Circular Nº 280

Circular Nº 280
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
11/2019
Editorial: 

Máis de mil asasinos machistas

Comezaba o verán cunha triste estatística: desde 2003, máis de mil mulleres foran asasinadas polas súas parellas ou exparellas, de acordo co rexistro que mantén o goberno estatal para as vítimas de violencia de xénero. Unha cifra que esconde outra que precisa que deitemos luz sobre ela: en pouco máis de dezaseis anos, máis dun milleiro de homes convertéronse en asasinos pola única causa do machismo.

A terrorismo machista ten o rostro das mulleres, pero fóra do foco quedan os asasinos machistas, responsables da violencia exercida. Probablemente porque os mitos da violencia contra a muller sempre fan alusión ao carácter inevitable destas agresións, dentro duns estereotipos de xénero que lle outorgan ao home características intrínsecas como un carácter máis impulsivo, agresivo e violento, e que se xustifican por eses mesmos mitos, como os celos ou os arrebatos pasionais. Mitos ou bulos, que procede máis neste tempo das noticias falsas, que foron transmitíndose de xeración en xeración e que chegan aos nosos días en formas contemporáneas pero cargada da mesma ideoloxía machista de hai séculos.

Bulos que seguen a desprazar do centro da cuestión ao machismo e aos agresores  machistas, pero que cando o feminismo pretende enfocar sobre eles para superar a violencia de xénero, a reacción contraria estoura con máis mitos, estereotipos e clixés que frean a igualdade real entre mulleres e homes.

Un novo 25 de novembro sairemos á rúa a dicir "non" á violencia de xénero. Mentres, a reacción do machismo será a de cuestionar a súa propia existencia, negándolle o xénero á violencia  mediante mentiras e perversións da linguaxe e dos propios feitos que buscan reducir o apoio social ás vítimas. O Convenio de Istambul, que é o marco lexislativo internacional ao que debe adaptarse a nosa normativa estatal, indica que as diferencias de xénero "crean un mecanismo co que se mantén a muller nunha situación de subordinación". Un mecanismo que ten na violencia a súa máxima expresión.

A pretensión de empregar terminoloxía como "violencia doméstica" ou "violencia intrafamiliar" para desacreditar a existencia da violencia estrutural contra a muller, é unha demostración da intención de negar as relacións de desigualdade de poder entre mulleres e homes. Isto faise ao tentar reducilo a un problema particular e privado, e invisibilizando que é consecuencia dunha estrutura social patriarcal tolerante coa violencia machista -e que se foi mantendo tamén grazas a a ela.

O mesmo acontece cando se nos presenta ao agresor como un enfermo mental, un tolo ou un monstro. Un estigma que afecta a todo un conxunto de persoas que padecen enfermidades mentais, a través do cal se vincula as condutas delitivas co feito de presentar algún tipo de patoloxía mental e que novamente, relega a violencia de xénero a unha cuestión particular e individual.

Son estratexias que pretenden negar o carácter estrutural da violencia contra a muller, pero que desde a psicoloxía, cunha apropiada formación transversal en xénero, debemos desarticular, xa que do contrario, a nosa práctica profesional estará sendo neglixente. Máis dun milleiro de asasinos por violencia de xénero en dezaseis anos non é unha cuestión privada nin particular; é terrorismo machista.

Iframe: