Circular Nº 255

Portada da Circular Informativa do COPG Nº 255
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
6/2015
Editorial: 

A pobreza infantil, un bucle tóxico

Ana deixa repousar a cabeza sobre o puño pechado, descansando no pupitre. Unha pequena desconexión mentres o profesor comeza a explicar a lección. Está cansa porque non durmiu moito e ademais, só almorzou unha cunca de leite bebido. Ultimamente, durme peor: cústalle conciliar o sono cando seu pai e súa nai están a discutir porque veu unha nova carta do banco. Desde hai tres anos escoita moitas discusións, máis nos últimos meses, cando seu pai deixou de cobrar o paro. El está triste, a súa nai enfadada, e na casa tamén chegou a política de recortes. Comezou polas vacacións, entraron as marcas brancas, hai meses que se compran larpeiradas, cortaron internet.  As cousas están mal, así que xa non pregunta.

En Galicia hai máis de 18.000 fogares coma o de Ana, familias con menores en situación de pobreza infantil, que afecta a un de cada cinco nenos. A carestía de alimentos (que non poden permitirse carne ou peixe cada 2 días) é a realidade de 4.100 familias galegas. Desde 2007, a pobreza infantil incrementouse en 6 puntos na nosa Comunidade, superando o 22%. Un contexto que ten que ver cun forte incremento do número de fogares sen ingreso ningún, co aumento do número de persoas en situación de desemprego de longa duración e coa redución das taxas de cobertura social.

A pobreza infantil non é unicamente un problema do momento: as carencias repercuten na súa vida adulta, no seu desenvolvemento físico, psicolóxico e educativo, agravándose nas idades máis temperás. As privacións vividas ata os 5 anos poden marcar a súa saúde na idade adulta, a súa personalidade, a súas relacións sociais, etc. Inflúen de forma evidente no seu desenvolvemento intelectual, con maiores riscos de deterioro cognitivo, fracaso escolar e polo tanto, de exclusión social. Ademais, presentan con maior frecuencia depresión, problemas de seguridade, trastornos de ansiedade ou inestabilidade emocional.

Cando as necesidades máis básicas están en cuestión, priman sobre todas as demais: son fogares nos que se vive con moita tensión, con estrés, coa ameaza do desafiuzamento, no que se descoidan inevitablemente aspectos tan importantes para o desenvolvemento do neno ou nena, como a súa estimulación cognitiva ou aspectos afectivos e emocionais. Téndese a pensar en que os efectos da pobreza infantil son unicamente a nivel de malnutrición ou de enfermidades polas condicións ambientais, pero van moito máis alá. Repercuten nos seus resultados educativos -ao cansazo e á preocupación pola situación do fogar únese o cansazo físico por unha alimentación deficiente­- e isto redunda en peores oportunidades laborais na idade adulta, unha espiral tóxica que impide saír da situación de carestía.

Pouco se reflexiona sobre políticas da infancia, posiblemente teña que ver con que os nenos e nenas non votan. Cómpre levar o debate máis alá da apertura ou non dos comedores escolares no verán para garantir unha comida completa ao día: unha medida transitoria e estigmatizadora, pero que non ofrece un camiño. A saída pasa por ofrecer mecanismos contra a pobreza e a exclusión, en forma de salarios ou de servizos. Que a loita contra a pobreza sexa integral, cunha aposta decidida e non simbólica das Administracións a través de políticas públicas suficientemente dotadas economicamente para permitir que os nenos e nenas deixen esta situación de pobreza, xunto con medidas que palíen de inmediato o dano que está a provocar nesta crecente problemática social. Unha coxuntura que se agravou coa crise económica e co recorte dos recursos de protección social, pero que antes de 2008 xa se mantiña por riba do 21% no total do Estado, co que podemos cualificalo como un problema estrutural.