Arrincan en Lugo as XXVI Xornadas de Psicoloxía e Saúde sobre trastorno mental grave

Esta mañá tivo lugar a inauguración das XXVI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo. Esta edición está centrada na atención ao trastorno mental grave, no que o vicedecano do COPG, Hipólito Puente, reivindicou a necesidade de garantir a atención psicolóxica na sanidade pública, para protexer os dereitos das persoas usuarias, tamén aquelas afectadas con trastorno mental grave.

O xerente da EOXI de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, sinalou a mellora nos recursos que supuxo o Plan Galego de Saúde Mental que aprobou en 2020 a Xunta de Galicia, Pola súa banda, o coordinador do Grupo sobre Trastorno Mental Grave do COPG, Carlos Álvarez, recordou o traballo desenvolvido neste grupo, no que se concluíra que a calidade asistencial ao trastorno mental severo era deficiente e a atención psicolóxica non era accesible. Neste sentido, a presidenta do Comité Organizador das Xornadas, Alba Fernández, lembrou que a evidencia científica ten demostrado a eficacia dos tratamentos psicolóxico e psicosociais, fronte ao tratamento unicamente farmacolóxico.   

A continuación, a psicóloga clínica Marisol Filgueira Bouza realizou na conferencia inaugural un retrato persoal da súa experiencia tratando o trastorno mental grave, abordando cuestións polémicas do exercicio da profesión nesta área. Reivindicou un cambio de enfoque da clínica cara aos dereitos, dos enfermos ás persoas. “O acceso aos servizos de saúde mental deixa moito que desexar, especialmente para as persoas máis vulnerables”, apuntou.

Os dereitos humanos foron protagonistas nunha mesa que contou cunha tripla perspectiva: a psicolóxica, a xurídica e a das persoas afectadas. Houbo oportunidade para escoitar as persoas usuarias, a través de Paula Tomé Espiñeira, que relatou en primeira persoa a súa experiencia, e enfatizando en como inflúen na saúde mental as condicións sociais e económicas, a súa preocupación por que “o respecto aos dereitos humanos dependa da vontade certas persoas, de profesionais, familiares ou activistas, cando debería ser algo sistémico”.

A voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro Landín, sinalou que “non pode haber saúde mental sen dereitos humanos”, á vez que fixo un percorrido histórico pola traxectoria desta plataforma cívica. Destacou a capacidade de transformación social a través da mobilización, recordando accións como a campaña de badaladas para a prevención do suicidio ou contra o uso da contención mecánica, e insistindo na incidencia dos determinantes psicosociais na saúde mental. “A principal loita contra o estigma é unha sanidade digna”, concluíu.

Rematou a sesión o xurista Miguel Vieito Villar, que achegou a perspectiva dos dereitos na discapacidade, insistindo en que é fundamental escoitar e informar as persoas usuarias. Sinalou a importancia da Convención de Nova York polo seu recoñecemento dos dereitos humanos das persoas con discapacidade, xa que a sitúa máis alá dunha patoloxía concreta, senón que crea un sistema de dereitos como a autonomía, a igualdade ou a promoción da saúde, por exemplo.

Na tarde continúa cunha mesa sobre as necesidades asistenciais das persoas máis desfavorecidas, como aquelas que se atopan en prisións, sen teito ou que viven no rural, e que teñen unha maior dificultade de acceso aos servizos. Mañá sábado 20, na última sesión destas xornadas, será o momento de falar sobre os novos modelos e estratexias de intervención comunitaria.

A conferencia de clausura correrá por conta do prestixioso psicólogo clínico británico Richard P. Bentall, profesor da Universidade de Sheffield no Reino Unido, que falará sobre as necesidades, os dereitos e os recursos na atención ao trastorno mental grave. Bentall leva dedicada a súa carreira a cambiar o modo en que se ven estes trastornos, propoñendo unha abordaxe multidisciplinaria máis alá da estritamente farmacolóxica para pacientes que teñen diagnósticos como a psicose ou a esquizofrenia, patoloxías cunha prevalencia dun 1,2% da poboación galega.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.