O día 19 de maio o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia concedeu o galardón Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade. A entrega celebrouse Castelo de Soutomaior, no marco do acto “Achegas da Psicoloxía”, no que o Colexio fixo entrega dos seus premios e distincións.
O Premio Dolores Llópiz é o máximo galardón que entrega o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que pretende distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acordou outorgarllo á Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POiG), polo seu compromiso coa infancia e a adolescencia da nosa comunidade, prestando especial atención a aqueles que sofren discriminación, desamparo ou se atopan en risco de exclusión social. E de xeito particular, pola súa defensa da importancia da saúde mental na infancia e a adolescencia a través de diversas iniciativas de incidencia política e social e da promoción de actividades nas que se pon de relevo a necesidade dun crecente investimento en intervención e prevención comunitaria en saúde mental infanto-xuvenil.
Fíxose entrega, así mesmo, do recoñecemento á Colexiada de Honra, que nesta ocasión a Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acordou conceder a Mª Teresa Hermida Pérez. Con esta significación pretende recoñecerse a extraordinaria entrega tanto á nosa institución como ao desenvolvemento da profesión.
Mª Teresa Hermida Pérez, comezou a súa traxectoria no COPG como secretaria da Comisión Xestora que impulsou a creación da Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio en 1993. Ademais, tamén foi a secretaria da Xunta de Goberno do Colexio desde 1997 ata 1999, para despois ser a vicedecana ata 2002 e decana ata o 2006, deixando construído un colexio forte e consolidado na sociedade, un importante legado que guiou o traballo para quen recollemos das súas mans as chaves da casa común da psicoloxía galega. Como decana,participou activamente no entón creado Consejo General de la Psicología, impulsando a posta en marcha das Divisións Profesionais, participando na redacción do Regulamento Marco e tamén como coordinadora da Área Estatal de Psicoloxía Xurídica. Ademais, exerceu o seu labor como representante do COPG no Consello Galego de Servizos Sociais da Xunta de Galicia. Entre 2014 e 2018 integrou a Comisión de Ética e Deontoloxía do Colexio e durante 2019 formou parte do Grupo de Traballo para a reforma dos nosos Estatutos.
Ademais, tivo lugar a entrega dun recoñecemento a aqueles/as psicólogos/as colexiados que ao longo da súa traxectoria profesional demostraron unha especial inquedanza polo desenvolvemento colexial e profesional da psicoloxía e teñen traballado de xeito singular en defensa da profesión. Este ano tivo lugar a primeira entrega as compañeiras e compañeiros que fixeron colexio nas primeiras décadas do seu nacemento, alá polos anos 80 e 90, a través das diferentes comisións, seccións ou as propias Xuntas Reitoras e Xuntas de Goberno.
Son compañeiros e compañeiras que puxeron os cementos do Colexio, que entregaron tempo, coñecemento e implicación a construír e imaxinar a psicoloxía de hoxe e de mañá e como o Colexio podía servir mellor á sociedade e aos psicólogos e psicólogas galegas.
Tamén se efectuou un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial, en recoñecemento a súa andaina na vida colexial e contribución ao desenvolvemento da profesión. Coa intención de visibilizar, celebrar e reivindicar a súa contribución ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia nestes 25 anos.
No “Achegas da Psicoloxía” fíxose entrega da II edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88. Na categoría do premio xornalístico foi premiada Esther Garrido, polo traballo de prensa escrita “De baixón”. Así mesmo, estimou outorgar unha mención especial a Lara Salgado ao traballo de radio “Falta de persoal e listas de espera en saúde mental”.
Na categoría do premio de Comunicación, o xurado estimou o artigo de opinión «Psicoloxía para tempos distópicos» de Concepción López. Tamén acordou destacar a candidatura de Andrés Sampayo pola súa traxectoria de casi dúas décadas de divulgación da psicoloxía á sociedade.