Circular Nº 275

Circular Nº 275
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
1/2019
Editorial: 

Por unha atención psicolóxica accesible 

En 2004 constituíanse en Galicia os primeiros Servizos Comúns de Atención ao Cidadán e Asistencia á Vítima nos Xulgados da Coruña e Pontevedra, e catro anos despois chegaban ao resto das sete cidades galegas. Unhas oficinas que, de acordo coa lexislación, debían proporcionar unha atención tamén no plano psicolóxico, pero que ata moitos anos despois, finais de 2017, non foi unha realidade. 

Neste tempo, o Colexio reclamou por todas as formas posibles que se cubrise ese dereito da poboación, chegando a ser a única comunidade autónoma do Estado que non cumpría con este deber. Hoxe en día, por fin, hai atención psicolóxica nos xulgados galegos. Con isto queremos poñer un exemplo de que, se ben podemos contar con marcos legais moi garantistas, a realidade é ben distinta e o deber do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é manterse vixiante para que non se vexan conculcados os dereitos da cidadanía.  É que de pouco serven as leis se non hai recursos para poder desenvolvelas debidamente. 

Este exemplo poderíamos estendelo a múltiples ámbitos dos servizos públicos. Poderíamos falar do acceso á psicoloxía clínica na sanidade pública; do clamoroso baleiro de profesionais da psicoloxía nos centros educativos; da precariedade -cando non ausencia- de psicólogos e psicólogas nos servizos sociais… 

Por iso, este 2019 decidimos poñer o foco na accesibilidade á atención psicolóxica, para que poidamos contar con psicólogos e psicólogas suficientes nos concellos, nos hospitais, nos centros educativos, nos xulgados, nas escolas deportivas, nas organizacións, nas empresas ou nos centros de saúde, por exemplo. Porque unha sociedade que presume ser desenvolvida non pode ser tal se a súa cidadanía non pode acceder á atención psicolóxica. 

Segundo a Enquisa Estrutural de Fogares que anunciaba recentemente o Instituto Galego de Estatística,  1 de cada 5 persoas residentes en Galicia está en risco de pobreza ou de exclusión social. O Instituto Nacional de Estatística publicaba a finais de ano que 323 persoas se suicidaran en Galicia en 2017. Aumentaron sensiblemente as mortes por accidentes de tráfico. O consumo de antidepresivos en Galicia aumentou un cincuenta por cento en cinco anos e duplica, practicamente, á media española. Case unha de cada dez persoas en Galicia sufriu nalgún momento da súa vida algún trastorno mental vinculado ao consumo excesivo de alcohol, case o triplo respecto á media estatal. As denuncias por violencia de xénero incrementáronse na nosa Comunidade no que levamos de ano un 12,3%. 

Son datos que nos lembran que Galicia precisa contar cunha atención psicolóxica garantida e accesible para a súa poboación, e que as súas circunstancias específicas nos obrigarían a ter uns recursos superiores a outros territorios para poder atender esas demandas específicas. E igual que resaltamos estes datos, poderíamos falar de atención temperá, de acoso escolar, de riscos psicosociais, de deporte, de trastorno mental grave, de envellecemento…, de tantos e tantos aspectos nos que a nosa profesión é necesaria e que contribúe á saúde e ao benestar das persoas e das comunidades. 

Defendemos unha atención psicolóxica accesible, unha cuestión que vimos defendendo desde o mesmo nacemento deste Colexio, que herdamos e que esperamos superar no curto prazo. Porque ese é o mellor legado que podemos deixar, para a nosa profesión pero, especialmente, para toda a sociedade.