Hoxe, 19 de outubro ás 20:00 horas comeza Sentarmos Xunt@s, unha actividade semanal gratuíta que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) para a práctica de mindfulness e nas que están inscritas máis de 600 persoas.
Estas prácticas guiadas online, coordinadas polas psicólogas Ana Isabel Martínez Arranz e Sandra Izaguirre García, teñen a intención de lembrar a importancia de coidarse de forma amable a través da práctica do mindfulness, unha técnica de meditación que consiste en adestrar a atención para ser consciente do presente. O mindfulness é un método de observación e atención consciente a toda a nosa experiencia, interna e externa, sensacións, pensamentos, emocións, patróns de conduta… O que nos permite aprender unha nova forma de responder ás situacións que se nos presentan na vida cotiá e non simplemente reaccionar a elas.