Achegas da Psicoloxía 2018

venres, Setembro 21, 2018 - 09:00 a 23:00

Amelia Valcárcel

O 21 de setembro de 2018 tivo lugar o acto Achegas da Psicoloxía no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela. Trátase do encontro institucional máis relevante que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, no que facemos entrega do noso galardón máis prezado, o premio Dolores Llópiz "Psicoloxía e Sociedade". Nesta ocasión, a Xunta de Goberno acordou entregarllo á catedrática de Filosofía Moral e Política da UNED e membro do Consello de Estado, Amelia Valcárcel Bernaldo de Quirós.

Trátase dunha das principais representantes do feminismo da igualdade, cunha ampla e poliédrica carreira tanto docente como investigadora e intelectual, ademais de promover a loita pola igualdade a través do exercicio profesional e do compromiso público. Por iso, nun momento histórico no que o debate público sobre a igualdade entre mulleres e homes alcanzou cotas inéditas na sociedade, é especialmente importante recoñecer a filósofas como Amelia Valcárcel, que levan décadas contribuíndo cun intenso labor intelectual a esta teoría política e, en definitiva, á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Especialmente coñecida é a súa defensa do feminismo como teoría política, que ten plasmado na súa extensa obra escrita, autora de varios libros e colaboradora en numerosas publicacións. O sexo como construción normativa, a conceptualización da igualdade, cuestións como a paridade, o multiculturalismo, a democracia e o contexto globalizado son algúns dos temas protagonistas da súa obra ensaística.