Desde Igualdade da Deputación da Coruña poñen a disposición dos centros educativos públicos e das entidades asociativas sen ánimo de lucro a exposición "Mulleres do medievo galego". Trátase dunha mostra para interiores composta por 21 paneis: un introdutorio e outros vinte divididos en dez láminas ilustradas e os seus correspondentes textos explicativos.
As protagonistas desta exposición son dez mulleres destacadas da nosa historia, seleccionadas para as ilustracións: Dona Urraca, María Castaña, Lupe Pérez de Traba, Inés de Castro, Maior Guntroda Rodríguez, Aldonça I e Sancha II, Ilduara Eriz, Sancha I, Tareixa de León e María Peres, A Balteira. As ilustracións foron creadas por cinco ilustradoras galegas: Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz.
Podedes consultar toda a información dispoñible (Bases, Relación de láminas, Anexo, Directrices, Calendario) neste enlace.