Circular Nº 272

Circular Nº 272
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
7/2018
Editorial: 

Un compromiso renovado 

Ilusión e responsabilidade; talvez sexan estas as palabras que mellor recollan as emocións que moven o equipo que integramos a nova Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Recollemos a testemuña do camiño andado ata agora, de preto de catro décadas de traballo colectivo levantando os vimbios da psicoloxía profesional en Galicia e sobre eles continuaremos tecendo os novos retos que veñen por diante. 

Para este período marcamos tres áreas como prioridades estratéxicas á hora de deseñar un plan de goberno. En primeiro lugar, debe ser a etapa da consolidación da psicoloxía na sociedade. Somos unha profesión nova, pero é tempo de deixar de arrastrar esa xuventude como unha rémora para demostrar que esta é unha disciplina científica con todo o rigor esixible, que é eficaz e que contribúe de xeito claro e probado ao benestar e á saúde das persoas e das comunidades. Por iso traballaremos para divulgar máis e mellor o que a psicoloxía pode achegar, as súas diferentes aplicacións e os beneficios que comporta. 

E en liña con isto, a segunda prioridade é que urxe mellorar a empregabilidade para as persoas tituladas en Psicoloxía, xa que temos unha gran canteira de talento que non pode continuar a desperdiciarse. E por suposto, a loita contra o intrusismo profesional devén unha cuestión non de defensa corporativista, senón de saúde pública. Cando a nosa profesión se ve sometida a toda unha serie de requirimentos legais para garantir unha correcta atención á persoa, asistimos ao paradoxo de comprobar como pseudociencias e terapias sen base científica se apropian dun espazo aproveitándose da vulnerabilidade allea. É inadmisible, polo tanto, que proliferen perfís profesionais "paralelos" á psicoloxía, carentes de regulación, control nin fundamentación científica e, neste sentido, precisamos da alianza coa Administración pública para frear estas ameazas externas. Non é, insistimos, unha posición de defensa dos intereses profesionais. É unha cuestión de saúde pública.

 A defensa da psicoloxía como unha disciplina imprescindible na rede pública é a terceira das prioridades estratéxicas que definimos para este mandato. É tempo de intensificar as demandas que vimos realizando desde hai anos e que non están a ter a resposta que esiximos por parte da administración pública. Temos que ofrecer unha atención psicolóxica con profesionais suficientes e en condicións dignas no sistema de saúde, no ensino, na xustiza, nos servizos sociais, no eido laboral, no tráfico, no deporte, nas emerxencias. 

É tempo de que os psicólogos e psicólogas nos situemos no lugar que nos corresponde  na sociedade; un lugar que se nos demanda desde a propia cidadanía. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia debe ser o motor de transformación, a entidade promotora para a dignificación, a identidade e o prestixio da nosa querida profesión fronte a ameazas externas, vellas coñecidas e outras que están chegando, como a precariedade, as pseudociencias e o intrusismo profesional. 

O Colexio é a nosa casa común; así o entendemos e así queremos que o sintas. Unha estrutura grande e consolidada, que se asenta sobre unha base de 3.000 colexiados e colexiadas e que debe ofrecer un acompañamento á túa traxectoria profesional acorde coas túas necesidades. Por iso temos grandes proxectos para os vindeiros anos, nos que procuraremos que sintas un Colexio máis próximo, cun trato máis fácil e directo; simplificando os trámites a través da transformación dixital do COPG, aproveitando o que nos pode achegar a tecnoloxía para que todo sexa máis cómodo para ti. 

Son moitas as iniciativas para este período e todas elas conducen ao progreso da psicoloxía profesional en Galicia. Unha profesión á que chegamos por vocación, cun forte compromiso humano e cun desexo de contribuír a un mundo mellor. Porque tan importante como os logros conseguidos é o que deixamos sementado para colleitar no futuro.