No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creamos os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira, en colaboración coa aseguradora Brokers'88, cos que se pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social, primando a ética, a responsabilidade, as boas prácticas e contrarrestando as pseudociencias.
Constan de dúas categorías: unha é o Premio Xornalístico do COPG, dirixido a xornalistas que publicasen ou emitisen algún traballo en relación coa Psicoloxía. E a outra categoría é a do Premio de Comunicación aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.
Nesta edición contamos con 21 propostas en ambas as dúas categorías, traballos de altísima calidade que dá mostra da boa saúde da que goza a Psicoloxía no relativo á súa difusión entre a sociedade. Dou fe de que foi unha decisión moi complicada.
O xurado acordou conceder a mención na categoría de Premio de Comunicación ao colexiado Andrés Sampayo Salgueiro, G-3314, pola súa traxectoria de case dúas décadas de divulgación da psicoloxía á sociedade.
Otorgouse tamén unha mención na categoría de Premio xornalístico á xornalista Lara Salgado Santos, polo seu traballo de radio “Falta de persoal e listas de espera en saúde mental”, emitida na Cadena Ser.
Nesta edición, o xurado acordou conceder o premio na categoría de Premio de Comunicación á colexiada Concepción López Martín, G-2981, polo artigo de opinión “Psicoloxía para tempos distópicos” publicado en Nòs Diario e na categoría de Premio Xornalístico á xornalista Esther Garrido polo seu traballo de prensa escrita “De baixón”.