Circular Nº 266

Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
7/2017
Editorial: 

Cultura e psicoloxía

A capacidade para o manexo de símbolos é sen dúbida a característica que mellor marca a diferenza entre os humanos e o resto dos animais; esa é unha capacidade que permite aprender e transmitir coñecemento cifrado dunha xeración á seguinte, cuxo contido vai estar determinado polo contexto tanto temporal como territorial. Polo tanto, podemos afirmar que esa capacidade de manexar coñecemento simbólico é a característica por antonomasia dos humanos. Desde esta óptica podemos afirmar que non se pode entender un determinado individuo se non se interpreta dentro do contexto cultural ao que ese individuo pertence. Dentro da cultura caben, polo tanto, todas as expresións que se aprenden e transmiten tanto pola oralidade como polas expresións que precisen un soporte material. Dentro deste segundo grupo destacamos a creación artística representada polas artes plásticas, que van desde os gravados nos ancestrais dolmens ata as pinturas da Capela Sixtina, pasando polas covas de Altamira; destacando tamén a música e a literatura. A psicoloxía, como disciplina que trata de entender o ser humano, tanto individual como colectivamente, ten que valorar necesariamente estes aspectos culturais. Por outro lado, e entrando xa a falar das sociedades occidentalizadas, podemos entender que hoxe conviven tres sistemas culturais que están en permanente interacción e que deben ser analizados para ver a súa influencia tanto no individuo como na súa calidade de vida. Estes tres tipos de cultura son, por unha banda, a cultura tradicional que vén de atrás, por outra banda, a cultura global que se superpón e se transmite especialmente polos medios de comunicación, e, por outra, a cultura popular.  A cultura popular, se imaxinamos estes tres tipos de cultura como sendo capaz, sería a do centro, a que recibe influencias das outras dúas, ambas importantes para entender e definir esta, que, por outro lado, é na que se produce e transmite a cultura hoxe en día. Se eliminamos a cultura global, a cultura popular ficaría como cultura só tradicional, como foi historicamente; e se eliminamos a cultura tradicional, a cultura popular ficaría como apenas cultura global, é dicir, cultura de consumo, mais sobre a que non podemos deixar a nosa pegada. Os pobos, ou colectivos humanos, que mellor tezan estes dous aspectos, o tradicional e o global, serán sen dúbida os que constrúan unha cultura popular máis satisfactoria para os seus integrantes, na medida en que permite conservar aspectos que son esenciais para a súa identidade e benestar, e será tamén a que máis influenza pasará a ter na cultura global, pois nada pode ofrecer a cultura global se se limita a ser espello desta e nada de orixinal ten. Por tanto, fomentar a creación artística é fomentar a creación de aspectos constituíntes desta cultura popular; e ese é precisamente o propósito das iniciativas que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía estamos a levar a cabo. Promovemos as exposicións de artes plásticas nas dependencias do noso colexio, que con ese fin foran adaptadas. Con esa mesma finalidade criamos o concurso literario, que vai xa na súa decima convocatoria, e que, mesmo sendo modesto desde o punto de vista económico, é ambicioso desde o punto de vista dos fins que persegue,conseguindo que a participación con obras inéditas tanto de narrativa como de poesía sexa elevada e se manteña ao longo de todas as edicións do premio. Desde esta pequena nota queremos facer un convite colectivo para que todas e todos contribuamos coas nosas creacións ao noso colexio e ao mundo, porque, como se adoita dicir, só aquilo que facemos vai ter a oportunidade de existir