Circular Nº 265

Circular Nº 265
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
5/2017
Editorial: 

A colexiación, máis ca unha obriga

Somos máis de 2.800 colexiados e colexiadas quen integramos o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, unha condición que supera a cuestión da simple obriga legal. O Colexio regula o exercicio desta profesión estreitamente ligada ao benestar das persoas, ao tempo que promove a excelencia na práctica e actúa como garantía do cumprimento dos requisitos legais para desenvolver da actividade.

Isto implica beneficios tanto para nós, como colectivo profesional, como para as persoas usuarias. A colexiación é un aval e unha garantía diante da sociedade e protéxenos diante dunha grave ameaza: a do intrusismo profesional. A proliferación de pseudoterapias, xunto con outros profesionais alleos que ofrecen servizos falsamente psicolóxicos  danan seriamente a imaxe, a reputación e o exercicio mesmo da nosa profesión.

Un dano que custa reparar e que desde o COPG traballamos en pórlle freo, como responsabilidade que asumimos. Ao igual que supón unha garantía de boa práctica contar con procedementos de autorregulación deontolóxicos, xa que permiten intervir cando están a vulnerarse dereitos das persoas usuarias. Estamos diante dunha cuestión de interese xeral, porque falamos da saúde e do benestar das persoas.

Pero ademais, o feito de que o Colexio reúna a todas e todos profesionais da psicoloxía de Galicia outórganos unha forza e unha representatividade que nos dá máis capacidade para levar adiante as reivindicacións que afectan ao noso sector. Somos a entidade acreditada para falar en nome dos psicólogos e psicólogas galegas, e cada un dos nosos colexiados e colexiadas dános máis voz.

Fomentamos o desenvolvemento científico e profesional, a través das seccións e dun intenso programa formativo que abrangue as distintas áreas da psicoloxía aplicada. Neste ano, cúmprense dez edicións da nosa bolsa de investigación para colexiados e colexiadas, a beca Manuel Siota, que naceu para contribuír ao desenvolvemento de proxectos que supoñan un afondamento no coñecemento científico e na transformación da realidade de Galicia desde a psicoloxía. 

O noso colexio profesional permítenos unha óptima representación democrática, ofrécenos un papel forte como interlocutores coas distintas administracións públicas, e facilítanos a lexítima defensa e a promoción profesional. Vai alén dunha mera obriga legal: son funcións que nos benefician como colectivo, pero tamén son fundamentais para o conxunto da sociedade, xa que promoven os principios de equidade, integridade e excelencia profesional e reforzan a nosa responsabilidade social.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia debe ser o noso lugar de encontro profesional, e así o entendemos. Construímos un colexio forte, eficaz e responsable; un punto de referencia que nos acompaña na nosa carreira profesional e que nos permite medrar como psicólogos e psicólogas.