Circular Nº 262

Circular Nº 262
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
12/2016
Editorial: 

A loita contra a pobreza, o gran reto pendente

Un premio é un motivo, polo xeral, de celebración, pero pode significar moito máis. É recoñecemento, é alento, é confirmar  que o rumbo emprendido é o correcto. Hai oito anos desde que constituímos o premio Dolores Llópiz, en memoria dunha querida compañeira, co que pretendemos recoñecer á persoa, á institución ou ao colectivo que teña colaborado contribuíndo ao desenvolvemento da psicoloxía.

Neste 2016, a Xunta de Goberno decidiu outorgarllo á Rede Galega de Loita contra a Pobreza por unha morea de razóns que podemos sintetizar nunha soa palabra: dignidade. Cada unha das entidades membro da Rede son merecedoras do noso recoñecemento. Vinte e un socios directos e 126 entidades de primeiro nivel que traballan día a día con colectivos en situación de vulnerabilidade dá voz a persoas que sofren con virulencia as consecuencias da exclusión e que non atopan outra posibilidade de representación nunha sociedade na que se ten incrementado notablemente a pobreza e o risco de padecela.

Tense incrementado, pero o problema da pobreza é estrutural. Dúas de cada tres persoas que están en risco de exclusión hoxe en día, xa o estaban en 2007, antes da crise. E daquela todo era crecemento, ninguén lembra que se falase de pobreza, de exclusión. Eran os tempos da "Champions League" e, daquela, a pobreza era algo invisible.  

Desde o COPG quixemos destacar deste modo o labor do terceiro sector, que nun momento no que a resposta do estado do benestar require unha esixencia maior, paradoxalmente veuse minguado con políticas de austeridade. Diante do espectacular incremento das necesidades sociais, as organizacións non lucrativas son as que están a asumir boa parte desa responsabilidade.

Nos últimos oito anos incrementouse a fractura social, pero temos visos para o optimismo: a pobreza, a exclusión, entraron no debate. Estamos diante dun problema que non é froito dun ciclo económico, senón que temos a oportunidade de reconsiderar que modelo de sociedade queremos.

A loita contra a pobreza é o maior reto que temos como sociedade, xa que del depende en boa parte o benestar de moitos e moitas cidadás. Temos a oportunidade de construír unha sociedade máis xusta, máis solidaria, máis igualitaria. Non falamos de caridade, falamos de xustiza. A exclusión é unha gravísima vulneración dos dereitos humanos, pola cantidade de xente á que afecta e polos efectos que produce, efectos que tamén se manifestan a nivel psicolóxico.

Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia queremos enxalzar a esencial actuación da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, pola súa incidencia política, dado que a saída da pobreza pasa ineludiblemente por políticas públicas decididas e suficientemente dotadas que poñan fin ás causas desa carestía e que palíen os efectos producidos.

Coa concesión do premio Dolores Llópiz 2016 desexamos destacar a loita contra a actitude determinista predominante no relativo á pobreza, sabedores e sabedoras de que podemos conseguir unha sociedade igualitaria e máis xusta. E destacamos o seu labor en contra dos prexuízos, dos estereotipos e da estigmatización das persoas en situación de carestía na sociedade.

Nesa loita atoparán a man amiga do colectivo profesional da psicoloxía, o noso compromiso e a nosa solidariedade.