Formación

O venres 3 de outubro celebrarase o curso “A importancia do corpo en psicoterapia” na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Estará impartida por Alberto Rodríguez Beceiro, G-4861 (Psicólogo habilitado para exercer a psicoloxía sanitaria. Especializado en Trauma. Psicoterapeuta EMDR (formación básica e avanzada), Niveis 1 e 2 Psicoterapia Sensoriomotriz, máster en psicoterapia breve estratéxica. Director da Clínica Meta-Morfosis, e psicólogo en NS Centro de Psicoterapia e Trauma).

Para a inscrición é necesario enviar o boletín cuberto ao enderezo electrónico copgalicia@copgalicia.gal ata o 23 de setembro, ou ben realizar a inscrición a través da sede electrónica do COPG. 

*Formación aberta só para os/as terapeutas dos Programas Abramos o Círculo e PAPMVX e membros da Quenda de Garda Psicolóxica Especializada en Violencia de Xénero*

Boletín

Programa

A Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza o curso “O terapeuta centrado no erro. Estratexias para optimizar os resultados en psicoterapia”, que se celebrará o 4 de outubro de 2025, tanto en modalidade presencial en Santiago de Compostela como en modalidade online, a través da plataforma de teleformación Moodle do COPG e Zoom.

O curso ten como obxectivos desenvolver estratexias para establecer fortes alianzas terapéuticas e optimizar os resultados en psicoterapia.

Para a inscrición é preciso enviar o boletín cuberto ao enderezo electrónico copgalicia@copgalicia.gal ata o 24 de setembro, ou ben realizar a inscrición a través da sede electrónica do COPG.

Boletín

Programa

A Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza o curso Condutas disociais de menores inimputables: Como intervir máis aló do delito”, que se celebrará o día 11 de outubro no salón de actos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O curso ten como obxectivos presentar un modelo de compresión relacional da violencia e as condutas disociais na infancia e adolescencia, dar a coñecer unha proposta de modelo de intervención completa para atender a menores inimputables con condutas disociais, mostrar estratexias de avaliación e intervención con esta poboación e as súas familias, e a súa aplicabilidade nos diferentes contextos de actuación e fomentar a capacidade dos asistentes para valorar o risco, formular os casos e establecer programas de intervención e seguimento específico.

Para a inscrición é preciso enviar o boletín cuberto ao enderezo electrónico copgalicia@copgalicia.gal ata o 1 de outubro, ou ben realizar a inscrición a través da sede electrónica do COPG.

Boletín

Programa

A Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG organiza as súas XXX Xornadas da Sección baixo o título “Recalculando ruta”, que terán lugar en Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de novembro de 2025.

Despois de 30 anos desde a celebración das primeiras Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, faise necesario realizar un balance sobre a evolución do campo da psicoloxía clínica, tanto desde as súas abordaxes e técnicas como desde a súa propia organización, así como unha reflexión sobre o seu futuro.

Os cambios sociais, as novas modalidades de actuación, os enfoques telemáticos e a aparición da intelixencia artificial supoñen retos que a psicoloxía clínica necesita afrontar.

Por iso mesmo, nestas XXX Xornadas tan especiais, trataremos de debater sobre a necesidade da creación de servizos de Psicoloxía Clínica dentro do Sistema Nacional de Saúde e, do mesmo xeito, sobre a importancia de establecer a especialidade de Psicoloxía Infanto-Xuvenil como unha especialidade vía PIR, cun corpus teórico-práctico e entidade propia. Así mesmo, propómonos realizar, desde unha postura crítica, unha reflexión sobre o papel do diagnóstico e, nalgúns casos, do sobrediagnóstico, con todas as implicacións sociais e éticas que isto implica e abordar as dificultades coas que se encontran os profesionais no traballo con persoas con enfermidades crónicas e/ou terminais.

Podes facer a túa inscrición envinado o boletín cuberto ao enderezo electrónico copgalicia@copgalicia.gal ata o 27 de outubro, ou a través da sede electrónica do COPG.

Boletín de inscrición