Achegas da Psicoloxía 2009

Achegas da Psicoloxía 2009
venres, Febreiro 6, 2009 - 19:00

O 6 de febreiro de 2009 tivo lugar en Santiago de Compostela o acto Achegas da Psicoloxía, un encontro de colexiados/as do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do acto de entrega do premio "Dolores LLópiz: Psicoloxía e Sociedade 2009". Este galardón, que terá carácter anual, foi creado pola Xunta de Goberno do Colexio coa fin de distinguir á persoa, institución ou asociación que teña colaborado co COPG contribuíndo ao desenvolvemento da profesión.

Neste evento  tamén tivemos ocasión de facer un recoñecemento aos/ás compañeiros/as que cumpriron 25 anos de vida colexial de forma ininterrompida.

Achegámonos a Compostela e celebrámolo no entorno incomparable que nos ofreceu o Hotel Monumento San Francisco, marco ideal non só para compartir un xantar, senón tamén para dar un percorrido a través da historia do COPG e perfilar novas expectativas no noso colectivo profesional.

Dolores LLópiz Pereiro, foi unha compañeira que xa non está entre nós, e queremos recoñecer a súa implicación persoal e xenerosidade co Colexio, co que participou activamente durante máis de dez anos formando parte da Xunta de Goberno, da Comisión Deontolóxica e da Área de Psicoloxía Educativa. Lembrarémola cada ano distinguindo á persoa, institución ou asociación que teña colaborado co COPG contribuíndo ao desenvolvemento da nosa profesión.

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere facer público o recoñecemento da persoa á cal lle outorga este galardón na súa edición de 2009 por ter contribuído á sensibilización social coa divulgación da Psicoloxía nos medios de comunicación dende hai moitos anos. Sempre disposto a colaborar co Colexio coa súa entrega e dedicación desinteresada.

Por todo elo, concédese o premio Dolores Llópiz. Psicoloxía e Sociedade 2009 ao xornalista Joel Gómez.

Fixo entrega a Decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada.

Galeria de fotos [accede á páxina]