O Colexio de Psicoloxía forma a máis de corenta profesionais en coidados paliativos pediátricos

Mañá venres 22 e o sábado 23 de febreiro terá lugar o curso “Atención  psicolóxica e social ao neno ou nena, familia e profesionais en coidados paliativos pediátricos” impartido polo equipo multidisciplinar (psicóloga, traballadora social e médico) da Unidade de coidados Paliativos do Hospital  Universitario do Niño Jesús da Comunidade Autónoma de Madrid. Máis de corenta psicólogos e psicólogas asistirán a esta formación que se impartirá na aula 1 do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Os Coidados Paliativos Pediátricos aínda son descoñecidos no ámbito da pediatría en España, xa que sobre todo nos países desenvolvidos, a pediatría é unha especialidade con potencial de vida. Con todo, as enfermidades son inexorables. Sen ir máis lonxe, en España morren todos os anos 3.000 nenos e nenas, e iso é así a pesar dos avances e da tecnoloxía. Ademais, a estes nenos e nenas debemos sumar aqueles cuxo falecemento non é inminente, pero cun diagnóstico e prognóstico grave e que a súa enfermidade, a día de hoxe, resulta incurable.

Os Coidados Paliativos Pediátricos é unha cuestión de calidade asistencial, unha maneira de prestar a asistencia sanitaria centrada nas persoas, entendendo como persoas no ámbito da pediatría: os nenos e nenas, as súas familias e os/as profesionais que os atenden. Os coidados paliativos ocúpanse da vida das persoas ata que lles toca morrer. Non se ocupa da morte. Non se ocupan do cando senón do como. É unha corrente dentro do movemento da humanización sanitaria, á que poderiamos chamar personalización ou medicina personalizada. Xorden como necesidade para abordar unha situación na que o falecemento prematuro é o usual aínda que non inminente, tratándoos como persoas. Son por tanto, os coidados paliativos un cambio na cultura de atención ao paciente, unha maneira de humanizar o sistema.