Circular Nº 263

Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
1/2017
Editorial: 

Pola infancia: o seu hoxe e o noso mañá 

Neste 2017 imos poñer o foco nas persoas máis vulnerables da sociedade: os nenos e nenas. A miúdo falamos dos máis pequenos e pequenas como "o noso futuro" e esquecemos o seu presente. Sexa como for, cantas veces pagan os pratos rotos dos conflitos sen ter voz para reivindicar os seus dereitos. Un caso ben evidente: é incomprensible que ata o 2015 un menor que convive coa violencia machista non tivese a consideración, e polo tanto, a protección, de vítima. Cando está máis ca contrastado os terribles efectos que ten sobre un neno ou nena, por suposto, tamén a nivel psicolóxico, vivir nun fogar onde se exerce a violencia contra a súa nai. Este 2016 remata con 26 menores orfos e orfas pola violencia machista, a miúdo nais asasinadas polos seus propios pais.

O ensino continúa a ser moeda de cambio dos distintos partidos políticos, incapaces de pensar na necesidade esencial de levar adiante un pacto de Estado pola educación que poña en primeiro plano un sistema educativo no que se prime a excelencia e garantido para toda a cidadanía. Por non mencionar a importancia que ten a atención temperá, que resulta determinante para garantir a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos nenos e nenas que padecen algún trastorno do desenvolvemento ou teñen o risco de padecelo.

E no ámbito da saúde, atopamos que os trastornos mentais son a terceira patoloxía crónica por prevalencia ata os 15 anos, abordados case exclusivamente con fármacos. Dá arrepios comprobar nas aulas como unha porcentaxe moi significativa do alumnado consome medicamentos de xeito crónico para trastornos que mellorarían significativamente  con intervención psicolóxica, como é o caso do TDAH.

En Galicia hai máis de 18.000 fogares de familias con menores en situación de pobreza infantil, que afecta a un de cada cinco nenos. A carestía de alimentos (que non poden permitirse carne ou peixe cada 2 días) é a realidade de 4.100 familias galegas. Desde 2007, a pobreza infantil incrementouse en 6 puntos na nosa Comunidade, superando o 22%.

Cuestións como estas fannos reconsiderar se os dereitos da infancia foron recuando a medida que as políticas de austeridade se instalaban na Administración pública e a crise premía a economía dos fogares. Como profesionais da psicoloxía non podemos permanecer inmunes a esta realidade. É preciso loitar pola plena cidadanía da infancia, polos dereitos e a dignidade dos nenos e nenas. Nos primeiros anos da nosa vida aséntanse os cimentos da nosa saúde mental, as bases da nosa aprendizaxe, das nosas habilidades sociais e as oportunidades para medrar como individuos.

Protexer a infancia é unha cuestión de xustiza social e por iso debe ser asumido como un asunto vital na sociedade. Desde a nosa profesión queremos erguer a voz para reivindicar esta loita; non só porque os nenos e nenas son o noso futuro, senón porque teñen dereito a vivir un presente pleno. Pola infancia, para que sexa esa verdadeira patria feliz.