Circular Nº 251

Circular Nº 251
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
1/2015
Editorial: 

“35 anos medrando coa profesión 1980-2015”

 

Emprendemos o 2015 cun lema ilusionante, significativo e que nos dá afouteza como institución: “35 anos medrando coa profesión 1980-2015”. Celebrar un aniversario profesional no actual momento histórico, no que están a desaparecer a diario organismos, institucións e iniciativas persoais, ou quedan minguadas por falta de financiamento, é xa digno de congratulación. Pero poder celebralo medrando é para dar un golpe na mesa e alzar a voz lembrando á sociedade que a profesión e a súa defensa están vivas e con moito camiño por andar. 

Completamente distinta é a situación desde que o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia comezara a súa andaina, alá polo ano 1980, con 133 persoas colexiadas e como unha delegación. Hoxe somos 2.870 os e as que formamos parte desta gran e consolidada familia profesional, constituída en colexio autonómico desde 2001. 

Todos e todas somos coñecedores de que desde un punto de vista histórico o exercicio da Psicoloxía é recente, pero malia ser así, nas últimas décadas conseguiu situarse como unha actividade titulada e regulada. 

O COPG pretendeu e pretende ser engrenaxe da profesión, vixiando o seu exercicio e velando porque o seu cumprimento sexa estrito desde o punto de vista da ética e da deontoloxía. Promover e preservar os principios de equidade, integridade e excelencia, reforzando continuamente a nosa responsabilidade beneficia tanto  á profesión como ao conxunto da sociedade. Trinta e cinco anos de loita polos avances, entre os que tamén adquire un papel destacado a igualdade, pola que pelexamos desde todos os eidos posibles, incluíndo as cuestións formais. Mostra disto foi o cambio do noso nome en 2008 por Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, para que non fose discriminatorio. 

Nestas tres décadas e media fixemos o posible por prestar un servizo coas máximas garantías de seguridade, eficiencia, eficacia e esixencia deontolóxica. A psicoloxía afecta a áreas extraordinariamente sensibles da saúde, da educación, da seguridade, da protección e do coidado das persoas, e unha mala praxe pode ter unha repercusión directa e irreversible sobre a integridade física ou sobre a saúde; en definitiva, sobre o benestar do ser humano. 

É para nós reconfortante ver como dá froitos o noso traballo por posicionar a Psicoloxía no lugar que merece en todos os ámbitos (Educativo,  Sanitario, Social,  Xurídico, Traballo, etc.) a través, nun principio, das diferentes Xuntas Reitoras e,  posteriormente, das Xuntas de Goberno e das Directivas das Seccións, Comisións e Grupos de Traballo do COPG. 

Traballamos unidos e unidas, nun momento no que as fraquezas do sistema fan retumbar a sociedade, cun nivel de desemprego moi elevado e o aumento das desigualdades. 

Neste aniversario non podemos deixar de agradecer publicamente a cada unha das persoas que co seu esforzo, a súa implicación e a súa constancia ao longo destes anos teñen colaborado co Colexio desinteresadamente, sen outra vontade que a de conseguir que a Psicoloxía sexa digna e útil socialmente. Queremos aproveitar esta oportunidade para repasar a nosa intensa historia colexial, que constitúe os cimentos sobre os que construímos o noso día a día.  Porque para seguir construíndo o futuro temos que coñecer o pasado.