Achegas da Psicoloxía 2014

Achegas da Psicoloxía 2014
mércores, Febreiro 19, 2014 - 11:30 a sábado, Marzo 29, 2014 - 11:30

O 29 de marzo celebramos un ano máis o encontro “Achegas da Psicoloxía”, dirixido a todos os colexiados e colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Neste acto fíxose entrega do Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2014”, galardón creado para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da nosa profesión. A Xunta de Goberno do COPG acordou outorgar o premio nesta 6ª Edición á veciñanza de Angrois, que co seu comportamento xeneroso, exemplar e altruísta axudou a salvar vidas no tráxico accidente do tren Alvia acontecido en Santiago de Compostela a noite do 24 de xullo de 2013. O seu nobre xesto devolveunos a confianza na humanidade das persoas, reconfortándonos no medio dunha desgraza tan terrible que marcou a nosa sociedade de xeito irremediable.

Este ano entregouse a distinción de Colexiado de Honra do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co que se pretende enxalzar a dedicación e significar as achegas ao desenvolvemento da nosa profesión. O galardón foi entregado ao colexiado Manuel Pazos Riveiro.

Como é tradición, tamén se efectuou un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial de forma ininterrompida, e déuselle a benvida a todos os colexiados e colexiadas que se incorporaron, por primeira vez, ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ao longo do ano 2013.

O encontro desenvolveuse no Hotel A Quinta da Auga (Santiago de Compostela), cun xantar que deu comezo ás 14.00 horas. 

Accede á galeria de fotos