Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira

Un dos referentes da historia da Psicoloxía en Galicia é Xoán Vicente Viqueira. En 2022 cumpríronse 98 anos da morte deste psicólogo e filósofo galego, que foi un dos intelectuais mellor formados naquela altura. Tiña unha inmensa preocupación sobre o ensino da Psicoloxía, e de feito, deseñou o seu proxecto ou un plan de desenvolvemento desta ciencia entre nós, tras coñecer o modelo alemán. De feito, a súa precoz morte, impediu que puidese profundar nese impulso á psicoloxía no noso país que sempre tivo presente. Pero ademais, Viqueira trasladaba as súas inquedanzas sociais, como aquelas relativas á modernización e á galeguización do ensino, no xornal A Nosa Terra, no que era colaborador asiduo. Así pois, Viqueira é un bo exemplo da comuñón entre o traballo científico, investigador, e a divulgación intelectual á sociedade a través dos medios de comunicación. No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creouse no ano 2022 os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, en colaboración coa aseguradora Brokers'88, cos que se pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social, primando a ética, a responsabilidade, as boas prácticas e contrarrestando as pseudociencias. Constan de dúas categorías: a primeira é o Premio Xornalístico do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, dirixido a xornalistas que publicasen ou emitisen algún traballo en relación coa Psicoloxía. E a outra categoría é a do Premio de Comunicación aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.

I Edición do premio Xoan Vicente Viqueira

II Edición do premio Xoan Vicente Viqueira