Circular Nº 253

Portada da Circular Informativa do COPG Nº 253
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
5/2015
Editorial: 

Aproximando psicoloxía e sociedade 

"Teoricamente somos o ser racional por excelencia e, pola contra, somos a especie máis emocional".

Eduard Punset, El alma está en el cerebro (2012). 

 

Crear oportunidades de encontro é moi valioso como ocasións para a posta en común, para dar visibilidade e compartir. Van seis anos desde que convocamos un encontro anual para as compañeiras e compañeiros colexiados no que celebrar a nosa profesión e reivindicar nun acto social a vixencia da psicoloxía. Aquel primeiro Achegas de 2009 é hoxe un evento consolidado, con proxección pública, no que nos reunimos diferentes xeracións unidas cunha mesma paixón: a psicoloxía. 

No Achegas realizamos a entrega do noso galardón máis importante, o Premio Dolores Llópiz "Psicoloxía e Sociedade", un recoñecemento que creamos para distinguir a persoa, a institución ou a un colectivo pola súa contribución ao desenvolvemento da psicoloxía en calquera dos seus eidos. Leva o nome da nosa benquerida compañeira Dolores Llópiz Pereiro, que xa non está entre nós pero que durante máis de dez anos traballou activamente co Colexio, tanto na Xunta de Goberno, na Comisión Deontolóxica e na Área de Psicoloxía Educativa. 

Este galardón permitiunos recoñecer o papel dos medios de comunicación en 2009 co xornalista Joel Gómez, pola súa contribución á sensibilización social; e tres anos despois a Gemma Nierga, que no seu programa de radio facilitaba a visibilización e a desestigmatización da enfermidade mental. Significamos o labor para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria de Carlos Varela García en 2010, daquela Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Un ano máis tarde compartimos a loita da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, un acto de xustiza fundamental para dignificar as persoas e os pobos. Outro colectivo, o da veciñanza do barrio de Angrois, mereceu un sentido premio en 2014 polo seu comportamento xeneroso, exemplar e altruísta que axudou a salvar vidas no accidente do tren Alvia. Con moita pena, non puidemos entregar en persoa o galardón de 2013 a José Luis Sampedro, escritor e economista que faleceu días antes do acto no que quixemos recoñecer a súa sensibilidade e o seu compromiso social.

En 2015 concedemos o Premio Dolores Llópiz a unha persoa cun perfil multidisciplinar e coñecido principalmente como divulgador científico: Eduard Punset. Nos medios de comunicación de masas son escasas as fiestras para a ciencia e a tecnoloxía, e un dos nomes que puxo un especial empeño persoal nisto foi o noso vindeiro galardoado. Punset abordou esta importante área do saber de forma comprensible e accesible á sociedade a través da emisión semanal Redes que dirixía e presentaba, e que rematou en 2014 tras dezaoito anos en antena. 

A traxectoria de Eduard Punset vai máis alá de Redes; é un reputado xurista, economista, escritor, profesor e político que tivo un papel histórico moi relevante especialmente na Transición democrática como Secretario Xeral Técnico do Goberno e tamén na apertura do Estado ao exterior, como Ministro de Relacións para as Comunidades Europeas. Pero probablemente sexa Redes o seu legado máis coñecido, onde achegaba ao gran público as claves para comprender e coñecer mellor a conduta humana en toda a súa extensión e desde múltiples perspectivas. Fíxoo cunha visión poliédrica da persoa cunha abordaxe que ía desde a bioloxía, ata a xenética, pasando pola educación ou a capacidade de aprendizaxe, por exemplo. 

Interésanos tamén porque nos seus numerosos libros publicados, ademais de en Redes, tentou explicar un eixo tan importante do noso traballo como son as emocións, a felicidade, a intelixencia, a dor ou a liberdade; polo seu xeito de reflexionar sobre a relación do individuo co grupo social no que medramos e nos desenvolvemos. Especialmente, sabe situar as emocións como un elemento central do desenvolvemento psicosocial dos nenos e nenas, un aspecto moi descoidado nos currículos educativos formais. 

Falar de Punset é, pois, falar de comprender o ser humano, o seu comportamento, a neuropsicoloxía e as emocións. É por iso que desde  a Xunta de Goberno do Colexio non tivemos ningunha dúbida en que é un digno merecedor do noso benquerido premio Dolores Llópiz "Psicoloxía e Sociedade". Incorporámolo felices á nosa historia colexial, integrando unha parcela moi especial que nacía seis anos atrás e que ten unha cita asegurada no calendario, o Achegas da Psicoloxía. Agardamos contar contigo nesta edición o 30 de maio en Santiago de Compostela.