Circular Nº 264

Circular Nº 264
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
3/2017
Editorial: 

Atención psicolóxica na Primaria: unha necesidade urxente

A nova chegaba desde Cataluña, que neste mes de febreiro o seu Parlamento aprobaba a incorporación da psicoloxía clínica nos servizos de Atención Primaria. Antes, aprobouse noutras comunidades autónomas, como Madrid, ou a través de programas piloto, como en Asturias. Diriximos a ollada ao Servizo Galego de Saúde e pensamos: non sexamos os últimos en coller este tren.

Non custa argumentar os motivos polos que a psicoloxía clínica ten que estar no primeiro nivel asistencial do sistema de saúde. De cada tres consultas que se atenden na Primaria, unha ten que ver con desordes emocionais ou teñen unha compoñente psicolóxica. Ademais, son a segunda causa de baixas laborais. Poder atallar problemáticas a nivel temperán a través da atención psicolóxica e non exclusivamente con psicofármacos, como se fai na actualidade, permitiría un importante aforro para as arcas públicas, ademais dunha mellora da calidade asistencial e, en definitiva, un importante beneficio para a saúde da cidadanía.

En cambio, as ridículas cifras da atención psicolóxica na rede pública galega (AEN, profesionales da saúde mental estima que hai 1,2 psicólogos/as clínicos por cada 100.000 habitantes, catro veces menos que a media estatal e 18 veces por baixo da europea) teñen unha dobre consecuencia. Por unha banda, a atención psicolóxica só existe nun nivel especializado, que debería estar dedicado a patoloxías e trastornos de maior complexidade. Por outro, as listas de espera son inmensas, co que o período interconsulta esténdese a meses, volvendo ineficaz toda terapia que pretenda aplicarse. E quen poida, vese na obriga de acudir á privada; quen non poida, seguirá a consumir psicofármacos e cronificando -ou intensificando- trastornos que poderían ter outra saída.

Coa crise económica e ao abeiro xurídico de leis como a da racionalización do sector público  autonómico (2014), a Administración autonómica atopa amparo para a inacción. Pero é cuestión de vontade. Cando o Plan Estratéxico de Saúde Mental quedou gardado nun caixón, cando se convocan tres insuficientes prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego do SERGAS, cando se precariza a atención psicolóxica a través de convenios externos que limitan a autonomía profesional e que non ofrecen as garantías esixidas no sector público, non estamos a falar de crise. Falamos de que a atención á saúde mental é a filla pobre do sistema sanitario público.

De haber vontade e compromiso político, teríamos unha estratexia e a psicoloxía clínica estaría na atención primaria e, desde logo, reforzaríase na atención especializada. Cunha prevalencia tan alta de trastornos psicolóxicos, debemos poñer orde na atención sanitaria pública. Construamos unha verdadeira rede na que traballar en equipo; onde cada trastorno poida ser atendido no plano asistencial que lle corresponde, coa colaboración entre os distintos profesionais da saúde.

Non son intereses corporativistas: é unha cuestión de saúde pública. Desde o COPG, mantemos esta reivindicación histórica que herdamos desde a constitución do noso colexio, e continuaremos a defendela diante das administracións públicas, porque o feito de que a atención psicolóxica non estea garantida na rede pública é unha inxustiza social e un síntoma de atraso como sociedade.