Vinte e cinco psicólogos/as participan nun obradoiro sobre a atención psicolóxica ás vítimas de delitos

Un total de vinte e cinco psicólogos e psicólogas participarán mañá sábado ao longo de toda a xornada nun obradoiro sobre a atención psicolóxica especializada ás vítimas de delitos, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que terá lugar na súa propia sede en Santiago de Compostela.

O obradoiro pretende dar a coñecer ás persoas asistentes coñecementos sobre a regulación legal en España onde se recoñece o dereito a asistencia psicolóxica ás vítimas do delito. Ademais, identificarase o perfil profesional do/a psicólogo/a experto/a en vítimas do delito así como se traballará sobre os tratamentos, técnicas e protocolos de actuación aplicables coas vítimas directas e indirectas do delito.

As oficinas de asistencia ás vítimas teñen como obxectivo xeral prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito e dar resposta ás necesidades específicas das mesmas no ámbito xurídico, psicolóxico e social, tal e como se recolle no artigo 17 do Real Decreto 1109/2015. Desde 2017, Galicia conta con atención psicolóxica nestas oficinas nos xulgados das sete cidades galegas.

A docencia deste obradoiro correrá por conta de Mª Ángeles Pérez García, psicóloga especialista en atención a vítimas, que conta cunha ampla experiencia no eido, dado que é  Psicóloga Titular Oficial de Asistencia a Vítimas de Delitos (OAV) da Delegación do Ministerio de Xustiza en Salamanca desde o ano 2003. Conta con formación anual actualizada para realizar a asistencia psicolóxica especializada na Oficina de Atención a Vítimas desde 2003, colaborando como formadora ocasional.

No obradoiro, que organiza a Sección de Psicoloxía Xurídica do COPG, tentarase alternar entre a parte expositiva cunha parte de resolución de casos prácticos e de debate didáctico.