Circular Nº 254

Portada da Circular Informativa do COPG Nº 254
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
5/2015
Editorial: 

Os camiños da psicoloxía 

Foi o ano no que morría Freddy Mercury, xusto despois de anunciar que contraera a SIDA, a mesma enfermidade pola que Magic Johnson daba por pechada a súa carreira deportiva. Unha vez á semana comentabamos o último episodio da serie que se vía en todos os fogares, Farmacia de Guardia e, entre tanto, un médico haitiano denunciaba a exhibición dun cadáver humano embalsamado (un botsuano) no museo de Bañolas.  Remataba a Guerra do Golfo e Boris Yeltsin convertíase en presidente da Federación Rusa. Corría o ano 1991. 

No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia escribíamos tamén a nosa particular páxina na historia: en 1991 celebrabamos a segunda edición do Congreso de Psicoloxía Profesional de Galicia, cinco anos despois da primeira. Vinte e cinco anos despois, nun contexto histórico, económico e social absolutamente distinto, terá lugar a terceira edición. Os días 2, 3 e 4 de xuño de 2016 reunirémonos en Santiago de Compostela coa intención de trazar os mapas dos  camiños da psicoloxía profesional e dar un novo pulo a esta ciencia desde unha perspectiva profesional. 

Os cambios que se produciron neste lapso de tempo son ben evidentes. As nosas maneiras de relacionarnos como seres humanos foron cambiando; conseguimos situar problemas no foco da sociedade que daquela estaban normalizados, como a violencia machista ou o acoso escolar, malia que aínda estean lonxe de chegar a ser erradicados. A psicoloxía continúa gañando recoñecemento e prestixio, reivindicando a súa utilidade para o benestar das persoas, mentres que o Colexio, como tal, gañou un maior peso representativo.

 

Estamos a construír un atractivo programa que nos permita entrar nos diferentes roteiros da psicoloxía profesional. Unha cita imprescindible de encontro e de participación na que queremos contribuír ao sostido crecemento científico e ao recoñecemento social que a psicoloxía veu experimentando nas últimas décadas. As necesidades e as demandas á nosa profesión foron evolucionando co tempo e temos a obriga de propoñer unha reunión de gran magnitude na que poder expoñer e actualizar saberes.

 O punto de encontro será Santiago de Compostela, no Palacio de Congresos, un destino evocador de xentes en busca de respostas e de confluencia de itinerarios desde a antigüidade. Neste congreso estamos a deseñar unha programación ambiciosa que permita dar unha perspectiva ampla, profunda e rigorosa da psicoloxía e das súas distintas áreas de actividade: psicoloxía e saúde, psicoloxía educativa, psicoloxía xurídica, psicoloxía do traballo e das organizacións, psicoloxía da intervención social, psicoloxía do deporte, psicoloxía en catástrofes e emerxencias ou en tráfico e seguridade. 

 

Serán tres días de intensa actividade nos que explorar os desafíos da psicoloxía contemporánea, desde as súas diferentes áreas, para actualizar coñecementos e reflexionar sobre os vivos debates que a alimentan. Por suposto, a túa achega será tamén importante, porque como dicía Kant, o coñecemento comeza coa experiencia e precisamos das túas contribucións. Desde o Comité Organizador convídante a compartir os teus mellores traballos, casos clínicos, modelos de traballo ou actividade investigadora, en formato de comunicación oral, comunicación escrita (póster) ou a través dun simposio temático. Todos e todas sumamos para que este congreso que chega tras un espazo de vinte e cinco anos se converta nun fito histórico da psicoloxía na nosa Comunidade. En xuño de 2016, os e as profesionais da psicoloxía de Galicia temos unha cita imprescindible: contamos contigo.