O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creou no ano 2009 o acto Achegas da Psicoloxía. Premio Dolores Llópiz “Psicoloxía e Sociedade”. Trátase dun encontro para todos os colexiados e colexiadas do COPG e no cal se realiza a entrega do Premio Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade, galardón creado para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña colaborado co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia contribuíndo ao desenvolvemento da nosa profesión.
Neste evento tamén se realiza un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que cumpren 25 anos de vida colexial de forma initerrompida e tamén se da a benvida a todos os colexiados e colexiadas que se incorporaron, por primeira vez ao Colexio ao longo do ano.
Agasallo Premio Dolores Llópiz “Psicoloxía e Sociedade”
Eros, o deus, amaba á princesa Psique na escuridade da noite do seu pazo encantado. A súa dita estaba suxeita a unha condición: a fermosa Psique non debería endexamais tentar a ver o seu rostro.
Pero unha noite Psique, movida pola curiosidade, acendeu unha lámpada para contemplar, extasiada, ao seu amado durmido. Ao descubrilo, Eros abandonouna, deixándoa a mercede da envexosa Afrodita, que a someteu ás máis duras probas. Finalmente, Eros, conmovido pola súa pena, pediu a Xúpiter que a fixera inmortal para tomala como esposa.
Eros e Psique, os protagonistas do famoso mito grego narrado por Apuleyo, foron elevados polos filósofos á categoría de símbolos. Eros: o amor, a sensualidade, o coñecemento adquirido a través do sentidos; Psique: o espírito, a aprendizaxe, o coñecemento intelectual.
Eros e Psique, sentimento e razón, os dous principios que rexen a conduta do ser humano. A esencia da Psicoloxía.
Eros e Psique
Este conxunto de dous apoialibros, en bronce patinado e cristal fundido, foi deseñado por Antonio Ibáñez tomando como punto de partida o logotipo do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Forman parte dunha serie limitada, realizada para o Colexio por Noroeste, Joyas de Autor, coa colaboración dos artesáns Loli Vázquez e Suso Lamas.