O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do COPG afonda no manexo da conduta suicida

Mañá venres 1 e o sábado 2 de febreiro, máis de 70 psicólogos e psicólogas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía galego están convocados a unha nova actividade de formación específica deste colectivo, centrada nesta ocasión na intervención en casos de conduta suicida.

A actividade terá lugar na Facultade de Psicoloxía da USC e será impartida por profesionais do Programa de Intervención Intensiva en Conduta Suicida do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Trátase do primeiro programa deste tipo que se implementou no Servizo Galego de Saúde, en 2008, e desde entón ten demostrado unha elevada eficacia.

María Teresa Reijas Ruíz, psicóloga especialista en Psicoloxía Clínica; Marina González González, psiquiatra; e Amparo González García, enfermeira especialista en Saúde Mental, ofrecerán unha contribución valiosa non unicamente no plano teórico, senón tamén pola súa grande experiencia práctica no Programa.

O suicidio é actualmente a segunda causa de defunción no grupo de idade entre 15 e 29 anos, cunha taxa a nivel galego notablemente superior á estatal (11,9 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a estatal se sitúa en 7,46). Ten un grave impacto nas familias, pero tamén en toda a comunidade, polo que é importante que o GIPCE, que intervén en sucesos destas características, inclúa no seu adestramento un maior coñecemento desta problemática. Deste modo e grazas á formación permanente, os psicólogos e psicólogas que interveñen en situacións de emerxencias contarán coas ferramentas e habilidades necesarias para a realización dunhas intervencións máis especializadas e efectivas.