Editoriais
25 anos sostendo emocións nas emerxencias galegas
Este 2021 cúmprense 25 anos do xermolo que deu lugar ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Nacía como a Comisión de Protección Civil, tras evidenciarse os prexuízos ocasionados pola ausencia dun enfoque psicolóxico en dúas importantes situacións de emerxencia: o embarrancamento do Casón en 1987 e os sismos na zona de Becerreá, en Lugo, en 1995.
Sobre aquelas bases que construíron un grupo de psicólogos e psicólogas de diversos ámbitos de intervención (da clínica, da intervención social, da educativa, das organizacións…) foise definindo un proxecto ambicioso, no que se implicou a Administración galega coa sinatura do primeiro convenio en maio de 1997. A partir de aí, grazas á formación, ao adestramento e ao compromiso de moitos colexiados e colexiadas que se implicaron neste grupo, foi medrando o que a partir de 2004 se constituíu como GIPCE.
Unha evolución que pasou dun rol de asesoramento profesional á Administración en situacións de emerxencia a alcanzar a entidade dunha rede de profesionais capaz de dar unha resposta eficaz en situación de emerxencia e catástrofe en calquera punto de Galicia todos os días do ano as 24 horas do día.
As emerxencias son as cicatrices da nosa historia máis recente. Algunhas son profundas feridas que nos conmocionaron no seu momento, como o accidente do tren Alvia en 2013, a caída do globo aerostático en Santiago de Compostela en 2004 e, máis recentemente, a explosión dunha pirotecnia ilegal en Tui. Pero son máis de 250 intervencións ao longo deste cuarto de século: 25 anos sostendo as emocións das persoas que atravesan un dos momentos máis difíciles da súa vida.
O GIPCE é a garantía dunha asistencia integral, de calidade, nas emerxencias galegas, que ten probada a súa eficacia ao longo de todo este tempo. Un conxunto de colexiados e colexiadas que desde o seu compromiso profesional, cunha vocación de servizo á sociedade, interveñen xunto con outros equipos de profesionais para reducir o impacto destas experiencias, tanto coas persoas afectadas, como cos propios intervenientes.
E tamén supón o claro exemplo da utilidade social da psicoloxía, estando ao servizo das persoas e das comunidades nun momento dramático, no que en tan só un intre todo cambia. A actuación do GIPCE, integrado dentro dos protocolos de activación do 112, ao longo de tantos anos nas meirandes emerxencias, así como nas máis pequenas que nos pasan desapercibidas, facilitou a proxección social da profesión, no seu conxunto, como un servizo esencial neste tipo de situacións.
Para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é un motivo de orgullo contar cun equipo de profesionais tan comprometidos que forman parte do GIPCE, ou que pasaron por este grupo sumando e construíndo algo moito maior. Os nosos parabéns por este importante aniversario e o agradecemento por levar tan lonxe a psicoloxía.
Teletraballo: unha nova cultura laboral
Nunca tanto se falou do teletraballo como neste último ano; un novo vello escenario para a Psicoloxía do Traballo e das Organizacións que se debuxa como un dos retos importantes que ten a nosa profesión neste ámbito no futuro inmediato. Se ben a pandemia trouxo unha confusión que vai máis alá dunha cuestión semántica entre teletraballo e traballo en remoto, agora que albiscamos a chegada dunha nova -agora si- pero incerta normalidade, cómpre aplicar a óptica psicolóxica para analizar este importante cambio emerxente na contorna laboral que veu para quedar.
O traballo en remoto irrompeu en marzo de 2020 para garantir a continuidade operativa para empresas e organizacións limitando a exposición innecesaria ao coronavirus, así que de súpeto, un número moi importante de persoas traballadoras atopáronse desenvolvendo a súa actividade profesional desde os seus fogares. Lugares que a miúdo non estaban preparados para isto, sen a infraestrutura nin as competencias requiridas, e nos que ademais, foi unha solución para a conciliación, para atender os coidados de nenos, nenas e persoas dependentes. Este contexto marca a diferencia máis substancial co que coñecíamos como teletraballo ata o momento, un modelo de organización distinto, con profundos cambios estruturais que nos obrigan a repensar a nosa cultura laboral.
Unha sociedade líquida, como definía o filósofo Zygmunt Bauman, e que transcende tamén no contexto laboral pospandmémico, no que a dixitalización e a flexibilidade definen un modelo laboral moito máis "líquido", polo tanto, inestable e cambiante, que incide directamente no benestar psicolóxico das persoas traballadoras. De feito, moitas persoas que están traballando en remoto ou o fixeron neste tempo, manifestan percepcións negativas como o incremento de tempo traballado, a indefinición de tempo de lecer e tempo de traballo, as dificultades de comunicación, o illamento, a desconexión coa organización, etc. As ferramentas tecnolóxicas, esenciais para o desenvolvemento da actividade a distancia, favorecen unha dispoñibilidade as 24 horas do día que dá lugar a unha dificultade para deixar o traballo e a un maior risco de estrés coñecido como o "tecnoestrés". Incluso as videoconferencias están causando unha fatiga pola que as persoas traballadoras manifestan sentir ansiedade, estrés e esgotamento polo uso excesivo deste tipo de ferramentas, bautizada como "fatiga Zoom".
Isto tradúcese en sentimentos de soidade, estrés ou ansiedade, polo tanto, problemas de tipo psicolóxico, o que nos obriga a deseñar un modelo de teletraballo coa óptica da psicoloxía para analizar os posibles riscos laborais que pode implicar tamén no plano do benestar e da saúde laboral -tamén a psicolóxica- das persoas que adoptan esta modalidade de traballo. Cómpre tamén aplicar á ollada de xénero e coidar de que o teletraballo non supoña un incremento na desigualdade das mulleres, xa que nesta pandemia, moitas recorreron a esta modalidade para poder asumir os labores de coidado, o que se traduce nun retroceso na corresponsabilidade nos fogares. O teletraballo non pode supoñer recluír as mulleres no fogar, invisibilizalas no mercado laboral e frear as súas posibilidades de promoción.
Traballar desde a casa ofrece grandes vantaxes, como a maior flexibilidade, as oportunidades de conciliación, a produtividade, un aforro económico e un menor impacto medioambiental pola redución de desprazamentos, o incremento da creatividade, maior autonomía etc. Pero temos que atender o benestar psicolóxico das persoas que adoptan esta modalidade, a cuestións como o deseño dos postos de traballo, a avaliación dos riscos psicolóxicos e sociais, a prevención de posibles trastornos, entre outras. Desde setembro de 2020 contamos con lexislación específica nesta materia, que regula o modo en que a empresa e a persoa empregada deben acordar as condicións para o teletraballo (cuestións como os horarios, equipamento, custos asociados, distribución do traballo ou a protección de datos e seguridade da información, por exemplo); pero non é suficiente para atender o aspecto psicolóxico.
Neste sentido, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a través da Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións publicouse en 2020 unha Guía de Recomendacións desde a Psicoloxía para o Teletraballo, con orientacións dirixidas tanto a empregadores como a persoas empregadas, coa intención de axudar a que esta experiencia laboral sexa saudable e produtiva. O asentamento desta modalidade de traballo nun mercado laboral que aínda é incerto esíxenos continuar pendentes de coidar este aspecto tan importante na vida das persoas que é o modelo laboral e no que a Psicoloxía é unha das voces imprescindibles.
Saúde mental e COVID-19
Tras un ano de vida pandémica, cómpre preguntarse sobre a adaptación a esta nova normalidade que é vivir na excepcionalidade permanente. Unha emerxencia sanitaria que deixa máis de 2.200 persoas falecidas en Galicia, que segundo os estudos perderon de media dezaseis anos de esperanza de vida. Talvez precisemos pórlle números a todo isto para ser conscientes da magnitude da traxedia, ese mal das persoas adultas que nos dicía O Principiño.
Mentres a chegada das vacinas abre a porta á esperanza a unha saída á vida restrinxida que mantemos, en maior ou menor medida, desde hai un ano, permitímonos botar unha ollada cara adiante, pensando no que quedará despois de tal experiencia. A pegada psicolóxica é inmensa, como conclúen os primeiros estudos científicos realizados neste tempo. Ansiedade, estrés trastornos depresivos ou problemas de sono son algúns dos efectos psicolóxicos máis manifestados. As profesións sanitarias están soportando un tirón demasiado longo, pero tampouco escapan a esta presión persoas traballadoras de sectores esenciais, como dos supermercados, do ensino ou dos servicios sociais comunitarios.
Na terceira edición de Tempo da Psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, lanzamos a nosa ollada cara á pandemia, como non podía ser doutro xeito. As persoas maiores, como albo máis afectado pola COVID-19; mais tamén a xente máis moza que está medrando entre estas restricións; ou tamén aquelas que están experimentando unha maior afectación na súa saúde mental; proporcionamos unha ollada reflexiva sobre o que está acontecendo, como estamos de preparados e os retos que nos quedan por diante.
A Organización Mundial da Saúde subliñou a importancia de integrar a saúde mental nos plans de preparación e resposta para as emerxencias de saúde pública, e chamou aos estados a reforzar a e mellorar o número de recursos de servizos de saúde mental e de apoio psicolóxico dentro da cobertura dos seus sistemas sanitarios públicos, ademais de aumentar a asignación orzamentaria destinada á saúde mental.
Non hai saúde sen saúde mental. Nunha afirmación tan sinxela como obvia radica a preocupación coa que enfocamos o presente e o futuro inmediato: estamos nas portas dunha crise económica de dimensións inéditas, cunha rede pública asistencial fortemente danada tras este ano tan complexo. As previsións acenden todas as alarmas, e Galicia, líder en problemas de saúde mental como ansiedade, depresión, suicidio ou alcoholismo, debera tomar nota para investir no Servizo Galego de Saúde e atender estas necesidades. Especialmente importante sería achegar a asistencia sanitaria á poboación a través dos servizos de Atención Primaria, para poder prestar unha intervención máis temperá e evitar caer exclusivamente na prescrición de psicofármacos e, por tanto, evitar caer prácticas iatroxénicas pola ausencia de recursos máis apropiados, como a psicoloxía clínica.
Afortunadamente, a maioría de nós sairemos adiante polos nosos propios medios. Pero é responsabilidade das administracións dotar dos recursos suficientes, incluídos os da psicoloxía clínica, para que todas aquelas persoas que o precisen, especialmente aquelas nunha situación de vulnerabilidade, poidan acceder a unha atención apropiada. A experiencia previa noutras crises debería ser máis ca suficiente para saber a neglixencia que supón non coidarmos da saúde mental.
Cando chegou a hora da verdade, a imaxe que nos devolveu o espello estaba lonxe do desexable, nin sequera do merecido; nese momento quebrouse a inxenuidade de pensarmos que estabamos preparados, tras anos e anos minguando os recursos da nosa Sanidade. A hora da verdade foi unha ameaza invisible que correu como a pólvora por todo o planeta e que agora, que podemos coller algo aire para revisar danos, só chegamos a albiscar o impacto real. Das chanzas sobre o coronavirus, alá por febreiro ou mesmo a comezos de marzo, a un confinamento inédito na sociedade contemporánea que nos introduciu nunha realidade distópica que aínda nos ten somerxidos nun sentimento de irrealidade.
A emerxencia sanitaria da COVID-19 está a supoñer o test de estrés definitivo aos servizos públicos, nomeadamente ao Sistema Público de Saúde, pero tamén aos servizos sociais, á educación... E foi aí, cando tocou apertar, que vimos que os anos e anos de recortes tiñan consecuencias, que agora se traducían en recursos insuficientes, en profesionais da saúde desbordados, retorcendo as cifras para que parecese que o noso sistema podía soportar o que viña por diante mentres se montaban hospitais de campaña; con residencias de maiores en precario, con servizos sociais escuálidos. E por suposto, cunha atención psicolóxica insuficiente, como vimos denunciando desde este Colexio hai décadas.
O 13 de maio, a Organización Mundial da Saúde fixo un chamamento a «aumentar substancialmente os investimentos para evitar unha crise de saúde mental», na presentación do Informe de políticas sobre a COVID-19 en materia de saúde mental, mentres que reclamaba empregar esta oportunidade para compensar a clamorosa falta de investimento nos servizos de saúde mental, e así garantir que todas as persoas poidan acceder ao apoio psicolóxico. Non poderíamos coincidir máis.
Das leccións que nos deixará a vivencia da COVID-19 (da que aínda non saímos e ignoramos como se desenvolverá), sen dúbida, unha das máis importantes é a de protexer e investir na nosa Sanidade Pública, como o ben máis prezado; unha defensa que debemos facer tamén do conxunto dos servizos públicos como garante de benestar para a cidadanía.
Urxe descentralizar e achegar a asistencia psicolóxica á cidadanía instaurando a figura do profesional da psicoloxía nos centros de Atención Primaria. Isto permitiría un acceso máis rápido da poboación, especialmente para as persoas que se viron máis afectadas pola pandemia (persoas maiores, nenos, nenas e adolescentes, vítimas de violencia de xénero, vítimas de abusos, profesionais expostos/as, superviventes ao COVID-19 etc.).
Debemos asegurar que todos os equipos de orientación dos centros educativos contan cun profesional da psicoloxía que poida dar resposta ás necesidades emocionais que presenten os nenos, nenas e adolescentes como consecuencia da pandemia ao seu regreso ás aulas. Se algo debemos ter aprendido nestes meses é a importancia do aspecto emocional no desenvolvemento dos rapaces e rapazas. Precisamos contar con psicólogos e psicólogas nos servizos sociais e nos CIMs de todos os concellos de Galicia para que poidan atender as demandas psicolóxicas da veciñanza, aguzadas neste momento.
Porque se ben todo quedou sometido ao interese de saúde pública para frear a expansión do coronavirus, é responsabilidade tamén da Administración Pública facer fronte ao impacto psicolóxico que esta experiencia ocasiona. E como tan oportunamente sinalou a OMS, a precaria atención á saúde mental e ao benestar psicolóxico, consecuencia da falta de investimento endémica nestes servizos, debe ser compensada, pero con obxectivos a longo prazo, non con parches no inmediato.
Unha sociedade na que todas as persoas teñan garantida a accesibilidade ao apoio psicolóxico é un dos obxectivos máis claros que temos por diante. Porque, desde logo, é impensable falar de saúde sen contemplar a saúde mental e o benestar psicolóxico; máis aínda en tempos de pandemias.
Transformarse cos tempos
A tecnoloxía proporcionounos un radical cambio no noso modo de vida. As ferramentas da comunicación nas últimas dúas décadas evolucionaron dunha maneira evidente e con elas foron transformándose as nosas formas de relacionarnos, e tamén a lexislación incorporou estes novos contextos.
Non é momento de abordar a tecnoloxía desde unha ollada apocalíptica, senón que desde unha postura integradora, esta Xunta de Goberno decidiu apostar por seguir os tempos e mudar para aproveitar as oportunidades que brinda a tecnoloxía. Ao longo deste ano, a Comisión para a Innovación e Dixitalización do COPG estivo a desenvolver un proxecto para a transformación dixital do Colexio que neste primeiro trimestre de 2020 entrará na súa fase pública.
Trátase do maior cambio no modo de xestión e traballo administrativo da historia do Colexio, e vai moito máis alá de cumprir cunha obriga legal de adaptación á normativa vixente en materia de procedemento administrativo. Estamos transformando por completo porque cremos importante que poidamos contar cunha ferramenta tecnolóxica que simplifique toda a tramitación que realizades os colexiados e colexiadas co propio Colexio e tamén coa Administración; é dicir, que a vosa propia adaptación laboral ao contexto electrónico vaia acompañada desde o colexio profesional.
Este proceso aséntase en diversos engrenaxes que xuntos configuran un sistema áxil, moderno e flexible para adaptarse ás necesidades e posibles cambios que poidan darse no futuro. Por unha banda, o COPG está en proceso de darse de alta como Autoridade de Rexistro para a emisión de certificados dixitais. Isto significa que todos aqueles colexiados e colexiadas que o desexen poderán solicitar ao Colexio o seu certificado dixital con atribución profesional, ou sexa, que o recoñece como psicólogo colexiado ou colexiada diante de calquera administración pública ou outra entidade, e así poder empregalo en todos os trámites que realice a nivel profesional, desde o seu posto de traballo, sen ter que empregar o seu certificado persoal.
Por outra banda, estase a preparar a sede electrónica, que será a nosa Administración na rede. Unha administración con todas as garantías legais que permitirá realizar unha morea de trámites sen ter que desprazarse ao Colexio: altas, baixas, participación en procedementos, inscricións etc.
E finalmente, un último aspecto que afectará á xestión interna, a través da transformación dixital de todos os procedementos administrativos grazas a unha ferramenta de xestión documental. Esta ferramenta axilizará significativamente todos os procedementos administrativos que na actualidade resultan moito máis lentos, porque se realizan de modo manual, o que permitirá simplificar as tarefas e reducir tempos e custos económicos.
Unha transformación que sitúa a Galicia como unha comunidade pioneira na dixitalización, xa que será o primeiro colexio profesional do conxunto do Estado que dea este paso. É un investimento económico moi importante pero o retorno é importante tamén, porque gañamos en axilidade, en garantías legais, en oferta de servizos e, por suposto, nunha mellor relación entre o Colexio e os nosos colexiados e colexiadas, que debe constituír tamén unha prioridade na toma deste tipo de decisións.
Así que nas vindeiras semanas iremos incorporando moitas novidades e teremos puntual información para que resulte o máis sinxelo posible. Neste camiño da transformación dixital precisamos, por suposto, da túa participación: as dificultades que detectes, as oportunidades que consideres que debemos abordar…, todas as persoas que formamos a comunidade do Colexio debemos contribuír a mellorar este proceso de cambio para facilitar o avance. Porque neste proceso o fundamental non é a ferramenta, senón que as persoas que nos relacionamos a través dela poidamos sentirnos cómodas e confiadas, polo que o factor humano é crucial.
Máis de mil asasinos machistas
Comezaba o verán cunha triste estatística: desde 2003, máis de mil mulleres foran asasinadas polas súas parellas ou exparellas, de acordo co rexistro que mantén o goberno estatal para as vítimas de violencia de xénero. Unha cifra que esconde outra que precisa que deitemos luz sobre ela: en pouco máis de dezaseis anos, máis dun milleiro de homes convertéronse en asasinos pola única causa do machismo.
A terrorismo machista ten o rostro das mulleres, pero fóra do foco quedan os asasinos machistas, responsables da violencia exercida. Probablemente porque os mitos da violencia contra a muller sempre fan alusión ao carácter inevitable destas agresións, dentro duns estereotipos de xénero que lle outorgan ao home características intrínsecas como un carácter máis impulsivo, agresivo e violento, e que se xustifican por eses mesmos mitos, como os celos ou os arrebatos pasionais. Mitos ou bulos, que procede máis neste tempo das noticias falsas, que foron transmitíndose de xeración en xeración e que chegan aos nosos días en formas contemporáneas pero cargada da mesma ideoloxía machista de hai séculos.
Bulos que seguen a desprazar do centro da cuestión ao machismo e aos agresores machistas, pero que cando o feminismo pretende enfocar sobre eles para superar a violencia de xénero, a reacción contraria estoura con máis mitos, estereotipos e clixés que frean a igualdade real entre mulleres e homes.
Un novo 25 de novembro sairemos á rúa a dicir "non" á violencia de xénero. Mentres, a reacción do machismo será a de cuestionar a súa propia existencia, negándolle o xénero á violencia mediante mentiras e perversións da linguaxe e dos propios feitos que buscan reducir o apoio social ás vítimas. O Convenio de Istambul, que é o marco lexislativo internacional ao que debe adaptarse a nosa normativa estatal, indica que as diferencias de xénero "crean un mecanismo co que se mantén a muller nunha situación de subordinación". Un mecanismo que ten na violencia a súa máxima expresión.
A pretensión de empregar terminoloxía como "violencia doméstica" ou "violencia intrafamiliar" para desacreditar a existencia da violencia estrutural contra a muller, é unha demostración da intención de negar as relacións de desigualdade de poder entre mulleres e homes. Isto faise ao tentar reducilo a un problema particular e privado, e invisibilizando que é consecuencia dunha estrutura social patriarcal tolerante coa violencia machista -e que se foi mantendo tamén grazas a a ela.
O mesmo acontece cando se nos presenta ao agresor como un enfermo mental, un tolo ou un monstro. Un estigma que afecta a todo un conxunto de persoas que padecen enfermidades mentais, a través do cal se vincula as condutas delitivas co feito de presentar algún tipo de patoloxía mental e que novamente, relega a violencia de xénero a unha cuestión particular e individual.
Son estratexias que pretenden negar o carácter estrutural da violencia contra a muller, pero que desde a psicoloxía, cunha apropiada formación transversal en xénero, debemos desarticular, xa que do contrario, a nosa práctica profesional estará sendo neglixente. Máis dun milleiro de asasinos por violencia de xénero en dezaseis anos non é unha cuestión privada nin particular; é terrorismo machista.
Falemos do suicidio
3.027 persoas falecidas por suicidio en Galicia
2010-2018
Tres mil vinte e sete persoas faleceron por suicidio entre 2010 e 2018 en Galicia, de acordo co que se recolle nas memorias publicadas polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Pecharemos a década cunha cifra dolorosa, especialmente porque o suicidio pode previrse, tal e como indican entidades internacionais como a Organización Mundial da Saúde, e como se nos lembrou este 10 de setembro, no Día Mundial pola Prevención do Suicidio.
O suicidio é un problema de saúde pública, frecuentemente oculto e silenciado, pero no que é crucial poñer o foco para previr estas mortes evitables. Este 2018 pechábase co dato menos negativo de toda a serie desde que existe rexistro no Imelga (ano 2005), que indica que en Galicia faleceran 288 persoas por suicidio, o que nos afasta dos 394 rexistrados en 2014.
No labor de visibilización e loita por un plan autonómico para a prevención do suicidio, materializado en 2017, tivo un papel esencial o Movemento Galego da Saúde Mental, unha plataforma da que este Colexio tamén forma parte xunto con outras moitas entidades e profesionais do ámbito da saúde mental. Grazas a isto, conseguiuse falar máis que nunca deste grave problema de saúde pública, a primeira causa de morte externa no conxunto do Estado e que en Galicia agora se sitúa por detrás das caídas accidentais. Porque falar da conduta suicida é imprescindible para superar o estigma que a rodea e que constitúe un impedimento para a busca de axuda por parte das persoas que teñen ideacións autolíticas ou dos seus achegados.
Abriuse un camiño por parte do goberno galego, pero continuamos a precisar máis medidas que aposten pola prevención do suicidio, porque non podemos considerar que esta baixada da taxa de suicidio galega sexa un bo dato, só é un rexistro menos malo que o anterior, que acadara unhas cifras insoportables.
Pero vemos cuestións pendentes que teñen que ser prioritarias para o executivo autonómico, comezando por prover de persoal suficiente para a atención á saúde mental na nosa Comunidade. Galicia é a autonomía coa peor dotación de profesionais da saúde mental do conxunto do Estado, cunha ratio de especialistas en psicoloxía clínica de 3,51 por cada 100.000 habitantes, ben lonxe dos 5,71 da media española. Sen garantir unha adecuada atención psicolóxica no Servizo Galego de Saúde é imposible que se poida atallar a prevención do suicidio, especialmente cando non se recolle a prestación de psicoloxía clínica na Atención Primaria.
Este incremento do persoal require tamén vir acompañado dunha dotación orzamentaria que garanta a aplicación das medidas, e ampliar a ollada recoñecendo que na prevención do suicidio non se debe abordar só desde o plano sanitario, senón que os factores sociais e económicos teñen unha influencia contrastada, tal e como indicou a OMS.
Os máis de 3.000 galegos e galegas que faleceron por suicidio nesta última década constitúen a imaxe dun problema social que non podemos tolerar se pretendemos ser unha sociedade desenvolvida.
Apagando lumes
A relación das persoas co traballo é complexa e paradóxica. Mentres que algúns aspectos da relación laboral poden xerar motivación e satisfacción, incrementando o benestar, outros poden provocar malestar e insatisfacción, socavando progresivamente a saúde. Este é o caso, por exemplo, da sobrecarga de traballo, as expectativas pouco claras ou pouco realistas, ou a interacción continuada con clientes, persoas usuarias e pacientes; todos eles factores precursores do que se coñece coloquialmente como síndrome da traballadora ou traballador queimados. Precisamente, a vaguidade desta denominación provocou durante anos a tentación de frivolizar sobre a natureza e magnitude dos problemas de saúde provocados polo “lume” do traballo. Pero o burnout, termo co que se nomea en inglés, é algo máis que sentirse desgastada ou desgastado; é unha enfermidade real que, en casos graves, pode comprometer a integridade mesma das persoas.
De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de recoñecer o desgaste profesional como unha categoría diagnóstica con entidade propia na Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE-11), estando caracterizada por síntomas psicolóxicos (esgotamento), sociais (indolencia e despersonalización) e profesionais (sentimento de ineficacia e falta de realización) como resultado da perda da capacidade para adaptarse con éxito ao entorno de traballo. O recoñecemento expreso do desgaste profesional como un problema laboral, ligado ao emprego ou ao desemprego, proporciona unha definición máis precisa, clara e urxente da síndrome. E, ao mesmo tempo, contribuirá definitivamente a visibilizar o problema e favorecer intervencións axeitadas.
Sen dúbida, a psicoloxía ten moita responsabilidade neste fito toda vez que é a disciplina que fixo maiores contribucións para comprender este fenómeno, propoñendo solucións integrais a nivel individual, grupal e/ou organizacional. Algunhas destas intervencións procuran tratar o burnout despois de que se produza, mentres que outras se centran no desenvolvemento de estratexias preventivas. Porén, os custos persoais, sociais e organizativos do desgaste profesional poden ser considerables en termos de saúde física, benestar psicolóxico e rendemento no traballo, polo que unha estratexia de prevención primaria na que se dean os pasos requiridos para minimizar o risco antes de que ocorra é o enfoque máis racional e prudente. En consonancia con esta afirmación, o foco no ámbito laboral é esencial para que as intervencións poidan tratar exitosamente o esgotamento. Así, o protocolo de intervención máis eficaz é o resultado de combinar cambios na práctica organizacional con intervencións centradas na persoa. As intervencións organizacionais son necesarias para cambiar calquera área da vida laboral, pero son insuficientes a menos que vaian acompañadas de intervencións psicolóxicas que transmitan as habilidades, competencias e actitudes individuais necesarias. Nin cambiar o escenario laboral nin cambiar os individuos é suficiente por si só; o cambio efectivo ocorre cando ambas as formas de intervención se desenvolven de forma integrada.
Hai varios camiños para entender a experiencia da xente no seu contexto laboral e para desenvolver xeitos innovadores cos que mellorar o axuste persoa-traballo. Para avanzar cara a ese obxectivo, é imprescindible crear lugares de traballo máis saudables. É evidente que o próximo gran reto pasa polo traballo en colaboración entre académicos e profesionais para deseñar, implantar e avaliar programas de intervención que sexan realmente eficaces. A OMS deu un paso de xigante, xa é hora de que os líderes empresariais sigan o exemplo. As e os profesionais da Psicoloxía están preparados.
É tempo da psicoloxía
De todas as iniciativas que promovemos desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a meirande parte das actividades van dirixidas ao colectivo de psicólogos e psicólogas, como é razoable. Pero entendemos que temos unha función social que nos obriga a saír do marco estritamente do profesional e contribuír ao desenvolvemento da psicoloxía na sociedade.
Sabemos que unha das necesidades que ten a psicoloxía en Galicia é unha maior divulgación, xa que aínda é perceptible un certo descoñecemento das posibilidades que ten este ámbito científico na súa aplicación, máis acusado en certos contextos. E a máxima de que "o que non se coñece non se demanda" é o que nos conduciu a deseñar unha proposta estable para mellorar a difusión da psicoloxía.
Este obxectivo é plenamente compartido desde a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e tras anos de excepcional colaboración entre as dúas institucións, acordamos dar un paso máis cun proxecto compartido. A cooperación é unha das mellores ferramentas para o desenvolvemento e o progreso social. Así nacía Tempo da Psicoloxía, un programa de actividades ao longo de varios días abertos ao público xeral e que aplica a óptica da psicoloxía a temas de interese social.
O nome Tempo da Psicoloxía é unha dobre referencia. Por unha banda, á apertura dun espazo temporal no que o psicolóxico é protagonista, pero pola outra, pretendemos facer unha reivindicación de que é tempo, é hora, de que a psicoloxía ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade. Xa non é unha ciencia nova, así que é o momento de sacudir estigmas ou prexuízos e situar a psicoloxía interactuando cos demais axentes sociais desde a madurez e a evidencia científica contrastada.
A resposta a este proxecto foi excelente. As portas ás que chamamos abríronse de par en par. Así fomos definindo unha serie de palestras nas que conversamos sobre o tema escollido para este ano: a violencia, achegándonos a contextos próximos e moi cotiáns. Pensamos no deporte, nos centros educativos, no ámbito da familia ou na violencia de xénero, e unha vez localizados certos axentes sociais claves en cada un deles, organizamos un formato de faladoiro que facilitase o intercambio de experiencias e de coñecementos.
A psicoloxía é saúde e é benestar; é intervención pero tamén é prevención. Son moitos os desafíos e as necesidades sobre as que pode actuar a nosa profesión: na saúde, na educación, na xustiza, no laboral e organizacional, nos servizos sociais… Cuestións como o acoso escolar, a violencia contra as mulleres, o maltrato á infancia ou as agresións no deporte, que xeran unha gran preocupación social, precisan tamén dunha abordaxe desde a psicoloxía para poder atallalos.
Esta foi a primeira edición, pero virán máis, sobre diversas temáticas e aí precisamos contar co teu apoio para impulsar, difundir e participar neste proxecto no que temos depositada moita ilusión e enerxía. Porque sabemos que unha sociedade cunha psicoloxía forte será unha sociedade mellor. Abriuse un novo Tempo da Psicoloxía.
Por unha atención psicolóxica accesible
En 2004 constituíanse en Galicia os primeiros Servizos Comúns de Atención ao Cidadán e Asistencia á Vítima nos Xulgados da Coruña e Pontevedra, e catro anos despois chegaban ao resto das sete cidades galegas. Unhas oficinas que, de acordo coa lexislación, debían proporcionar unha atención tamén no plano psicolóxico, pero que ata moitos anos despois, finais de 2017, non foi unha realidade.
Neste tempo, o Colexio reclamou por todas as formas posibles que se cubrise ese dereito da poboación, chegando a ser a única comunidade autónoma do Estado que non cumpría con este deber. Hoxe en día, por fin, hai atención psicolóxica nos xulgados galegos. Con isto queremos poñer un exemplo de que, se ben podemos contar con marcos legais moi garantistas, a realidade é ben distinta e o deber do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é manterse vixiante para que non se vexan conculcados os dereitos da cidadanía. É que de pouco serven as leis se non hai recursos para poder desenvolvelas debidamente.
Este exemplo poderíamos estendelo a múltiples ámbitos dos servizos públicos. Poderíamos falar do acceso á psicoloxía clínica na sanidade pública; do clamoroso baleiro de profesionais da psicoloxía nos centros educativos; da precariedade -cando non ausencia- de psicólogos e psicólogas nos servizos sociais…
Por iso, este 2019 decidimos poñer o foco na accesibilidade á atención psicolóxica, para que poidamos contar con psicólogos e psicólogas suficientes nos concellos, nos hospitais, nos centros educativos, nos xulgados, nas escolas deportivas, nas organizacións, nas empresas ou nos centros de saúde, por exemplo. Porque unha sociedade que presume ser desenvolvida non pode ser tal se a súa cidadanía non pode acceder á atención psicolóxica.
Segundo a Enquisa Estrutural de Fogares que anunciaba recentemente o Instituto Galego de Estatística, 1 de cada 5 persoas residentes en Galicia está en risco de pobreza ou de exclusión social. O Instituto Nacional de Estatística publicaba a finais de ano que 323 persoas se suicidaran en Galicia en 2017. Aumentaron sensiblemente as mortes por accidentes de tráfico. O consumo de antidepresivos en Galicia aumentou un cincuenta por cento en cinco anos e duplica, practicamente, á media española. Case unha de cada dez persoas en Galicia sufriu nalgún momento da súa vida algún trastorno mental vinculado ao consumo excesivo de alcohol, case o triplo respecto á media estatal. As denuncias por violencia de xénero incrementáronse na nosa Comunidade no que levamos de ano un 12,3%.
Son datos que nos lembran que Galicia precisa contar cunha atención psicolóxica garantida e accesible para a súa poboación, e que as súas circunstancias específicas nos obrigarían a ter uns recursos superiores a outros territorios para poder atender esas demandas específicas. E igual que resaltamos estes datos, poderíamos falar de atención temperá, de acoso escolar, de riscos psicosociais, de deporte, de trastorno mental grave, de envellecemento…, de tantos e tantos aspectos nos que a nosa profesión é necesaria e que contribúe á saúde e ao benestar das persoas e das comunidades.
Defendemos unha atención psicolóxica accesible, unha cuestión que vimos defendendo desde o mesmo nacemento deste Colexio, que herdamos e que esperamos superar no curto prazo. Porque ese é o mellor legado que podemos deixar, para a nosa profesión pero, especialmente, para toda a sociedade.
A psicoloxía educativa, unha materia pendente
É tempo das mochilas novas, dos libros de texto con arrecendo a estrea, das compras de material escolar. Un novo curso escolar que comeza e no que miles de nenos e nenas e de adolescentes volven ás aulas, mentres as súas familias confían en que saquen o mellor posible nos meses que veñen por diante.
En cambio, este novo curso devólvenos vellos retos, materias que como sociedade vimos arrastrando pendentes ano tras ano sen que as poidamos superar con éxito, nas que non logramos un "progresa adecuadamente" e que necesitamos mellorar. Falamos do fracaso escolar, do acoso e da violencia dentro das aulas, da atención ás necesidades educativas específicas… Nos centros de ensino haberá unha grande ausente e, de momento, non se lle espera: a psicoloxía educativa.
A Organización Mundial da Saúde publicaba un informe a comezos de 2018 sobre os dereitos da infancia en España no que recoñecía a importancia de que en todas as escolas públicas houbese psicólogos e psicólogas. No mesmo documento reclamaba a creación de protocolos de diagnóstico e de tratamento do trastorno por déficit de atención e hiperactividade para o que sinalaba que era importante desenvolver modalidades alternativas á medicación: "que os medicamentos psicotrópicos e psicoestimulantes se prescriban como último recurso e unicamente despois de ter levado a cabo unha avaliación individualizada do interese superior do neno e de que se proporcionase información dabondo aos nenos e aos seus pais acerca do tratamento médico, dos seus posibles efectos secundarios e doutras alternativas non médicas".
Pero se entramos nunha aula, veremos que o psicofármaco é o único tratamento que están a recibir cada vez máis nenas e nenos, cando está probado que as intervencións psicolóxicas e sociais son fundamentais e, de feito, máis efectivas que as farmacolóxicas. Un dos escasos recursos cos que contan as familias, que son as becas para alumnado con necesidades específicas que ofrece anualmente o Ministerio de Educación, vense recortadas en cada convocatoria. Se ben hai dous anos tivemos que asistir á decisión de excluír os psicólogos e psicólogas como profesionais para impartir a reeducación pedagóxica e de audición e linguaxe, cuestión contestada con vehemencia desde este Colexio e a través do Consejo General de la Psicología e que finalmente foi subsanada, o endurecemento dos criterios de acceso provoca que cada vez máis familias e, polo tanto, máis nenos e nenas non poidan beneficiarse destas axudas, sen ningún recurso público que as substitúa. Se pode, págueo, e se non, a nada.
Como ben recolleu nun manifesto a Sección de Psicoloxía Educativa do COPG, a convocatoria desvirtúa a finalidade destas bolsas, xa que atenta contra os principios educativos de inclusión, equidade e igualdade. O alumnado con TDAH diagnosticado como grave está excluído destas convocatorias, igual que outros trastornos como dislexia, dislalia, autismo etc., esquecidos nas bases por non xerar discapacidade nin trastorno grave de conduta. Polo tanto, o único recurso que ofrece a rede pública específico para estes nenos e nenas é, pois, o psicofármaco, contradicindo todas as evidencias científicas que recomendan unha abordaxe previa desde o eido psicolóxico e do social e, no seu caso, en conxunto coa farmacolóxica.
Pero de contar con psicólogos e psicólogas educativas nos centros de ensino e con ratios sensatas, o Estado estaría a proporcionar esa abordaxe multidisciplinaria e cumpriría co papel que se lle require. Sempre pensamos nas nenas e nenos como o noso futuro, pero somos responsables do seu presente e cada dereito conculcado agora son oportunidades roubadas para mañá.
Un compromiso renovado
Ilusión e responsabilidade; talvez sexan estas as palabras que mellor recollan as emocións que moven o equipo que integramos a nova Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Recollemos a testemuña do camiño andado ata agora, de preto de catro décadas de traballo colectivo levantando os vimbios da psicoloxía profesional en Galicia e sobre eles continuaremos tecendo os novos retos que veñen por diante.
Para este período marcamos tres áreas como prioridades estratéxicas á hora de deseñar un plan de goberno. En primeiro lugar, debe ser a etapa da consolidación da psicoloxía na sociedade. Somos unha profesión nova, pero é tempo de deixar de arrastrar esa xuventude como unha rémora para demostrar que esta é unha disciplina científica con todo o rigor esixible, que é eficaz e que contribúe de xeito claro e probado ao benestar e á saúde das persoas e das comunidades. Por iso traballaremos para divulgar máis e mellor o que a psicoloxía pode achegar, as súas diferentes aplicacións e os beneficios que comporta.
E en liña con isto, a segunda prioridade é que urxe mellorar a empregabilidade para as persoas tituladas en Psicoloxía, xa que temos unha gran canteira de talento que non pode continuar a desperdiciarse. E por suposto, a loita contra o intrusismo profesional devén unha cuestión non de defensa corporativista, senón de saúde pública. Cando a nosa profesión se ve sometida a toda unha serie de requirimentos legais para garantir unha correcta atención á persoa, asistimos ao paradoxo de comprobar como pseudociencias e terapias sen base científica se apropian dun espazo aproveitándose da vulnerabilidade allea. É inadmisible, polo tanto, que proliferen perfís profesionais "paralelos" á psicoloxía, carentes de regulación, control nin fundamentación científica e, neste sentido, precisamos da alianza coa Administración pública para frear estas ameazas externas. Non é, insistimos, unha posición de defensa dos intereses profesionais. É unha cuestión de saúde pública.
A defensa da psicoloxía como unha disciplina imprescindible na rede pública é a terceira das prioridades estratéxicas que definimos para este mandato. É tempo de intensificar as demandas que vimos realizando desde hai anos e que non están a ter a resposta que esiximos por parte da administración pública. Temos que ofrecer unha atención psicolóxica con profesionais suficientes e en condicións dignas no sistema de saúde, no ensino, na xustiza, nos servizos sociais, no eido laboral, no tráfico, no deporte, nas emerxencias.
É tempo de que os psicólogos e psicólogas nos situemos no lugar que nos corresponde na sociedade; un lugar que se nos demanda desde a propia cidadanía. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia debe ser o motor de transformación, a entidade promotora para a dignificación, a identidade e o prestixio da nosa querida profesión fronte a ameazas externas, vellas coñecidas e outras que están chegando, como a precariedade, as pseudociencias e o intrusismo profesional.
O Colexio é a nosa casa común; así o entendemos e así queremos que o sintas. Unha estrutura grande e consolidada, que se asenta sobre unha base de 3.000 colexiados e colexiadas e que debe ofrecer un acompañamento á túa traxectoria profesional acorde coas túas necesidades. Por iso temos grandes proxectos para os vindeiros anos, nos que procuraremos que sintas un Colexio máis próximo, cun trato máis fácil e directo; simplificando os trámites a través da transformación dixital do COPG, aproveitando o que nos pode achegar a tecnoloxía para que todo sexa máis cómodo para ti.
Son moitas as iniciativas para este período e todas elas conducen ao progreso da psicoloxía profesional en Galicia. Unha profesión á que chegamos por vocación, cun forte compromiso humano e cun desexo de contribuír a un mundo mellor. Porque tan importante como os logros conseguidos é o que deixamos sementado para colleitar no futuro.
A psicoloxía clínica na saúde pública, inaccesible
Nos últimos nove anos, só se crearon en Galicia tres prazas para especialistas en Psicoloxía Clínica no Sergas. É dicir, que apenas noventa profesionais exercen na rede pública nunhas condicións que fan imposible a prestación dos servizos recollidos na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde. Estase a vulnerar un dereito esencial da cidadanía.
Quen tivo que pasar pola atención á saúde mental sabe que isto vai moito máis alá dunha mera reivindicación corporativista. Non precisamos entrar nas ratios e en comparativas con outros países da nosa contorna, coñecemos os números e saímos perdendo de lonxe. Unha de cada tres consultas nos servizos en atención primaria está vinculada coa saúde mental; consultas que se resolven do mesmo xeito que as demais patoloxías: receitando fármacos. Ademais, estímase que en atención primaria só se identifican a metade dos problemas de saúde mental que chegan.
Destas persoas, unha pequena porcentaxe accederá a servizos de psicoloxía clínica, por suposto sen ser derivada directamente polo médico de atención primaria, xa que deberá pasar por psiquiatría antes, un feito que cuestiona a autonomía profesional dos psicólogos e psicólogas. E alí terá que agardar ata seis meses entre consultas pola saturación das axendas. Isto non é un dato menor cando a depresión é actualmente a segunda causa das baixas laborais (antes da crise económica chegou a ser a primeira, pero o medo a perder o traballo e o estigma asociado a este trastorno están tras a diminución).
A depresión cústalle á Unión Europea 92.000 millóns de euros ao ano. Só a depresión. Aínda que só fose por razóns económicas e se ignorase o sufrimento que está ocasionando a quen a padece, pagaría a pena estudar como atallar decididamente esta problemática de saúde mental que está entre as primeiras causas de discapacidade do mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde. E neste sentido, a prevención e a abordaxe temperá son cruciais.
En Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas, supera con moito a media estatal (sobre o total de persoas con enfermidades crónicas, a prevalencia da depresión crónica en Galicia é dun 12,06% fronte ao 7,83% estatal, e dun 12,57% fronte a un 7,6% no da ansiedade crónica), e un 9,5% da poboación galega sufriu nalgún momento da súa vida algún trastorno mental vinculado ao consumo excesivo de alcohol, case o triplo respecto á media estatal. As taxas de suicidio continúan en niveis altísimos, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa do Estado. Son algúns datos que nos obrigan a prestar unha atención a unha realidade específica con necesidades concretas de atención psicolóxica.
A previsión é que na próxima Oferta Pública de Emprego do Sergas non se convoque ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica. Desde o Colexio de Psicoloxía seguimos presionando para que isto cambie, porque é unha necesidade obxectiva e urxente. Os psicofármacos non poden ser a única solución que se ofreza desde a sanidade pública aos problemas de saúde mental: é inxusto, é caro, favorece a cronificación dos trastornos, é prexudicial para a saúde das persoas. De seguir con esta política teremos que seguir lamentando prevalencias de trastornos mentais tan elevadas, miles de persoas que só poden acceder a psicofármacos con problemáticas cronificadas, pacientes sen diagnosticar que sofren sen atopar resposta.
COPG, patrimonio común
"Só se aguanta unha civilización se moitos contribúen coa súa colaboración ao esforzo. Se todos prefiren gozar o froito, a civilización afunde." José Ortega y Gasset
A nosa vontade transformadora da sociedade é, lamentablemente, moito maior que a nosa capacidade. Cando chega o ano novo e facemos balance do feito, resulta desilusionante comprobar como, ano tras ano, temos que volver anotar os mesmos "própositos" que escribiramos 365 días atrás. Seguimos batendo nas mesmas portas, pedimos de novo o que xa viñamos solicitando incluso hai décadas. E nestas datas, reflexionamos: ¿será que pedimos demais? ¿Serán imposibles?
¿É pedir por riba das nosas posibilidades que Galicia conte cun Plan Estratéxico de Saúde Mental? ¿Demandar unha oferta pública de emprego que cubra as necesidades de especialistas en psicoloxía clínica nos hospitais galegos? Talvez sexa unha inxenuidade propoñer que os servizos de atención primaria conten con atención psicolóxica, máis aínda cando a futura lei galega de saúde vai na liña de continuar a desmantelar a rede sanitaria máis próxima á cidadanía.
Quizais a psicoloxía educativa é un luxo que os nosos nenos e nenas non poden permitirse nos seus centros de ensino. Estaremos a pedir demasiado cando falamos de que o alumnado con necesidades específicas poida acceder a unha atención psicolóxica concreta para a súa problemática. Poida que non debamos pensar que os concellos conten con profesionais da psicoloxía que traballen no eido comunitario, coas persoas maiores, coa cativada, coas familias, cos distintos colectivos, promovendo a igualdade ou a integración, intervindo no chanzo máis próximo entre administración pública e cidadanía.
É posible que as esperas por informes periciais na Xustiza sexan inevitables, e que o acompañamento psicolóxico se sufrimos un delito dependa de onde e cando, porque como para todo, sempre hai momentos mellores ca outros. ¿E a mediación? Outro luxo que non pode chegar nin a todos os ámbitos nin a toda a cidadanía. E seguramente poidamos considerar incluso unha soberbia demandar unha atención á saúde laboral, por suposto tamén á saúde mental, cando a situación do traballo ten outras urxencias.
Tal vez o maior luxo de todos sexa o de pedir a regulamentación da profesión, aínda que sexa unha débeda legal de hai máis de sete anos.
Quizais estamos a pedir por riba das nosas posibilidades. Ou quizais estamos a demandar o que é unha necesidade social real, evidente e urxente. Quizais reclamamos, simplemente, o que é un dereito da cidadanía: ter acceso á psicoloxía na rede pública con garantías e de calidade, con independencia de se estamos nunha pequena aldea ou se vivimos nunha gran cidade.
Por iso este 2018 apostamos por mirar con orgullo á nosa identidade profesional. Somos psicólogos e psicólogas que reivindicamos o noso lugar como servizo de interese estratéxico para a sociedade. A psicoloxía contribúe benestar, mellora a saúde das persoas, prevén problemáticas e evita a cronificación ou o empeoramento de patoloxías. A psicoloxía é importante e precisamos que comprendan o que a nosa profesión pode achegar tanto os responsables públicos como tamén a cidadanía en xeral.
Ese é tamén un papel importante do noso Colexio: temos un rol na sociedade e exercémolo como responsabilidade prioritaria. Por iso este ano reivindicamos o COPG como patrimonio común, tal e como recolle o noso lema de 2018. O Colexio é a nosa casa común, precisamos deste punto de encontro para que exerza esa función de representación social e desde a colectividade, a complicidade e a cooperación, construír unha psicoloxía máis forte na sociedade. E desde a nosa forza conxunta, seguro que lograremos ir transformando a sociedade e ir cumprindo cos propósitos da ano novo.
Dor e información: un equilibrio posible
"O xornalismo ten que facer visible o invisible e contar o que se cala."
Rosa Mª Calaf
Neste mes de outubro as páxinas dos xornais volvéronse encher de rostros cheos de dor tras a terrible vaga de lumes vivida. Os informativos recollían as declaracións entrecortadas das persoas que viran arder as súas vivendas, o seu gando, as súas lembranzas. A dor, o sufrimento, exhibíanse de novo pola traxedia que deixaba varias persoas falecidas e innumerables perdas materiais e ecolóxicas.
Pero tamén saltaban outras alarmas: a enfermidade mental aparecía como a explicación de comportamentos incendiarios e as miserias das persoas desoladas tras as perdas provocadas polo lume expoñíanse nos telexornais.
Pola nosa profesión, estamos en contacto coa dor e o sufrimento das persoas, en ocasións cando están pasando as circunstancias máis extremas da súa vida. Cando esas situacións transcenden ao espazo público e son difundidas polos medios de comunicación comprobamos que o modo no que se trate afecta ás persoas protagonistas e interfire no seu sufrimento, chegando a producir danos maiores.
A dor e o sufrimento humano ocupan amplos espazos nos medios, especialmente na información de sucesos ou nos casos de emerxencias e catástrofes. O dereito á información é un dereito fundamental, recollido na nosa Constitución, que tamén recolle uns límites: a honra, a intimidade, a propia imaxe e a protección da mocidade e da infancia. Entón o dilema xorde no punto de intersección entre o xornalismo e a protección das vítimas.
Trátase dun equilibrio complicado, pero posible: exercer un servizo á cidadanía, o xornalismo, garantindo o noso dereito á información, e evitar causar danos maiores a quen se atopa nunha situación de vulnerabilidade. Conscientes desta responsabilidade, desde a Comisión para a Defensa da Profesión e a Prevención do Intrusismo do COPG propuxemos unha colaboración xunto co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para coñecer como desenvolver de xeito ético ambas as dúas profesións nos seus puntos tanxenciais e manter ese equilibrio entre o dereito á información e o respecto ao sufrimento.
Así naceu Informa_DOR, un documento cunha serie de recomendacións profesionais para o colectivo de xornalistas á hora de tratar cinco cuestións: emerxencias e catástrofes, violencia de xénero, enfermidade mental, infancia e suicidio. Tras varios meses de traballo conxunto, presentamos este traballo que se amplía na rede nun espazo de seu na web e que serve como guía ética ao marcar as liñas vermellas que non deben superarse para non incrementar o sufrimento.
Volvendo ao grave exemplo do comezo deste texto, varias familias que perderon todo por mor dos lumes recoñecían nos xornais que as autoridades políticas só responderan cando expuxeron as súas dramáticas situacións nos medios de comunicación nos que tiveran que denunciar previamente o abandono por parte das administracións públicas . Como dicía o histórico reporteiro Ryszard Kapuscinski, “o traballo dos xornalistas non consiste en pisar as cascudas, senón en acender a luz, para que a xente vexa como as cascudas corren ocultarse".
O xornalismo de calidade traballa polo ben común. Debe dar voz e poñer o foco nas realidades sociais que o precisan, nesa función de servizo público para que non se esquezan nin se ignoren as inxustizas e poidamos construír un mundo mellor. E para iso non é preciso recorrer a imaxes morbosas nin a estereotipos ou prexuízos.
Foi tamén unha oportunidade para repensar o noso papel como fontes de información expertas. Non poucas veces miramos con reparo cando hai presenza mediática no noso traballo, por exemplo, nunha emerxencia. Cómpre revisar esa relación, xa que a alianza pode ser de grande utilidade: unha cooperación adecuada como fonte informativa, ofrecendo os datos posibles, con transparencia, normalizando e explicando, ofrecendo información rigorosa e con base científica adecuada, vai proporcionar contidos xornalísticos de maior calidade e utilidade pública. A falta de transparencia e a negativa a facilitar información pode provocar que se recorra a fontes pouco fiables e que se difundan bulos, esaxeracións, estereotipos ou prexuízos.
Recoñecemos a xenerosidade do Colexio de Xornalistas, que se prestou a este exercicio de introspección e autocrítica profesional e que grazas á súa resposta positiva deu como resultado este documento de recomendacións que agardamos sexa de utilidade para os e as xornalistas. Verificar, contextualizar, profundar, visibilizar, normalizar, precisar con exactitude e incorporar a perspectiva de xénero; un conxunto de actitudes que incorporadas no quefacer cotián de seguro que nos devolverá un xornalismo de calidade, orientado ao ben común e respectuoso co sufrimento humano.
O COPG E O INTRUSISMO PROFESIONAL
A mellor defensa da profesión é a de poñer a prol da sociedade á que toda psicóloga/o se debe, unha sólida formación a cotío revisada, así como unha praxe profesional que transparente, en cada seu acto, o respecto que merece, como persoa humana, calquera demandante dos seus servizos.
Así reza o artigo 6º do noso vetusto Código Deontolóxico: "A profesión de psicólogo/a réxese por principios comúns a toda deontoloxía profesional: respecto pola persoa, protección dos dereitos humanos, sentido de responsabilidade, honestidade, sinceridade para cos clientes, prudencia na aplicación de instrumentos e técnicas, competencia profesional, solidez da fundamentación obxectiva e científica das súas intervencións profesionais".
Esta é a regula áurea que obriga a todas e cada un dos profesionais colexiadas/os no COPG.
A loita contra do intrusismo ten, polo tanto, unha verquente que atinxe á ética de cada un dos/das membros deste noso Colexio no en tanto do exercicio da profesión de psicólogas/os. Pero o Colexio, como institución, ten e asume a tarefa de velar por que ás nosas/os conveciñas galegos se lles ofrezan servizos de Psicoloxía, que garantan e cumpran coas finalidades que ten nas súas mans: "... o benestar, a saúde, a calidade de vida, a plenitude do desenvolvemento das persoas e dos grupos, nos distintos ámbitos da vida individual e social...". (Artigo 5º do Código Deontolóxico)".
Neste tempo de confusión e néboa, de crise, a nosa institución colexial debe andar moi atenta, polo tanto, para garantir e cumprir a función clarificadora e desmitificadora do que é saber e facer Psicoloxía nos distintos ámbitos nos que se desenvolve a vida humana, fronte ás ilusións esotéricas ou os trileiros e moinantes de feira e mixtificacións varias. (Vade retro psico -…)
Máis aínda é defensa da profesión e loita contra do intrusismo a alianza e colaboración con outras profesións, "... Xa que o/a psicólogo/a non é o único profesional que persegue estes obxectivos humanitarios e sociais, convén e necesítase nalgúns casos a colaboración interdisciplinaria con outros profesionais, sen prexuízo das competencias e saber de cada un deles". (Artigo 5º do Código Deontolóxico).Por iso debemos saudar como iniciativas prometedoras as que o COPG ven pulando co Colexio Galego de Xornalistas e coa Unión Profesional de Galicia.
Pero tamén sabemos que é preciso estar atentas para detectar aquelas situacións irregulares nas que organismos ou persoas pretenden acreditar de psicólogas/os sen a debida titulación ou colexiación. Afortunadamente, a experiencia ven demostrando que, tanto individual coma colectivamente, a nosa institución colexial cumpre con esta función de vixilancia. Animamos a seguir na mesma actitude.
A solución e mellora da condición humana é tarefa común e solidaria.
Non se pode entender a defensa da profesión e a loita contra do intrusismo sen esta bagaxe de compromiso persoal e colectivo do COPG.
Cultura e psicoloxía
A capacidade para o manexo de símbolos é sen dúbida a característica que mellor marca a diferenza entre os humanos e o resto dos animais; esa é unha capacidade que permite aprender e transmitir coñecemento cifrado dunha xeración á seguinte, cuxo contido vai estar determinado polo contexto tanto temporal como territorial. Polo tanto, podemos afirmar que esa capacidade de manexar coñecemento simbólico é a característica por antonomasia dos humanos. Desde esta óptica podemos afirmar que non se pode entender un determinado individuo se non se interpreta dentro do contexto cultural ao que ese individuo pertence. Dentro da cultura caben, polo tanto, todas as expresións que se aprenden e transmiten tanto pola oralidade como polas expresións que precisen un soporte material. Dentro deste segundo grupo destacamos a creación artística representada polas artes plásticas, que van desde os gravados nos ancestrais dolmens ata as pinturas da Capela Sixtina, pasando polas covas de Altamira; destacando tamén a música e a literatura. A psicoloxía, como disciplina que trata de entender o ser humano, tanto individual como colectivamente, ten que valorar necesariamente estes aspectos culturais. Por outro lado, e entrando xa a falar das sociedades occidentalizadas, podemos entender que hoxe conviven tres sistemas culturais que están en permanente interacción e que deben ser analizados para ver a súa influencia tanto no individuo como na súa calidade de vida. Estes tres tipos de cultura son, por unha banda, a cultura tradicional que vén de atrás, por outra banda, a cultura global que se superpón e se transmite especialmente polos medios de comunicación, e, por outra, a cultura popular. A cultura popular, se imaxinamos estes tres tipos de cultura como sendo capaz, sería a do centro, a que recibe influencias das outras dúas, ambas importantes para entender e definir esta, que, por outro lado, é na que se produce e transmite a cultura hoxe en día. Se eliminamos a cultura global, a cultura popular ficaría como cultura só tradicional, como foi historicamente; e se eliminamos a cultura tradicional, a cultura popular ficaría como apenas cultura global, é dicir, cultura de consumo, mais sobre a que non podemos deixar a nosa pegada. Os pobos, ou colectivos humanos, que mellor tezan estes dous aspectos, o tradicional e o global, serán sen dúbida os que constrúan unha cultura popular máis satisfactoria para os seus integrantes, na medida en que permite conservar aspectos que son esenciais para a súa identidade e benestar, e será tamén a que máis influenza pasará a ter na cultura global, pois nada pode ofrecer a cultura global se se limita a ser espello desta e nada de orixinal ten. Por tanto, fomentar a creación artística é fomentar a creación de aspectos constituíntes desta cultura popular; e ese é precisamente o propósito das iniciativas que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía estamos a levar a cabo. Promovemos as exposicións de artes plásticas nas dependencias do noso colexio, que con ese fin foran adaptadas. Con esa mesma finalidade criamos o concurso literario, que vai xa na súa decima convocatoria, e que, mesmo sendo modesto desde o punto de vista económico, é ambicioso desde o punto de vista dos fins que persegue,conseguindo que a participación con obras inéditas tanto de narrativa como de poesía sexa elevada e se manteña ao longo de todas as edicións do premio. Desde esta pequena nota queremos facer un convite colectivo para que todas e todos contribuamos coas nosas creacións ao noso colexio e ao mundo, porque, como se adoita dicir, só aquilo que facemos vai ter a oportunidade de existir
A colexiación, máis ca unha obriga
Somos máis de 2.800 colexiados e colexiadas quen integramos o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, unha condición que supera a cuestión da simple obriga legal. O Colexio regula o exercicio desta profesión estreitamente ligada ao benestar das persoas, ao tempo que promove a excelencia na práctica e actúa como garantía do cumprimento dos requisitos legais para desenvolver da actividade.
Isto implica beneficios tanto para nós, como colectivo profesional, como para as persoas usuarias. A colexiación é un aval e unha garantía diante da sociedade e protéxenos diante dunha grave ameaza: a do intrusismo profesional. A proliferación de pseudoterapias, xunto con outros profesionais alleos que ofrecen servizos falsamente psicolóxicos danan seriamente a imaxe, a reputación e o exercicio mesmo da nosa profesión.
Un dano que custa reparar e que desde o COPG traballamos en pórlle freo, como responsabilidade que asumimos. Ao igual que supón unha garantía de boa práctica contar con procedementos de autorregulación deontolóxicos, xa que permiten intervir cando están a vulnerarse dereitos das persoas usuarias. Estamos diante dunha cuestión de interese xeral, porque falamos da saúde e do benestar das persoas.
Pero ademais, o feito de que o Colexio reúna a todas e todos profesionais da psicoloxía de Galicia outórganos unha forza e unha representatividade que nos dá máis capacidade para levar adiante as reivindicacións que afectan ao noso sector. Somos a entidade acreditada para falar en nome dos psicólogos e psicólogas galegas, e cada un dos nosos colexiados e colexiadas dános máis voz.
Fomentamos o desenvolvemento científico e profesional, a través das seccións e dun intenso programa formativo que abrangue as distintas áreas da psicoloxía aplicada. Neste ano, cúmprense dez edicións da nosa bolsa de investigación para colexiados e colexiadas, a beca Manuel Siota, que naceu para contribuír ao desenvolvemento de proxectos que supoñan un afondamento no coñecemento científico e na transformación da realidade de Galicia desde a psicoloxía.
O noso colexio profesional permítenos unha óptima representación democrática, ofrécenos un papel forte como interlocutores coas distintas administracións públicas, e facilítanos a lexítima defensa e a promoción profesional. Vai alén dunha mera obriga legal: son funcións que nos benefician como colectivo, pero tamén son fundamentais para o conxunto da sociedade, xa que promoven os principios de equidade, integridade e excelencia profesional e reforzan a nosa responsabilidade social.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia debe ser o noso lugar de encontro profesional, e así o entendemos. Construímos un colexio forte, eficaz e responsable; un punto de referencia que nos acompaña na nosa carreira profesional e que nos permite medrar como psicólogos e psicólogas.
Atención psicolóxica na Primaria: unha necesidade urxente
A nova chegaba desde Cataluña, que neste mes de febreiro o seu Parlamento aprobaba a incorporación da psicoloxía clínica nos servizos de Atención Primaria. Antes, aprobouse noutras comunidades autónomas, como Madrid, ou a través de programas piloto, como en Asturias. Diriximos a ollada ao Servizo Galego de Saúde e pensamos: non sexamos os últimos en coller este tren.
Non custa argumentar os motivos polos que a psicoloxía clínica ten que estar no primeiro nivel asistencial do sistema de saúde. De cada tres consultas que se atenden na Primaria, unha ten que ver con desordes emocionais ou teñen unha compoñente psicolóxica. Ademais, son a segunda causa de baixas laborais. Poder atallar problemáticas a nivel temperán a través da atención psicolóxica e non exclusivamente con psicofármacos, como se fai na actualidade, permitiría un importante aforro para as arcas públicas, ademais dunha mellora da calidade asistencial e, en definitiva, un importante beneficio para a saúde da cidadanía.
En cambio, as ridículas cifras da atención psicolóxica na rede pública galega (AEN, profesionales da saúde mental estima que hai 1,2 psicólogos/as clínicos por cada 100.000 habitantes, catro veces menos que a media estatal e 18 veces por baixo da europea) teñen unha dobre consecuencia. Por unha banda, a atención psicolóxica só existe nun nivel especializado, que debería estar dedicado a patoloxías e trastornos de maior complexidade. Por outro, as listas de espera son inmensas, co que o período interconsulta esténdese a meses, volvendo ineficaz toda terapia que pretenda aplicarse. E quen poida, vese na obriga de acudir á privada; quen non poida, seguirá a consumir psicofármacos e cronificando -ou intensificando- trastornos que poderían ter outra saída.
Coa crise económica e ao abeiro xurídico de leis como a da racionalización do sector público autonómico (2014), a Administración autonómica atopa amparo para a inacción. Pero é cuestión de vontade. Cando o Plan Estratéxico de Saúde Mental quedou gardado nun caixón, cando se convocan tres insuficientes prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego do SERGAS, cando se precariza a atención psicolóxica a través de convenios externos que limitan a autonomía profesional e que non ofrecen as garantías esixidas no sector público, non estamos a falar de crise. Falamos de que a atención á saúde mental é a filla pobre do sistema sanitario público.
De haber vontade e compromiso político, teríamos unha estratexia e a psicoloxía clínica estaría na atención primaria e, desde logo, reforzaríase na atención especializada. Cunha prevalencia tan alta de trastornos psicolóxicos, debemos poñer orde na atención sanitaria pública. Construamos unha verdadeira rede na que traballar en equipo; onde cada trastorno poida ser atendido no plano asistencial que lle corresponde, coa colaboración entre os distintos profesionais da saúde.
Non son intereses corporativistas: é unha cuestión de saúde pública. Desde o COPG, mantemos esta reivindicación histórica que herdamos desde a constitución do noso colexio, e continuaremos a defendela diante das administracións públicas, porque o feito de que a atención psicolóxica non estea garantida na rede pública é unha inxustiza social e un síntoma de atraso como sociedade.
Pola infancia: o seu hoxe e o noso mañá
Neste 2017 imos poñer o foco nas persoas máis vulnerables da sociedade: os nenos e nenas. A miúdo falamos dos máis pequenos e pequenas como "o noso futuro" e esquecemos o seu presente. Sexa como for, cantas veces pagan os pratos rotos dos conflitos sen ter voz para reivindicar os seus dereitos. Un caso ben evidente: é incomprensible que ata o 2015 un menor que convive coa violencia machista non tivese a consideración, e polo tanto, a protección, de vítima. Cando está máis ca contrastado os terribles efectos que ten sobre un neno ou nena, por suposto, tamén a nivel psicolóxico, vivir nun fogar onde se exerce a violencia contra a súa nai. Este 2016 remata con 26 menores orfos e orfas pola violencia machista, a miúdo nais asasinadas polos seus propios pais.
O ensino continúa a ser moeda de cambio dos distintos partidos políticos, incapaces de pensar na necesidade esencial de levar adiante un pacto de Estado pola educación que poña en primeiro plano un sistema educativo no que se prime a excelencia e garantido para toda a cidadanía. Por non mencionar a importancia que ten a atención temperá, que resulta determinante para garantir a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos nenos e nenas que padecen algún trastorno do desenvolvemento ou teñen o risco de padecelo.
E no ámbito da saúde, atopamos que os trastornos mentais son a terceira patoloxía crónica por prevalencia ata os 15 anos, abordados case exclusivamente con fármacos. Dá arrepios comprobar nas aulas como unha porcentaxe moi significativa do alumnado consome medicamentos de xeito crónico para trastornos que mellorarían significativamente con intervención psicolóxica, como é o caso do TDAH.
En Galicia hai máis de 18.000 fogares de familias con menores en situación de pobreza infantil, que afecta a un de cada cinco nenos. A carestía de alimentos (que non poden permitirse carne ou peixe cada 2 días) é a realidade de 4.100 familias galegas. Desde 2007, a pobreza infantil incrementouse en 6 puntos na nosa Comunidade, superando o 22%.
Cuestións como estas fannos reconsiderar se os dereitos da infancia foron recuando a medida que as políticas de austeridade se instalaban na Administración pública e a crise premía a economía dos fogares. Como profesionais da psicoloxía non podemos permanecer inmunes a esta realidade. É preciso loitar pola plena cidadanía da infancia, polos dereitos e a dignidade dos nenos e nenas. Nos primeiros anos da nosa vida aséntanse os cimentos da nosa saúde mental, as bases da nosa aprendizaxe, das nosas habilidades sociais e as oportunidades para medrar como individuos.
Protexer a infancia é unha cuestión de xustiza social e por iso debe ser asumido como un asunto vital na sociedade. Desde a nosa profesión queremos erguer a voz para reivindicar esta loita; non só porque os nenos e nenas son o noso futuro, senón porque teñen dereito a vivir un presente pleno. Pola infancia, para que sexa esa verdadeira patria feliz.
A loita contra a pobreza, o gran reto pendente
Un premio é un motivo, polo xeral, de celebración, pero pode significar moito máis. É recoñecemento, é alento, é confirmar que o rumbo emprendido é o correcto. Hai oito anos desde que constituímos o premio Dolores Llópiz, en memoria dunha querida compañeira, co que pretendemos recoñecer á persoa, á institución ou ao colectivo que teña colaborado contribuíndo ao desenvolvemento da psicoloxía.
Neste 2016, a Xunta de Goberno decidiu outorgarllo á Rede Galega de Loita contra a Pobreza por unha morea de razóns que podemos sintetizar nunha soa palabra: dignidade. Cada unha das entidades membro da Rede son merecedoras do noso recoñecemento. Vinte e un socios directos e 126 entidades de primeiro nivel que traballan día a día con colectivos en situación de vulnerabilidade dá voz a persoas que sofren con virulencia as consecuencias da exclusión e que non atopan outra posibilidade de representación nunha sociedade na que se ten incrementado notablemente a pobreza e o risco de padecela.
Tense incrementado, pero o problema da pobreza é estrutural. Dúas de cada tres persoas que están en risco de exclusión hoxe en día, xa o estaban en 2007, antes da crise. E daquela todo era crecemento, ninguén lembra que se falase de pobreza, de exclusión. Eran os tempos da "Champions League" e, daquela, a pobreza era algo invisible.
Desde o COPG quixemos destacar deste modo o labor do terceiro sector, que nun momento no que a resposta do estado do benestar require unha esixencia maior, paradoxalmente veuse minguado con políticas de austeridade. Diante do espectacular incremento das necesidades sociais, as organizacións non lucrativas son as que están a asumir boa parte desa responsabilidade.
Nos últimos oito anos incrementouse a fractura social, pero temos visos para o optimismo: a pobreza, a exclusión, entraron no debate. Estamos diante dun problema que non é froito dun ciclo económico, senón que temos a oportunidade de reconsiderar que modelo de sociedade queremos.
A loita contra a pobreza é o maior reto que temos como sociedade, xa que del depende en boa parte o benestar de moitos e moitas cidadás. Temos a oportunidade de construír unha sociedade máis xusta, máis solidaria, máis igualitaria. Non falamos de caridade, falamos de xustiza. A exclusión é unha gravísima vulneración dos dereitos humanos, pola cantidade de xente á que afecta e polos efectos que produce, efectos que tamén se manifestan a nivel psicolóxico.
Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia queremos enxalzar a esencial actuación da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, pola súa incidencia política, dado que a saída da pobreza pasa ineludiblemente por políticas públicas decididas e suficientemente dotadas que poñan fin ás causas desa carestía e que palíen os efectos producidos.
Coa concesión do premio Dolores Llópiz 2016 desexamos destacar a loita contra a actitude determinista predominante no relativo á pobreza, sabedores e sabedoras de que podemos conseguir unha sociedade igualitaria e máis xusta. E destacamos o seu labor en contra dos prexuízos, dos estereotipos e da estigmatización das persoas en situación de carestía na sociedade.
Nesa loita atoparán a man amiga do colectivo profesional da psicoloxía, o noso compromiso e a nosa solidariedade.
A boa práctica, a nosa mellor garantía
"Coidado, responsabilidade, respecto e coñecemento son mutuamente interdependentes."
Erich Fromm, psicólogo.
Desde que promulgamos o noso Código Deontolóxico en 1987 ata a actualidade, a profesión e, en boa medida, a súa repercusión social, teñen mudado amplamente. Hoxe, os nosos eidos de actuación son moito máis amplos e diversos, á vez que a sociedade tamén é máis esixente a respecto da calidade na práctica da psicoloxía aplicada.
Velar polo cumprimento da ética profesional e as normas deontolóxicas do psicólogo ou psicóloga é parte das nosas funcións como Colexio, así como o fomento do servizo da profesión á sociedade. Neste camiño profesional contamos cun marco xeral que debe actuar como un compás para orientarnos e garantir que non nos desviamos da práctica ética e responsable: o Código Deontolóxico.
Nos últimos tempos vimos constatando que se ten incrementado significativamente o volume de queixas recibidas na Comisión de Ética e Deontoloxía do noso Colexio, aínda que afortunadamente, non se traduciu nun aumento das sancións. Pero ten que servirnos como aviso de que debemos manter unha actitude vixiante para actuar con rigor nas nosas intervencións profesionais, non só polo risco individual senón porque a excelencia e a responsabilidade na práctica contribúe a cimentar a psicoloxía científica e socialmente.
Por iso é imprescindible que todos e todas coñezamos ben o noso Código Deontolóxico e que o asumamos para unha praxe responsable. O rigor na nosa actuación ten que pasar polo emprego de instrumentos e métodos que conten cun aval científico, así como por manter a imparcialidade fronte a intereses persoais ou institucionais contrapostos. Cuestións como a privacidade, a confidencialidade e a protección dos datos de carácter persoal deben ser axiomáticas no noso exercicio. Nas actuacións que impliquen a menores temos que gardar unha maior escrupulosidade, xa que debemos aternos ás regulamentacións específicas que protexen os seus dereitos e os dos seus proxenitores.
O Código Deontolóxico non debe entenderse como unha limitación senón como unha guía para a excelencia práctica, para ofrecer unha maior seguridade ás persoas usuarias, que son as destinatarias dos nosos servizos. Os debates e experimentos contribúen ao desenvolvemento científico, pero as teorías validadas son as que debemos aplicar, sen caer na improvisación, no desleixo ou nos intereses particulares.
Co fin de achegar a todos os colexiados e colexiadas do COPG os principios recollidos no noso Código Deontolóxico, a Comisión de Ética e Deontoloxía ofrecerá no segundo semestre unha serie de experiencias formativas en varias cidades galegas, centrándose no comportamento profesional, coa intención de mellorar a dispoñibilidade de ferramentas para unha práctica profesional ética e unha praxe responsable á altura das esixencias de calidade da nosa intervención profesional. Desde o Colexio, animámoste a que participes nelas, porque a permanente actualización dos nosos coñecementos científico-técnicos e deontolóxicos a través da formación é, sen dúbida, un dos alicerces para garantir unha boa práctica e unha mellor calidade da nosa profesión. En definitiva, deste xeito estaremos a contribuír para prestixiar socialmente a psicoloxía como ciencia aplicada.
A racionalización de horarios: máis alá da hora de peche
Neste tempo de standby político-institucional, apenas se escoitou unha única proposta por parte do presidente en funcións, non se sabe se electoral ou con que fin: rematar a xornada de traballo ás 18 horas coa intención de promover a racionalización dos horarios laborais e en definitiva, a conciliación persoal, familiar e laboral. Sorprende que se lance algo así neste momento, como se fose o remedio de todos os males que acusa o mercado laboral no conxunto do Estado, e cando en épocas de bonanza económica nunca se conseguiu poñer en marcha medidas para favorecer uns horarios máis racionais e a conciliación (non falemos de corresponsabilidade) era máis ben unha ilusión.
A racionalización dos horarios de traballo é primordial dado que afecta á saúde da poboación, á produtividade das empresas, á sinistralidade laboral e desde logo, á consecución dunha igualdade real entre homes e mulleres. Pero vai máis alá da pretensión de impoñer un fin da xornada ás seis da tarde. A conciliación quedou nun segundo ou terceiro plano coa chegada da crise económica: a preocupación maior é manter ou conseguir un posto de traballo e así o indican as estatísticas.
Segundo a VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo (2012), un 40% da poboación ocupada prolonga o seu horario de traballo máis alá do fixado, con ou sen remuneración. Cando o traballo invade a vida persoal, o resultado é un incremento do estrés, da irritabilidade, a desafección cara ás necesidades da empresa e, por ende, unha diminución da produtividade.
A Lei de Igualdade de 2007, que recollía políticas de conciliación e plans de igualdade, foi un dos cadáveres que deixou polo camiño a Reforma Laboral de 2012, xunto coa raquitización orzamentaria da Lei da Dependencia. No texto legal de 2012 só se introducen uns cantos matices en cuestións como o permiso de lactancia ou o de maternidade; pero cómpre desvincular a conciliación dos permisos, xa que só contribúe a reforzar os estereotipos e prexudica a muller. Coa Reforma Laboral, a mensaxe que se trasladou foi clara: coa crise non é momento de ocuparse de luxos como a racionalización de horarios e menos aínda, da conciliación. O termo "corresponsabilidade" non se menciona no texto.
Chama a atención que a proposta do fin da xornada ás 18 horas veña do mesmo goberno que ao comezo da mesma lexislatura aprobaba unha lei que abarata o despido, que reforza o poder da patronal para que non teña que negociar coa representación dos traballadores e traballadoras as modificacións substanciais das condicións de traballo de carácter colectivo -incluídos horarios-; que incrementa a flexibilidade das condicións laborais en beneficio da empresa.
Cunha base legal que despreza a negociación colectiva, tentar introducir a racionalización de horarios como solución para os problemas de conciliación é como atallar un infarto con aspirinas. Se as empresas toman conciencia do valor do tempo e apostan por modelos nos que se prime o cumprimento de obxectivos fronte ao actual, que non é outro máis que un control de asistencia, será o punto de partida para moitos outros beneficios. Por unha banda, favorece a retención de talento, grazas á implicación e a satisfacción que obteñen as persoas empregadas; mellora as condutas de cidadanía organizacional, que non son obrigas como tal pero que resultan positivas para a compañía e a mellora do seu clima laboral; incrementa a produtividade; mellora a calidade de vida das persoas e o mantemento de hábitos saudables; facilita a corresponsabilidade nos labores domésticos e de coidado, o que repercute no avance da igualdade entre homes e mulleres…
As empresas teñen que aprender que o desenvolvemento persoal, familiar e profesional afecta tanto a homes e mulleres, dado que parece que a conciliación é só un tema que lle afecta a elas. Na lexislación estatal e autonómica hai escasos mecanismos que favorezan a compatibilización da vida laboral e da familiar, que inclúe tanto a fillos e fillas como a persoas maiores dependentes, un sector da poboación que está medrando. A falta de recursos tradúcese en que as familias teñen que tirar de carteira e/ou tempo para adaptarse. E habitualmente, se falamos de tempo, quen sae máis prexudicada é a muller: por cada 26 mulleres que traballan a tempo parcial para conciliar, hai un home; tras un ano do nacemento do fillo ou filla, o 84% de quen deixa de traballar son mulleres, motivadas polo alto custo de garderías ou persoas coidadoras.
Existen alternativas que son boas para as persoas empregadas e boas tamén para as empresas. Os horarios flexibles, nos que se lle ofrece unha marxe de entrada e saída; unha maior autonomía por parte da persoa empregada á hora de organizar o seu traballo; a introdución de tecnoloxías da información e do teletraballo; os horarios intensivos sen esas pausas de 2 horas ao mediodía que provocan a sensación de botar todo o día na empresa, etc. Os beneficios a nivel de produtividade, do clima laboral e da redución de riscos psicosociais, son claros. Máis alá da hora de peche, a Administración debe apostar por medidas que incentiven a racionalización dos horarios, devolvendo as competencias á negociación colectiva e promovendo unha maior calidade do emprego.
A mediación, unha carreira de fondo do COPG
“Para dialogar, preguntade primeiro; despois... escoitade.”
Antonio Machado
Na esencia da nosa profesión atópase a mediación, que require por parte do/a profesional unha escoita activa, un labor continuado de identificación das necesidades das persoas implicadas, das súas prioridades, traducíndoas, reuníndoas, delimitándoas; en definitiva, construíndo acordos e tendendo pontes para resolver conflitos. Non se comprende a mediación fóra da psicoloxía e neste sentido, é indiscutible o papel do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a súa implantación e divulgación na nosa Comunidade.
Neste ano cúmprense dezaseis anos desde que o noso Colexio creou a Comisión Intersectorial de Mediación, que recollía a herdanza de grupos de traballo previos e que asumía o reto de promover e divulgar a mediación, así como a formación de profesionais neste ámbito. Unha comisión de abordaxe interdisciplinar (xurídica, educativa, clínica e da saúde, da intervención social , das organizacións) que vén traballando intensamente para que esta alternativa á resolución de conflitos conquiste máis ámbitos a través de numerosas iniciativas.
A historia recente da mediación galega vén marcada pola aposta decidida do Colexio de Psicoloxía: participamos no establecemento da lexislación autonómica vixente en materia de mediación a través das nosas suxestións trasladadas á Xunta de Galicia como colectivo profesional implicado. E grazas ao que nos involucramos desde o Colexio, tamén é que en 2007 a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinamos unha nova colaboración para o desenvolvemento do programa de mediación familiar gratuíta, Mediagal.
Foron as bases para implantar un programa experimental de mediación familiar intraxudicial en 2009 na cidade de Santiago de Compostela, grazas á colaboración do noso Colexio, do de Avogados de Santiago de Compostela, da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta de Galicia, e xa que nese primeiro ano se demostrou como un modelo eficaz, rendible e útil para a cidadanía e para os e as profesionais da Xustiza. Un éxito que tampouco sería comprensible de non ser pola aposta decidida que o Xulgado de Familia fixo pola mediación, xa que contribuíu á divulgación da mediación e a que as partes implicadas a visen como un recurso útil.
Este modelo implantouse un ano máis tarde en Ourense e, despois de todos estes anos, podemos asegurar sen medo a equivocarnos que a mediación familiar foi un verdadeiro éxito na nosa Comunidade, con máis de 500 familias atendidas e cunha porcentaxe de acordo superior ao 50%. Consecuencia destes éxitos é que a finais de 2015 asinabamos un novo convenio para implantar este programa na Coruña e a intención é que chegue a Ferrol nos vindeiros meses.
Se extraemos unha visión de conxunto, podemos sentir orgullo ao comprobar como o convencemento do modelo da mediación, tan defendido polo noso Colexio, dá froitos no seo da Xustiza. Pero isto non implica que a situación sexa a idónea, nin de lonxe. Desde a nosa institución sabemos ben cales son os pasos a seguir.
A fase experimental destes convenios está máis ca superada. Neste sentido, a Administración pública debe ser responsable e asumir o seguinte paso: a convocatoria de prazas públicas, nas que aqueles ou aquelas profesionais con mellor preparación poidan optar a elas para exercer nunhas condicións de maior estabilidade e garantías. Unha garantía que se traslade tamén á sociedade; a mediación debe estar dentro da rede pública e ser accesible para toda a cidadanía, nas mesmas condicións, sen depender da súa localidade. E visto o éxito da mediación familiar, debe tamén abrirse a outros eidos, como a mediación penal, a educativa, …
Desde o Colexio continuaremos a defender con convencemento no expresado: tanto na formación dos nosos colexiados e colexiadas, para que sexan profesionais cunha preparación que aspire á excelencia; na difusión do recurso, porque é ben seguro que a sociedade non pode demandar o que non coñece; e finalmente na esixencia aos poderes públicos do cumprimento das súas responsabilidades, instaurando un sistema público e con garantías no que a mediación sexa un recurso accesible para todas as persoas da nosa Comunidade Autónoma.
25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller
A terrible realidade emerxeu en novembro para evidenciar que o 25 de novembro non é unha data conmemorativa máis: temos a obriga de reflexionar sobre por que está a fallar a loita contra a violencia machista, por que continúa este goteo de asasinatos, de agresións, de malos tratos que teñen a muller como vítima.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifestamos o noso total rexeitamento a calquera forma de violencia física, psicolóxica ou sexual, exercida contra a muller, unha lacra que acumula máis de 800 mulleres asasinadas no conxunto do Estado desde 2003. E no que levamos de ano, estímase que oito menores foron asasinadas e asasinados por mor da violencia machista, dos que cinco casos que se atopan en investigación. Oito vítimas ás que hai que engadir 44 nomes máis de menores orfas e orfos que perderon as súas nais a mans, en moitos casos, dos seus propios pais. Unhas cifras tras as que se esconden as historias particulares, esnaquizadas pola expresión máxima da violencia contra a muller.
Cómpre poñer o foco especialmente e pola súa vulnerabilidade, nas fillas e fillos da muller que vítima de violencia, para que poidan medrar lonxe do abuso, do maltrato, sen ver perigar as súas propias vidas. En dúas terceiras partes dos casos nos que unha muller é maltratada, o mesmo home exerce a violencia contra as súas fillas e fillos. Son ben sabidas as secuelas de medrar nun contexto de exposición á violencia de xénero son profundas e están contrastadas: ansiedade, depresión, patoloxías físicas e mentais, predisposición a sufrir/exercer violencia na adolescencia e na idade adulta, trastornos alimentarios, estrés prostraumático, dificultades no vínculo de apego... É preciso que o recoñecemento legal como vítimas traia consigo medidas concretas para que reciban unha atención integral.
O compromiso parte de cada quen de nós como parte da sociedade e especialmente, das Administracións públicas. No que vai de ano, 48 mulleres foron asasinadas en todo o Estado, 6 delas en Galicia, cifras semellantes á doutros anos que revelan que non se está a avanzar nesta loita. Asasinatos ou tentativas, agresións, delitos machistas repulsivos que traspasan á esfera pública e que nos leva a constatar que a lacra da violencia permanece tan vixente como cando se implantou a Lei Integral contra a Violencia de Xénero en 2004.
O carácter "integral", recollido na propia lexislación, ten que ser tal. Cando un asasinato se consuma, non é resultado dun impulso: chega precedido dun longo período de dominación, de control, de violencia psicolóxica e de agresións físicas. Descargar todo o peso da loita contra a violencia machista na vítima e na súa denuncia é inútil, se non vai acompañada por medidas de protección e de apoio, tamén psicolóxico. Vendo como se está a encarreirar a loita contra esta brutalidade, a situación precaria dos servizos que traballan en violencia de xénero, desbordados, con servizos subcontratados e completamente dispares segundo o territorio, fainos concluír que os poderes públicos aínda non entenderon "o contido teórico", as raíces da violencia de xénero; de aí a ineficacia dos recursos operativos.
A superación da violencia machista pasa, ineludiblemente, por atallar a desigualdade histórica entre homes e mulleres, por romper co círculo do patriarcado. Mentres non se aborde cun compromiso real, seguiremos con medidas parciais e ineficaces que non conducirán á fin desta terrible lacra.
Desde o COPG esiximos que se poñan en marcha políticas preventivas e de intervención psicolóxica nas idades máis temperás, para erradicar as desigualdades sobre as que se asenta a violencia contra a muller. As e os profesionais da Psicoloxía podemos contribuír con eficacia á prevención primaria, elaborando protocolos de detección e programas de intervención nos centros educativos e achegando pautas que contribúan a establecer valores de igualdade e a erradicar estereotipos machistas. Non perdamos a oportunidade.
A asistencia pública en saúde mental, precarizada
Os síntomas que vimos rexistrando non deixan lugar a dúbida no diagnóstico: a especialidade da psicoloxía clínica na asistencia pública estase a precarizar a gran velocidade. Desde o Colexio denunciamos unha situación que consideramos intolerable, consecuencia dos recortes que están a incidir na calidade asistencial que reciben as persoas usuarias da sanidade pública galega.
No COPG somos conscientes de que esta situación de crise económica obriga a uns axustes duros que afectan a toda a asistencia sanitaria pública, pero non pode servir como escusa para que non se realicen de forma proporcionada e razoable. Coa crise como pretexto, abandonouse o Plan Estratéxico de Saúde Mental, que implicaría un mínimo crecemento dos recursos humanos, incluídas tamén as psicólogas e psicólogos clínicos. A Administración polas súas actuacións recoñece a necesidade de prestar asistencia psicolóxica desde os seus centros públicos, pero no canto de aumentar os recursos propios, asina convenios con oenegués para a prestación en oncoloxía ou coidados paliativos, por exemplo. Este tipo de contratación implica poñer nun serio compromiso á autonomía coa que exercen os psicólogos e psicólogas dependentes de entidades alleas aos centros médicos e repercute finalmente sobre as persoas usuarias finais, é dicir, pacientes.
É imprescindible garantir a autonomía dos e das facultativas especialistas, e iso só se pode conseguir a través de prazas públicas no SERGAS. Tamén hai anos que comprobamos o procedemento imposto en certas unidades de atención primaria que obriga a derivar primeiro a psiquiatría e que unha vez se teña o seu visto bo poida acceder a psicoloxía clínica, o que supón unha inxustiza e unha falta de recoñecemento ao traballo dos e das psicólogas clínicas.
Estes feitos agrávanse coa ausencia por segundo ano consecutivo de prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego (OPE) do SERGAS, o que implica desatender unha necesidade evidente, recoñecida pola propia Administración que palía con convenio externos, precarizando os e as profesionais, limitando a súa autonomía e redundando finalmente na asistencia ás persoas usuarias.
Cando a situación actual, agravada pola crise económica, está a repercutir na saúde da cidadanía, especialmente a nivel mental, non investir en facultativos/as da especialidade de psicoloxía clínica é un acto de irresponsabilidade. Esta decisión, por segundo ano consecutivo, é realmente grave e demostra a deixadez desta Administración no relativo á especialidade de psicoloxía clínica, como por exemplo tamén a obviou para a supervisión do proxecto europeo de investigación para o tratamento da depresión online que deu comezo este ano na nosa Comunidade.
Para o Colexio é inadmisible unha nova OPE do SERGAS que non contemple a especialistas de psicoloxía clínica e que a asistencia psicolóxica se ofreza a través de prazas públicas e non de convenios con oenegués. A Xunta de Galicia debe actuar con responsabilidade e non continuar a favorecer a precarización dos e das profesionais que prestan a asistencia pública en psicoloxía clínica.
Comprobamos unha vez máis como non existe un protocolo de actuación para a atención psicolóxica en centros hospitalarios en casos de emerxencia. Desde que se formou o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias véñense recibindo demandas de intervención en hospitais, cando por lei teñen a obriga de contar co seu propio equipo de saúde mental e con protocolos específicos para este tipo de situacións. Isto evidencia a falta de interese, por unha banda, e a ausencia dunha adecuada protocolización dos psicólogos e psicólogas neste campo, malia que os propios equipos directivos do SERGAS recoñecen que existe esta importante necesidade.
Neste Colexio seguiremos traballando na defensa da profesión no sistema público, tanto para consolidar a asistencia en atención especializada como para a súa implantación en atención primaria.
A pobreza infantil, un bucle tóxico
Ana deixa repousar a cabeza sobre o puño pechado, descansando no pupitre. Unha pequena desconexión mentres o profesor comeza a explicar a lección. Está cansa porque non durmiu moito e ademais, só almorzou unha cunca de leite bebido. Ultimamente, durme peor: cústalle conciliar o sono cando seu pai e súa nai están a discutir porque veu unha nova carta do banco. Desde hai tres anos escoita moitas discusións, máis nos últimos meses, cando seu pai deixou de cobrar o paro. El está triste, a súa nai enfadada, e na casa tamén chegou a política de recortes. Comezou polas vacacións, entraron as marcas brancas, hai meses que se compran larpeiradas, cortaron internet. As cousas están mal, así que xa non pregunta.
En Galicia hai máis de 18.000 fogares coma o de Ana, familias con menores en situación de pobreza infantil, que afecta a un de cada cinco nenos. A carestía de alimentos (que non poden permitirse carne ou peixe cada 2 días) é a realidade de 4.100 familias galegas. Desde 2007, a pobreza infantil incrementouse en 6 puntos na nosa Comunidade, superando o 22%. Un contexto que ten que ver cun forte incremento do número de fogares sen ingreso ningún, co aumento do número de persoas en situación de desemprego de longa duración e coa redución das taxas de cobertura social.
A pobreza infantil non é unicamente un problema do momento: as carencias repercuten na súa vida adulta, no seu desenvolvemento físico, psicolóxico e educativo, agravándose nas idades máis temperás. As privacións vividas ata os 5 anos poden marcar a súa saúde na idade adulta, a súa personalidade, a súas relacións sociais, etc. Inflúen de forma evidente no seu desenvolvemento intelectual, con maiores riscos de deterioro cognitivo, fracaso escolar e polo tanto, de exclusión social. Ademais, presentan con maior frecuencia depresión, problemas de seguridade, trastornos de ansiedade ou inestabilidade emocional.
Cando as necesidades máis básicas están en cuestión, priman sobre todas as demais: son fogares nos que se vive con moita tensión, con estrés, coa ameaza do desafiuzamento, no que se descoidan inevitablemente aspectos tan importantes para o desenvolvemento do neno ou nena, como a súa estimulación cognitiva ou aspectos afectivos e emocionais. Téndese a pensar en que os efectos da pobreza infantil son unicamente a nivel de malnutrición ou de enfermidades polas condicións ambientais, pero van moito máis alá. Repercuten nos seus resultados educativos -ao cansazo e á preocupación pola situación do fogar únese o cansazo físico por unha alimentación deficiente- e isto redunda en peores oportunidades laborais na idade adulta, unha espiral tóxica que impide saír da situación de carestía.
Pouco se reflexiona sobre políticas da infancia, posiblemente teña que ver con que os nenos e nenas non votan. Cómpre levar o debate máis alá da apertura ou non dos comedores escolares no verán para garantir unha comida completa ao día: unha medida transitoria e estigmatizadora, pero que non ofrece un camiño. A saída pasa por ofrecer mecanismos contra a pobreza e a exclusión, en forma de salarios ou de servizos. Que a loita contra a pobreza sexa integral, cunha aposta decidida e non simbólica das Administracións a través de políticas públicas suficientemente dotadas economicamente para permitir que os nenos e nenas deixen esta situación de pobreza, xunto con medidas que palíen de inmediato o dano que está a provocar nesta crecente problemática social. Unha coxuntura que se agravou coa crise económica e co recorte dos recursos de protección social, pero que antes de 2008 xa se mantiña por riba do 21% no total do Estado, co que podemos cualificalo como un problema estrutural.
Aproximando psicoloxía e sociedade
"Teoricamente somos o ser racional por excelencia e, pola contra, somos a especie máis emocional".
Eduard Punset, El alma está en el cerebro (2012).
Crear oportunidades de encontro é moi valioso como ocasións para a posta en común, para dar visibilidade e compartir. Van seis anos desde que convocamos un encontro anual para as compañeiras e compañeiros colexiados no que celebrar a nosa profesión e reivindicar nun acto social a vixencia da psicoloxía. Aquel primeiro Achegas de 2009 é hoxe un evento consolidado, con proxección pública, no que nos reunimos diferentes xeracións unidas cunha mesma paixón: a psicoloxía.
No Achegas realizamos a entrega do noso galardón máis importante, o Premio Dolores Llópiz "Psicoloxía e Sociedade", un recoñecemento que creamos para distinguir a persoa, a institución ou a un colectivo pola súa contribución ao desenvolvemento da psicoloxía en calquera dos seus eidos. Leva o nome da nosa benquerida compañeira Dolores Llópiz Pereiro, que xa non está entre nós pero que durante máis de dez anos traballou activamente co Colexio, tanto na Xunta de Goberno, na Comisión Deontolóxica e na Área de Psicoloxía Educativa.
Este galardón permitiunos recoñecer o papel dos medios de comunicación en 2009 co xornalista Joel Gómez, pola súa contribución á sensibilización social; e tres anos despois a Gemma Nierga, que no seu programa de radio facilitaba a visibilización e a desestigmatización da enfermidade mental. Significamos o labor para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria de Carlos Varela García en 2010, daquela Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Un ano máis tarde compartimos a loita da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, un acto de xustiza fundamental para dignificar as persoas e os pobos. Outro colectivo, o da veciñanza do barrio de Angrois, mereceu un sentido premio en 2014 polo seu comportamento xeneroso, exemplar e altruísta que axudou a salvar vidas no accidente do tren Alvia. Con moita pena, non puidemos entregar en persoa o galardón de 2013 a José Luis Sampedro, escritor e economista que faleceu días antes do acto no que quixemos recoñecer a súa sensibilidade e o seu compromiso social.
En 2015 concedemos o Premio Dolores Llópiz a unha persoa cun perfil multidisciplinar e coñecido principalmente como divulgador científico: Eduard Punset. Nos medios de comunicación de masas son escasas as fiestras para a ciencia e a tecnoloxía, e un dos nomes que puxo un especial empeño persoal nisto foi o noso vindeiro galardoado. Punset abordou esta importante área do saber de forma comprensible e accesible á sociedade a través da emisión semanal Redes que dirixía e presentaba, e que rematou en 2014 tras dezaoito anos en antena.
A traxectoria de Eduard Punset vai máis alá de Redes; é un reputado xurista, economista, escritor, profesor e político que tivo un papel histórico moi relevante especialmente na Transición democrática como Secretario Xeral Técnico do Goberno e tamén na apertura do Estado ao exterior, como Ministro de Relacións para as Comunidades Europeas. Pero probablemente sexa Redes o seu legado máis coñecido, onde achegaba ao gran público as claves para comprender e coñecer mellor a conduta humana en toda a súa extensión e desde múltiples perspectivas. Fíxoo cunha visión poliédrica da persoa cunha abordaxe que ía desde a bioloxía, ata a xenética, pasando pola educación ou a capacidade de aprendizaxe, por exemplo.
Interésanos tamén porque nos seus numerosos libros publicados, ademais de en Redes, tentou explicar un eixo tan importante do noso traballo como son as emocións, a felicidade, a intelixencia, a dor ou a liberdade; polo seu xeito de reflexionar sobre a relación do individuo co grupo social no que medramos e nos desenvolvemos. Especialmente, sabe situar as emocións como un elemento central do desenvolvemento psicosocial dos nenos e nenas, un aspecto moi descoidado nos currículos educativos formais.
Falar de Punset é, pois, falar de comprender o ser humano, o seu comportamento, a neuropsicoloxía e as emocións. É por iso que desde a Xunta de Goberno do Colexio non tivemos ningunha dúbida en que é un digno merecedor do noso benquerido premio Dolores Llópiz "Psicoloxía e Sociedade". Incorporámolo felices á nosa historia colexial, integrando unha parcela moi especial que nacía seis anos atrás e que ten unha cita asegurada no calendario, o Achegas da Psicoloxía. Agardamos contar contigo nesta edición o 30 de maio en Santiago de Compostela.
Os camiños da psicoloxía
Foi o ano no que morría Freddy Mercury, xusto despois de anunciar que contraera a SIDA, a mesma enfermidade pola que Magic Johnson daba por pechada a súa carreira deportiva. Unha vez á semana comentabamos o último episodio da serie que se vía en todos os fogares, Farmacia de Guardia e, entre tanto, un médico haitiano denunciaba a exhibición dun cadáver humano embalsamado (un botsuano) no museo de Bañolas. Remataba a Guerra do Golfo e Boris Yeltsin convertíase en presidente da Federación Rusa. Corría o ano 1991.
No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia escribíamos tamén a nosa particular páxina na historia: en 1991 celebrabamos a segunda edición do Congreso de Psicoloxía Profesional de Galicia, cinco anos despois da primeira. Vinte e cinco anos despois, nun contexto histórico, económico e social absolutamente distinto, terá lugar a terceira edición. Os días 2, 3 e 4 de xuño de 2016 reunirémonos en Santiago de Compostela coa intención de trazar os mapas dos camiños da psicoloxía profesional e dar un novo pulo a esta ciencia desde unha perspectiva profesional.
Os cambios que se produciron neste lapso de tempo son ben evidentes. As nosas maneiras de relacionarnos como seres humanos foron cambiando; conseguimos situar problemas no foco da sociedade que daquela estaban normalizados, como a violencia machista ou o acoso escolar, malia que aínda estean lonxe de chegar a ser erradicados. A psicoloxía continúa gañando recoñecemento e prestixio, reivindicando a súa utilidade para o benestar das persoas, mentres que o Colexio, como tal, gañou un maior peso representativo.
Estamos a construír un atractivo programa que nos permita entrar nos diferentes roteiros da psicoloxía profesional. Unha cita imprescindible de encontro e de participación na que queremos contribuír ao sostido crecemento científico e ao recoñecemento social que a psicoloxía veu experimentando nas últimas décadas. As necesidades e as demandas á nosa profesión foron evolucionando co tempo e temos a obriga de propoñer unha reunión de gran magnitude na que poder expoñer e actualizar saberes.
O punto de encontro será Santiago de Compostela, no Palacio de Congresos, un destino evocador de xentes en busca de respostas e de confluencia de itinerarios desde a antigüidade. Neste congreso estamos a deseñar unha programación ambiciosa que permita dar unha perspectiva ampla, profunda e rigorosa da psicoloxía e das súas distintas áreas de actividade: psicoloxía e saúde, psicoloxía educativa, psicoloxía xurídica, psicoloxía do traballo e das organizacións, psicoloxía da intervención social, psicoloxía do deporte, psicoloxía en catástrofes e emerxencias ou en tráfico e seguridade.
Serán tres días de intensa actividade nos que explorar os desafíos da psicoloxía contemporánea, desde as súas diferentes áreas, para actualizar coñecementos e reflexionar sobre os vivos debates que a alimentan. Por suposto, a túa achega será tamén importante, porque como dicía Kant, o coñecemento comeza coa experiencia e precisamos das túas contribucións. Desde o Comité Organizador convídante a compartir os teus mellores traballos, casos clínicos, modelos de traballo ou actividade investigadora, en formato de comunicación oral, comunicación escrita (póster) ou a través dun simposio temático. Todos e todas sumamos para que este congreso que chega tras un espazo de vinte e cinco anos se converta nun fito histórico da psicoloxía na nosa Comunidade. En xuño de 2016, os e as profesionais da psicoloxía de Galicia temos unha cita imprescindible: contamos contigo.
Aprendendo a camiñar en igualdade
A nosa sociedade é masculina, e ata que non entre nela a muller, non será humana.
Henrik Ibsen, dramaturgo.
Ningunha conquista social é definitiva, ningún progreso é irreversible: confiámonos e pensamos que vellas reivindicacións como a igualdade están plenamente consolidadas entre as xeracións máis novas. Nada máis lonxe da realidade, ou esa imaxe é a que nos devolve o espello das estatísticas.
Este 2015 arrincaba cun estudo do CIS que deitaba datos tan preocupantes coma estes: un de cada tres mozos/as do conxunto do Estado (entre 15 e 29 anos) considera normal controlar a súa parella en canto a horarios, relacións con amizades ou familia; un control que se estende a temas como os estudos ou o traballo e que chega incluso a dicirlle o que pode ou non facer. Ademais, a súa percepción das desigualdades de xénero é menor que entre o resto da poboación. En cambio, si que existe un maior rexeitamento á violencia de xénero, e sete de cada dez mozas manifesta como unha actitude inaceptable o control da vida da parella. Isto indícanos un descoñecemento e unha normalización de comportamentos que non deben ser aceptados e que nos conducen a un contexto na que a violencia de xénero se xustifica e se tolera.
E se imos a idades máis temperás, os datos son máis preocupantes aínda, como vemos nas conclusións obtidas no informe Jóvenes y género. El estado de la cuestión, elaborado polo Centro Reina Sofía este mes de febreiro. Un de cada tres homes de entre 12 e 24 anos xustifica as agresións machistas porque “algo faría” a vítima; unha porcentaxe que se mantén entre aqueles que pensan que a violencia contra a muller pertence ao ámbito familiar e non debe saír de aí.
O traballo xa na infancia e sobre todo na adolescencia é crucial para atallar a problemática da desigualdade de xénero, que como cada ano, o 8 de marzo lémbranos que non está para nada conquistada. Esa desigualdade é a base sobre a que se sustenta a violencia contra a muller e así llo trasladamos á Comisión Especial de Igualdade e para os Dereitos das Mulleres do Parlamento de Galicia durante a comparecencia do COPG o 22 de decembro do ano que vimos de rematar. Convidóusenos para explicar o noso posicionamento sobre a lexislación actual en materia da violencia contra a muller, tanto autonómica como estatal, e achegamos datos e unha visión realista que nos ofrece o noso próximo contacto con esta circunstancia debido aos programas de atención a vítimas e de rehabilitación de maltratadores que xestionamos no noso Colexio.
A prevención e a educación en idades temperás é a única saída verdadeira para erradicar a violencia machista; esta foi a mensaxe que lle trasladamos e instámoslle a apostar decididamente polo traballo neste ámbito, pero tamén reclamamos garantías reais de asistencia psicolóxica ás vítimas. No imaxinario colectivo da cidadanía galega segue instalada a idea de que a violencia machista é algo inevitable que forma parte do ámbito privado, ata certo punto tolerado, e cómpre que toda a sociedade se conciencie da falsidade disto.
A lexislación garante un carácter integral na atención ás vítimas, pero non hai tal, e constatamos que a muller que decide romper coa situación de violencia na que vive coa súa parella ou ex parella está moi desamparada polo sistema. Unha peregrinación por numerosas instancias públicas, nas que repite e revive a dor da súa situación que lle provoca inexorablemente unha vitimización secundaria. A existencia dunha instancia coordinadora real, cuns protocolos ben definidos que lle permita a muller identificar o proceso con claridade e que se sinta en todo momento protexida e acompañada é imprescindible para que presentar unha denuncia non sexa unha acto desmoralizador e disuasivo.
Os programas de asistencia psicolóxica que xestionamos en convenio coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, destinados tanto a vítimas e menores dependentes como a agresores que buscan rehabilitarse, son unha solución provisional pero quedan moi lonxe do que sería idóneo. Temos o firme convencemento de que se a asistencia psicolóxica se ofrecese en atención primaria conseguiríamos detectar en estados máis iniciais posibles casos de violencia de xénero e evitar desenlaces tráxicos. Pero asumindo que a atención pasa por estes programas, pensamos que é preciso que se amplíe Abramos o Círculo tamén a mozos inmersos en situacións de violencia coas súas parellas e/ou familias, xa que non hai outro servizo alternativo para situacións así.
Tamén reclamamos que no Programa de atención a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero se elimine o criterio de non convivencia co agresor, xa que está comprobado que a ruptura é un dos momentos máis delicados cando hai unha situación de violencia e debe ter apoio psicolóxico para estar mellor protexida. A existencia da figura do psicólogo ou psicóloga forense nos servizos de garda dos xulgados de violencia de xénero contribuiría tamén a esa protección, xa que aumentaría a eficacia nas denuncias e especialmente nas valoracións de riscos.
A Administración debe propoñer campañas publicitarias que realmente vaian encamiñadas á prevención e á concienciación social, que perdan ese carácter conmemorativo, porque unha muller que está inmersa nesta situación vive nun 25 de novembro cada día do ano. Promocionemos mensaxes de igualdade e de rexeitamento da violencia tamén aos homes e sobre todo, á mocidade, e ofrezamos unha imaxe de muller empoderada e non vitimizada. E por suposto, a igualdade e a violencia contra a muller ten que formar parte ineludiblemente dos currículos formativos dos profesionais implicados neste ámbito, como a saúde, a avogacía, etc. Así mesmo, nos centros educativos tampouco hai adxudicacións horarias nin desenvolvementos curriculares concretos en materia de igualdade ou de prevención, quedando á boa vontade do profesorado comprometido e militante. Insistimos: só educando en valores de igualdade desde a primeira infancia conseguiremos erradicar os comportamentos sexistas e a violencia de xénero.
“35 anos medrando coa profesión 1980-2015”
Emprendemos o 2015 cun lema ilusionante, significativo e que nos dá afouteza como institución: “35 anos medrando coa profesión 1980-2015”. Celebrar un aniversario profesional no actual momento histórico, no que están a desaparecer a diario organismos, institucións e iniciativas persoais, ou quedan minguadas por falta de financiamento, é xa digno de congratulación. Pero poder celebralo medrando é para dar un golpe na mesa e alzar a voz lembrando á sociedade que a profesión e a súa defensa están vivas e con moito camiño por andar.
Completamente distinta é a situación desde que o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia comezara a súa andaina, alá polo ano 1980, con 133 persoas colexiadas e como unha delegación. Hoxe somos 2.870 os e as que formamos parte desta gran e consolidada familia profesional, constituída en colexio autonómico desde 2001.
Todos e todas somos coñecedores de que desde un punto de vista histórico o exercicio da Psicoloxía é recente, pero malia ser así, nas últimas décadas conseguiu situarse como unha actividade titulada e regulada.
O COPG pretendeu e pretende ser engrenaxe da profesión, vixiando o seu exercicio e velando porque o seu cumprimento sexa estrito desde o punto de vista da ética e da deontoloxía. Promover e preservar os principios de equidade, integridade e excelencia, reforzando continuamente a nosa responsabilidade beneficia tanto á profesión como ao conxunto da sociedade. Trinta e cinco anos de loita polos avances, entre os que tamén adquire un papel destacado a igualdade, pola que pelexamos desde todos os eidos posibles, incluíndo as cuestións formais. Mostra disto foi o cambio do noso nome en 2008 por Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, para que non fose discriminatorio.
Nestas tres décadas e media fixemos o posible por prestar un servizo coas máximas garantías de seguridade, eficiencia, eficacia e esixencia deontolóxica. A psicoloxía afecta a áreas extraordinariamente sensibles da saúde, da educación, da seguridade, da protección e do coidado das persoas, e unha mala praxe pode ter unha repercusión directa e irreversible sobre a integridade física ou sobre a saúde; en definitiva, sobre o benestar do ser humano.
É para nós reconfortante ver como dá froitos o noso traballo por posicionar a Psicoloxía no lugar que merece en todos os ámbitos (Educativo, Sanitario, Social, Xurídico, Traballo, etc.) a través, nun principio, das diferentes Xuntas Reitoras e, posteriormente, das Xuntas de Goberno e das Directivas das Seccións, Comisións e Grupos de Traballo do COPG.
Traballamos unidos e unidas, nun momento no que as fraquezas do sistema fan retumbar a sociedade, cun nivel de desemprego moi elevado e o aumento das desigualdades.
Neste aniversario non podemos deixar de agradecer publicamente a cada unha das persoas que co seu esforzo, a súa implicación e a súa constancia ao longo destes anos teñen colaborado co Colexio desinteresadamente, sen outra vontade que a de conseguir que a Psicoloxía sexa digna e útil socialmente. Queremos aproveitar esta oportunidade para repasar a nosa intensa historia colexial, que constitúe os cimentos sobre os que construímos o noso día a día. Porque para seguir construíndo o futuro temos que coñecer o pasado.