Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia

Membros da Comisión:

Ricardo Fandiño Pascual, coordinador.
Melania Beceiro Rico, representante da Sección de Psicoloxía e Saúde.
Ana Belén Montesa Lou, representante da Sección de Psicoloxía Educativa.
Sara Roldán Álvarez, representante da Sección de Psicoloxía da Intervención Social.
Mª Dolores Seijo Martínez, representante da Sección de Psicoloxía Xurídica.

 

Obxectivos:

A constitución dunha Comisión Intersectorial sobre a infancia e a adolescencia no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia responde á necesidade de articular unha resposta profesional coordinada, rigorosa e integral ante os complexos retos que afecta á poboación infantil e adolescente no contexto social actual.

A infancia e a adolescencia constitúen etapas clave do desenvolvemento humano, nas que conflúen factores psicolóxicos que requiren abordaxes complementarias e interconectadas. A fragmentación das intervencións ou a ausencia de espazos estables de coordinación profesional limita a eficacia das actuacións e dificulta a construción de repostas coherentes, baseadas na evidencia científica e nos dereitos da infancia.

Neste marco, a creación da Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, con representación das Seccións de Psicoloxía e Saúde, Psicoloxía Educativa, Psicoloxía da Intervención Social e Psicoloxía Xurídica, permite integrar coñecementos, experiencias e competencias diversas, favorecendo unha visión transversal que dea resposta ás necesidades reais da infancia e da adolescencia en Galicia. Esta diversidade profesional resulta esencial para abordar cuestións como a prevención e atención aos problemas de saúde mental, o benestar emocional nos contextos educativos, as situacións de risco e desprotección social, así como os procedementos xudiciais e administrativos nos que están implicadas persoas menores de idade.

A Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia nace como un espazo de reflexión, análise e proposta, orientado á elaboración de posicionamentos técnicos, recomendacións profesionais, accións formativas e iniciativas de sensibilización, así como a interlocución con Administracións Públicas e outros axentes implicados.