Máis de cen terapeutas dos programas de atención psicolóxica en violencia de xénero revisan a intervención con menores

Mañá sábado 23 de febreiro, os máis de cen psicólogos e psicólogas que integran a rede dos programas de atención psicolóxica especializada no ámbito da violencia de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participarán nunha xornada que actualizará as súas competencias profesionais en cuestións como a intervención con menores ou tras os asasinatos machistas. Esta actividade terá lugar ao longo de todo o día na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, no Salón de Actos.

Na xornada de mañá, presentaranse dous documentos propios nos que traballaron cadanseu grupo especializado. Por unha banda, a psicóloga Paula Baldomir Gago, experta en psicopatoloxía e psicoterapia na infancia e na adolescencia abordará a ponencia que leva por título “As vítimas invisibles da violencia de xénero: Directrices e Recomendacións”. Nesta exposición, a relatora presentará un documento elaborado por un grupo de profesionais expertas neste campo onde se tratará de identificar, nomear e documentar o impacto da violencia de xénero nos fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia, para deste xeito darlle visibilidade como vítimas de violencia de xénero.

Preténdese atender á urxencia de implementar medidas reais que sexan consonantes coa modificación da lei Orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección a infancia e adolescencia. Inclúe tamén a exposición dunha serie de recomendacións e medidas para visibilizar a situación e que se tomen as medidas de protección e reparación oportunas.