal esixible aos mesmos.
- En todo o non previsto neste Regulamento, aplicaranse as normas relacionadas no apartado 1 deste artigo.
Artigo 2. Concorrencia de sancións e independencia dos procedementos
- Non poderán sancionarse os feitos que teñan sido revisados penal ou administrativamente nos casos nos que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.
- Se unha vez iniciado o procedemento, se estima que existe identidade de suxeito, feitos e fundamento entre a presunta infracción deontolóxica e unha posible infracción penal, comunicarase ao Ministerio Fiscal ou ao órgano xurisdicional competente, solicitando testemuño sobre as actuacións practicadas respecto da comunicación.
- En tal suposto, así como cando se teña coñecemento de que se está substanciando un proceso penal no que concorran as circunstancias referidas no apartado anterior, deberá acordarse a suspensión do procedemento ata tanto recaia resolución xudicial firme.
- Durante o tempo no que estivera en suspenso o procedemento sancionador polos motivos sinalados neste artigo, entenderanse interrompidos tanto o prazo de prescrición da infracción coma o de caducidade do propio procedemento.
- Os feitos declarados probados por resolucións xudiciais penais firmes vincularán ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia respecto aos procedementos sancionadores que substancie.
Artigo 3. Medidas de carácter provisional
- A Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou a proposta da Comisión de Ética e Deontoloxía poderá, de forma motivada, adoptar medidas provisionais ou cautelares que tendan a asegurar a eficacia da resolución final que puidera recaer, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e as esixencias dos intereses xerais ou a colexiación. Estas medidas provisionais poderán consistir na suspensión temporal da colexiación ou a inhabilitación total ou parcial para o desempeño da profesión da Psicoloxía.
- A resolución que acorde a suspensión provisional no exercicio da profesión deberá ser notificada á persoa afectada segundo lo establecido no artigo 7 deste Regulamento e será recorrible en todo caso.
A suspensión provisional manterase durante e sen prexuízo da suspensión do procedemento disciplinario prevista no artigo anterior. - Con independencia da medida anterior, o órgano competente para resolver poderá adoptar outras medidas que tendan a asegurar a eficacia da resolución que puidera recaer.
No se poderán tomar medidas provisionais que poidan causar prexuízos de difícil ou imposible reparación ás persoas interesadas ou que impliquen violación de dereitos amparados por leis.
Artigo 4. Órganos competentes
- A Xunta de Goberno será o órgano competente para exercer a potestade disciplinaria respecto aos psicólogos e psicólogas colexiados. A tal fin, corresponderalle a facultade de iniciar e resolver os procedementos disciplinarios.
- A Comisión de Ética e Deontoloxía será o órgano competente ao que lle corresponderá a tramitación e proposta de resolución dos expedientes disciplinarios. Para elo gozará de autonomía respecto aos demais órganos do Colexio, podendo recabar de todos eles cantos antecedentes, informes e documentos considere necesarios, así como os medios persoais e materiais imprescindibles para o desenvolvemento da súa función.
Artigo 5. Faltas e sancións
A cualificación das faltas e a súa tipoloxía, así como as sancións que se poden interpoñer ás colexiadas e colexiados serán as establecidas nos Estatutos.
Artigo 6. Dereitos das persoas imputadas
As persoas imputadas respecto de quen se sigan procedementos disciplinarios, terán os seguintes dereitos:
- Á presunción de inocencia.
- A ser notificados dos feitos que se lle imputen, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, no seu caso, se lles puideran impoñer, así como da identidade do instrutor ou instrutora, do órgano competente para impoñer a sanción e da norma que atribúa tal competencia.
- A absterse de declarar no procedemento seguido na súa contra, formular as alegacións que estime oportunas e utilizar os medios de defensa admitidos polo Ordenamento Xurídico que resulten procedentes.
- Aos demais dereitos recoñecidos pola Lei 30/1992.
Artigo 7. Tramitación y notificacións
- O procedemento disciplinario impulsarase de oficio en todos os seus trámites.
- As notificacións poderán ser feitas por correo certificado no enderezo que o psicólogo ou psicóloga teña comunicado oficialmente ao Colexio, e sen prexuízo da responsabilidade que puidera derivarse por no ter comunicado regulamentariamente o seu eventual traslado de enderezo.
- O enderezo designado será considerado como o da persoa denunciante durante toda a tramitación do expediente ata que designe outro se así lle conviñera e seguirán practicándose o intentándose as notificacións dos trámites sucesivos nese lugar aínda cando as comunicacións sexan devoltas polo Servizo de Correos. A persoa denunciante non poderá alegar a falta efectiva de notificación se se intentou no enderezo que consta no expediente.
CAPÍTULO II
Iniciación das actuacións
Artigo 8. Iniciación do procedemento
- O procedemento iniciarase sempre de oficio por acordo da Xunta de Goberno, ou de quen teña delegada tal competencia de conformidade co artigo 10.2 do presente Regulamento; ben por propia iniciativa ou como consecuencia dunha denuncia debidamente razoada.
O inicio do mencionado procedemento poderá dar lugar á apertura dun período de información previa ou á apertura do expediente disciplinario nos termos previstos nos artigos 9 e 10 deste Regulamento. - As denuncias deberán especificar os datos sobre as condutas ou feitos que puideran constituír infracción corporativa, a data ou o tempo no que se tiveran producido e, cando sexa posible, a identidade dos presuntos responsables. Dita denuncia deberá estar asinada.
- Cando se considere que a denuncia carece manifestamente de contido deontolóxico ou é inverosímil ou mendaz, poderá decretarse o seu arquivo sen máis trámite. A resolución que dispoña o arquivo notificarase á persoa denunciante para que, no seu caso, deduza os recursos correspondentes.
Poderá igualmente, con carácter previo e por prazo de dez días, requirirse á persoa denunciante para que ratifique a súa denuncia e, no seu caso, complete, aclare ou aporte a documentación ou antecedentes que sexan necesarios para determinar a admisión a trámite da denuncia e sinale enderezo a efectos de notificacións. O requirimento conterá a advertencia de que, expirado o prazo sen terse atendido, poderá decretarse o arquivo da denuncia.
O enderezo designado será considerado como o da persoa denunciante durante toda a tramitación do expediente ata que designe outro se así lle conviñera e seguirán practicándose ou intentándose as notificacións dos trámites sucesivos nese lugar aínda cando as comunicacións sexan devoltas polo Servizo de Correos. A persoa denunciante non poderá alegar a falta efectiva de notificación se se ten intentando no enderezo que consta no expediente.
Artigo 9. Información previa
- Poderá iniciarse o procedemento abríndose un período de información previa co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de proceder á apertura do expediente disciplinario. En tal caso, designará un ou unha ponente, membro da Comisión de Ética e Deontoloxía que poderá realizar de oficio as actuacións que considere necesarias para o exame e comprobación inicial dos feitos que puideran constituír unha infracción, recabando os datos e informacións que estime poidan ser relevantes para determinar a posible existencia de responsabilidades dignas de investigación.
- O acordo de apertura do período de información previa notificarase á persoa imputada con advertencia de que as alegacións e descargos que efectúe poderán servir para a adopción de acordo de imposición dunha sanción por infracción leve, e participarase da súa adopción á persoa denunciante, no seu caso. O acordo non será susceptible de recurso algún e interromperá o prazo de prescrición da falta que lle dea orixe.
- A resolución da información previa acordará decretar o arquivo das actuacións por non apreciarse responsabilidade deontolóxica; impoñer sanción de apercibimento por escrito ou reprensión privada por estimarse leve a infracción, ou a apertura do expediente disciplinario.
O acordo de arquivo ou de sanción por infracción leve, notificarase á persoa denunciante, aos efectos de interposición de recursos.
Artigo 10. Apertura do expediente disciplinario
- O acordo de iniciación do expediente deberá conter:
- Identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.
- Os feitos, sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente, a súa posible cualificación e as sancións que puideran corresponderlle, advertindo que sen prexuízo do que resulte da instrución.
- O nomeamento do instrutor ou instrutora e, no seu caso, secretario ou secretaria, con expresa indicación da súa identidade e do réxime da súa posible recusación.
- Órgano competente para a resolución do expediente e norma que lle atribúe tal competencia.
- Medidas de carácter provisional que se teñan acordado polo órgano competente, sen prexuízo de que se poidan adoptar durante o transcurso do procedemento.
- A indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento dentro do prazo de 15 días, para ademais, presentar documentos e, no seu caso, propoñer proba, concretando os puntos de feito ou extremos sobre os que haxa versar e os medios de que pretenda valerse e a posibilidade de que poida recoñecer a súa responsabilidade voluntariamente, en cuxo caso, se imporá a sanción que corresponda no seu grado mínimo.
- A Xunta de Goberno poderá con carácter xeral delegar a competencia para acordar a apertura do expediente disciplinario e demais trámites necesarios no Decano ou Decana, nun dos seus membros, nun grupo deles ou na Comisión de Ética e Deontoloxía.
- O acordo de iniciación notificarase ás persoas interesadas. Dita notificación incluirá, ademais dos extremos comúns a toda notificación, as seguintes advertencias:
- Que, de non efectuar alegacións sobre o contido do acordo de apertura do expediente, dito acordo poderá ser considerado proposta de resolución, cando conteña un pronunciamento preciso en todos os elementos que a integran, de conformidade co establecido no artigos 16 e 19 deste Regulamento.
- A posibilidade do recoñecemento de responsabilidades nos termos e cos efectos previstos no artigo 9 do presente Regulamento.
- Cando se trate de infraccións leves, poderán sancionarse sen necesidade de tramitar previamente o expediente disciplinario regulado neste Regulamento, se ben serán sempre esixibles a audiencia previa ou descargo da persoa inculpada e resolución motivada. A audiencia previa ou descargo poderán practicarse ou formularse dentro da información previa prevista no artigo 9 do Regulamento.
Artigo 11. Ampliación e acumulación
- Se, como consecuencia dos actos de instrución do procedemento, apareceran presuntos responsables dos feitos que non constaran na iniciación deste, a Comisión de Ética e Deontoloxía incluiraos no mesmo. A formalización de dito acordo terá, como mínimo, o contido indicado no número 1 do artigo 10, e seguiranse respecto dos mesmos trámites establecidos neste Regulamento.
- Calquera procedemento iniciado poderá ser acumulado a outros cos que garde identidade ou íntima conexión, sen que caiba recurso contra tal resolución.
Artigo 12. Recoñecemento de responsabilidades
Iniciado o procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece explicitamente a súa responsabilidade poderase resolver sen máis trámite coa imposición da sanción que proceda.
CAPÍTULO III
Instrucción
Artigo 13. Actos de instrución e alegacións
Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución realizaranse de oficio pola Comisión de Ética e Deontoloxía, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a propoñer aquelas actuacións que requiran a súa intervención ou constitúan trámites legais ou regulamentariamente establecidos.
Artigo 14. Período de proba
- Unha vez presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sinalado, a Comisión de Ética e Deontoloxía acordará a apertura dun período probatorio nos seguintes supostos:
- Cando, no trámite de alegacións establecido, o solicite a persoa expedientada ou a denunciante con proposición de medios de proba concretos e expresión dos puntos de feito ou extremos que pretenda acreditar, sempre que algún dos medios propostos sexa considerado pertinente polo instrutor ou instrutora, quen poderá asemade incluír a práctica doutros medios de proba que estime convenientes, ademais e con independencia dos propostos polas partes.
- Cando o instrutor ou instrutora o considere necesario para o esclarecemento dos feitos e determinación dos responsables, acordando en tal caso a práctica de todas cantas probas estime necesarias.
A resolución pola que o instrutor ou instrutora ordene a práctica de probas será notificada á persoa expedientada e á denunciante, no seu caso.
- O instrutor ou instrutora motivará as súas decisións de inadmisión da solicitude de apertura de período probatorio e de rexeitamento de medios de proba concretos, en aplicación do disposto na lexislación de Procedemento Administrativo Común.
- Solo poderán ser declaradas improcedentes, de maneira motivada, aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.
- Nos casos en que, a petición da persoa expedientada o da denunciante, deban efectuarse probas cuxa realización implique gastos, o Colexio poderá esixir unha provisión de fondos, a reserva da liquidación definitiva, unha vez practicada a proba. A liquidación dos gastos practicarase unindo os comprobantes que acrediten a realidade e a contía dos mesmos.
- A práctica da proba efectuarase conforme ao previsto pola lexislación de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.
- Os acordos que adopte a Comisión de Ética e Deontoloxía en materia de proba non serán susceptibles de recurso, que en ningún caso suspenderá a tramitación do expediente e resolverase no acordo que poña fin ao expediente.
- Cando a valoración das probas practicadas poida constituír o fundamento básico da decisión que se adopte no procedemento, por ser peza imprescindible para a avaliación dos feitos, deberá incluírse na proposta de resolución.
Artigo 15. Prórroga de prazos. Suspensión de prazos
- A Comisión de Ética e Deontoloxía poderá, motivadamente, prorrogar os prazos de ditos trámites de alegacións e o período de proba, por unha sola vez durante idéntico ou inferior tempo ao establecido nos artigos 10 e 14 deste Regulamento sempre que, polo número e a natureza das probas a practicar, a complexidade das situacións fácticas e cuestións xurídicas analizadas ou outras razóns atendibles, sexa preciso para lograr a adecuada determinación dos feitos e as responsabilidades ou para garantir a eficaz defensa das persoas expedientadas. A expresión da causa concreta deberase conter expresamente no escrito no que se solicite ou acorde a prórroga.
- Mentres dure a prórroga, quedará suspendido o prazo de caducidade para a resolución do procedemento.
- Tendo en conta a transcendencia da dilixencia de proba acordada, ata o punto de que puidera ser determinante do acordo resolutorio do expediente e en virtude do disposto no artigo 42.5 da Lei 30/1992, poderase suspender o transcurso do prazo máximo para emitir a proposta de resolución e para resolver o expediente polo tempo que medie entre a notificación da providencia de proba e o seu cumprimento ou, no seu defecto, o transcurso do prazo concedido para elo.
- O transcurso do prazo máximo para emitir a proposta de resolución e para resolver tamén se suspenderá:
- Cando se requira a calquera persoa interesada para a subsanación de deficiencias e a achega de documentos e outros elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento polo destinatario ou, no seu defecto, o transcurso do prazo concedido.
- Cando se acorde solicitar informes que poidan determinar o contido da resolución a órganos ou servizos do Colexio ou dalgunha Administración, polo tempo que medie entre a petición, que deberá comunicarse ás persoas interesadas, e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada ás mesmas.
- Cando se acorden probas técnicas, durante o tempo necesario para a incorporación das mesmas ao expediente.
Artigo 16. Proposta de resolución e alegacións
- Instruído o procedemento, o instrutor ou instrutora formulará proposta de resolución, na que se fixarán de forma motivada os feitos, especificándose os que se consideren probados e a súa cualificación xurídica, determinarase a infracción que aqueles constitúan e a persoa ou persoas que resulten responsables, especificándose a sanción que propón que se impoña e as medidas provisionais que se tiveran adoptado, no seu caso.
De apreciarse polo instrutor ou instrutora a non existencia de infracción ou responsabilidade, proporá o arquivo. - Se, como consecuencia da instrución do procedemento, resultase modificada a determinación inicial dos feitos, a súa posible cualificación, as sancións que poidan ser impostas ou as responsabilidades susceptibles de sanción, notificarase todo elo á persoa interesada na proposta de resolución.
- A proposta de resolución notificarase ás persoas interesadas, indicándolles a posta de manifesto do expediente e concedéndolles un prazo de 15 días hábiles para que poidan efectuar as alegacións e presenten os documentos que estimen pertinentes ante o instrutor ou instrutora do procedemento e que non teñan podido aportar no trámite anterior.
- No suposto de que algunha das partes aportara nova documentación, xunto coa súa alegación, darase traslado dela ás outras por prazo improrrogable de cinco días a fin de que poidan pronunciarse e alegar sobre a documentación presentada e o seu contido.
- O instrutor ou instrutora, transcorrido o prazo de alegacións, teñan sido ou non formuladas, remitirá a proposta de resolución, xunto con todos os documentos, actuacións e alegacións que obren no expediente, á Xunta de Goberno para resolver o procedemento.
Artigo 17. Protección do expediente deontológico
O expediente deontolóxico aloxarase no ficheiro de datos de carácter persoal do Colexio, que deberá cumprir as medidas de seguridade establecidas para o nivel de seguridade medio, previstas no Real Decreto 1720/2007, polo que se aproba o Regulamento de Desenvolvemento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
O uso deste ficheiro e a súa xestión no exercicio da xestión disciplinaria regularase conforme ao acordo da Xunta de Goberno de 25 de xuño de 2010, polo que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que dá soporte ao Arquivo de Expedientes Deontolóxicos (DOG de 5 de outubro de 2010).
CAPÍTULO IV
Resolución do expediente
Artigo 18. Actuacións complementarias
- Antes de ditar resolución, a Xunta de Goberno para resolver o procedemento, poderá decidir, mediante acordo motivado, sobre a realización de actuacións complementarias que considere necesarias para a resolución do procedemento.
Dito acordo notificarase ás persoas interesadas que, dentro do prazo de quince días, poderán alegar o que estimen conveniente.
As actuacións complementarias practicaranse nun prazo que non excederá de quince días e durante a súa realización quedará suspendido o prazo para resolver o procedemento. - Unha vez realizadas as actuacións complementarias, porase o seu resultado á vista da persoa expedientada e da denunciante, no seu caso, a fin de que poidan alegar o que estimen pertinente no prazo de sete días. Durante este prazo quedará suspendido o prazo para resolver o procedemento.
- Non terán a consideración de actuacións complementarias os informes que precedan inmediatamente á resolución do procedemento.
Artigo 19. Resolución
- A resolución deberá ser motivada e deberá decidir sobre todas as cuestións plantexadas polas persoas interesadas, así como aquelas outras derivadas do expediente, e poderá conter, no seu caso, as disposicións cautelares precisas para garantir a súa eficacia en tanto no sexa executiva.
- Na resolución non se poderán ter en conta feitos distintos dos que resulten acreditados na fase de instrución do procedemento, salvo os que resulten, no seu caso, das actuacións complementarias previstas no artigo anterior. A resolución poderá efectuar unha valoración diferente dos feitos determinados.
- Se a Xunta de Goberno considerase que a infracción reviste maior gravidade que a proposta polo instrutor ou instrutora, porase de manifesto tal circunstancia á persoa expedientada e á denunciante, no seu caso, para que formulen cantas alegacións estimen convenientes, concedéndoselles para elo un prazo de quince días, quedando tamén neste caso suspendido durante este período o prazo para resolver o procedemento.
- A resolución que poña fin ao procedemento ademais de ser motivada, deberá fixar os feitos, incluíndo a valoración das probas, determinar a persoa ou persoas responsables, infracción ou infraccións cometidas e a sanción ou sancións que se impoñen ou a declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade.
- A resolución notificarase á persoa expedientada e, se o procedemento se tivera iniciado como consecuencia de denuncia, tamén se realizará dita notificación a quen a tivera formulado. A notificación expresará os recursos que contra a resolución procedan, os órganos administrativos ou xudiciais ante os que tiveran que presentarse e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que poida exercitar calquera outro que estime oportuno.
- Transcorrido o prazo máximo para ditar resolución, o expediente declararase caducado, sen prexuízo da iniciación dun novo procedemento se as infraccións non tiveran prescrito.
CAPÍTULO V
Réxime de recursos
Artigo 20. Actos recorribles
- As resolucións dos órganos competentes que poñan fin ao procedemento serán recorribles conforme ao disposto pola lexislación vixente.
- Non serán recorribles os acordos de apertura do expediente disciplinario ou de información previa, nin os actos de mero trámite. Sen embargo, a oposición aos mesmos poderá en todo caso alegarse por quen a teña formulado para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación de tales actos no recurso que, no seu caso, se interpoña.
Artigo 21. Interposición de recursos
- Contra a resolución que dite a Xunta de Goberno poderá interpoñerse recurso de reposición ante a propia Xunta de Goberno, ou acudir directamente á xurisdición contencioso administrativa, na forma prevista nas disposicións vixentes sobre a materia.
- Están lexitimadas para recorrer a persoa denunciante, a denunciada ou calquera persoa física ou xurídica con interese lexítimo.
- O recurso de reposición interporase no prazo de 1 mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, debendo resolverse no prazo de 1 mes. Transcorrido o respectivo prazo sen terse ditado e notificado a resolución do recurso, este entenderase desestimado.
CAPÍTULO VI
Execución
Artigo 22. Execución das resolucións sancionadoras
- As resolucións da Xunta de Goberno ditadas non poderán executarse ata que teñan adquirido firmeza, con independencia das medidas provisionais que poidan ser adoptadas.
- A competencia para a execución das sancións corresponde ao órgano corporativo que teña ditado o acordo orixinario de imposición, incluso cando se trate de expedientes disciplinarios por actuacións profesionais levadas a cabo no ámbito territorial do Colexio Oficial de Psicólogos distinto ao de residencia.
O Colexio que teña imposto a sanción acordará a súa execución e, previa coordinación co Colexio de residencia, e co Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos en canto a outras posibles sancións en curso, o seu período de cumprimento. Seguidamente, notificarao ao Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos para que este informe aos restantes Colexios Oficiais de Psicólogos de España.
Artigo 23. Publicidade e efectos das sancións
- As sancións disciplinarias poden ser feitas públicas cando ganen firmeza. O Colexio informará das sancións segundo dispón a Lei de Colexios Profesionais:
- Atendendo as solicitudes de información sobre as sancións firmes impostas aos colexiados e colexiadas.
- A través do portelo único, informando da situación de habilitación profesional dos colexiados e colexiadas.
- As sancións que impliquen suspensión no exercicio da profesión ou expulsión dun Colexio terán efectos no ámbito de todos os Colexios Oficiais de Psicólogos de España, a cuxo fin haberán ser comunicadas ao Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos para que este llo traslade aos demais Colexios, aos efectos procedentes.
As restantes sancións deberán ser tamén comunicadas ao Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos aos efectos procedentes.
CAPÍTULO VII
Extinción da responsabilidade disciplinaria
Artigo 24.Causas de extinción da responsabilidade disciplinaria
- A responsabilidade disciplinaria dos colexiados e colexiadas extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción.
- Se durante a tramitación do procedemento disciplinario se producira o falecemento da persoa expedientada ditarase resolución declarando extinguida a responsabilidade e arquivando as actuacións.
- A baixa no exercicio profesional non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, aínda que poida determinar a imposibilidade actual de executar a sanción que se puidera acordar.
En tal suposto, concluirase por parte do Colexio a tramitación do procedemento disciplinario e, en caso de sanción, a súa execución quedará en suspenso ata o momento no que a persoa colexiada cause novamente alta no exercicio da profesión, ben no seu seo ou incorporándose a calquera outro dos Colexios do Estado Español.
En todo caso, o Colexio que teña imposto a sanción deberá comunicar a sanción imposta ao Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos para o seu traslado e efectos procedentes no ámbito de todos os Colexios Oficiais de Psicólogos de España.
CAPÍTULO VIII
Rehabilitación
Artigo 25. Rehabilitación e cancelación das anotacións das sancións
Anularanse as anotacións de faltas leves da persoa expedientada no ficheiro de datos de carácter persoal, transcorrido un ano desde a última anotación, de faltas graves transcorridos tres anos desde a última anotación e de faltas moi graves transcorridos cinco anos desde a última anotación.
Disposición Adicional Primeira
Aos efectos do presente Regulamento, calquera mención relativa ás persoas colexiadas debe entenderse igualmente atribuíble ás sociedades profesionais inscritas no Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais ao abeiro da Lei 2/2007, de 15 de marzo, de Sociedades Profesionais, como suxeitos pasivos de responsabilidade deontolóxica, sen prexuízo da que puidera atribuírse aos seus membros.
Disposición Transitoria
Os expedientes disciplinarios abertos antes da entrada en vigor deste Regulamento e que se atopen en tramitación en dita data rexeranse ata a súa conclusión polas normas vixentes no momento da súa incoación.
Disposición Derrogatoria
Á entrada en vigor do presente Regulamento quedará derrogado o Regulamento de Procedemento disciplinario en vigor, así como as restantes disposicións ou acordos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia de igual ou menor rango que se opuxeran ao disposto no mesmo.
Disposición Final
O presente Regulamento, aprobado pola Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia na súa sesión ordinaria do 19 de marzo de 2013, entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación.