Unpublished
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou recentemente un convenio coa Fundación Deporte Galego para a prestación de servizos de psicoloxía a deportistas DGAN (Deportistas Galegos/as de Alto Nivel) para o ano 2023. Estes servizos psicolóxicos a prestar poderán ser de asesoramento no ámbito da Psicoloxía do Deporte ou de intervención no ámbito sanitario.
En base ao recollido no parágrafo anterior, o COPG elaborará dúas listaxes cos e coas profesionais que cumpran cos requisitos establecidos, segundo a especialidade profesional dos/as mesmos: unha listaxe para o servizo de asesoramento en Psicoloxía do Deporte, e outra listaxe para servizos de intervención no ámbito sanitario, podendo o/a profesional solicitar a súa inscrición nunha ou nas dúas listaxes.
As intervencións efectuaranse sempre a requirimento da Fundación Deporte Galego, que solicitará ao COPG a designación da persoa colexiada, sendo o Colexio o encargado de concretar as necesidades psicolóxicas coa persoa beneficiaria e derivar á/ao profesional que por listaxe lle corresponda ser designada. O/a psicólogo/a terá un prazo de 48 horas para concretar a cita co/a deportista beneficiario/a.
O importe máximo establecido pola Xunta de Galicia para cada sesión son 52 euros (lVE non incluído) e cada deportista DGAN poderá facer uso dun máximo de 4 sesións gratuítas.
Os psicólogos e psicólogas que desexen ser incorporadas nas listaxes deberán reunir os seguintes requisitos no momento de formalizar a súa solicitude:
- Ser psicólogo/a colexiado/a e estar ao corrente do pago das cotas colexiais.
- Non estar cumprindo ou ter pendente de cumprimento unha sanción da Comisión de Ética e Deontoloxía.
- Cumprir os requisitos de competencias profesionais:
- Para a prestación de servizos de Psicoloxía do Deporte: acreditación nacional de Psicólogo/a Experto en Psicoloxía do Deporte do Consejo General de la Psicología de España e/ou Máster en Psicoloxía do deporte máis 2 anos de experiencia profesional.
- Para a prestación de servizos de intervención no ámbito sanitario: acreditación de psicoloxía sanitaria e/ou clínica e 200 horas de formación en psicoloxía do deporte máis 3 anos de experiencia profesional.
- A presentación dunha declaración responsable de estar dado/a de alta no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as.
- Ter contratado un seguro de responsabilidade civil profesional, o cal se acreditará mediante o pagamento do último recibo do ano en curso.
- Certificado de delitos de natureza sexual ou xustificante de telo solicitado.
As persoas interesadas en incorporarse nas devanditas listaxes de psicólogas e psicólogos para a prestación de servizos de psicoloxía a deportistas DGAN, deberán presentar o seguinte:
- Solicitude segundo modelo axunto.
- Copia simple da documentación acreditativa dos méritos que desexen facer constar.
- Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos para formar parte das listaxes (declaración responsable da alta en autónomos, xustificante de pago do seguro de responsabilidade civil profesional e certificado de delitos de natureza sexual).
Co fin de valorar as solicitudes recibidas, a Xunta de Goberno do COPG constituíu un Comité de Valoración formado por:
Mª Carmen González Hermo. Vicesecretaria do COPG e coordinadora da Comisión Intersectorial de Psicoloxía e Deporte do COPG.
Mª Dolores González Fernández. Vogal da Comisión Intersectorial de Psicoloxía e Deporte do COPG e vogal da Xunta Directiva da División de Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte (PACFD) do Consejo General de la Psicología.
Antonio Esteban Fuertes Saavedra. Vogal da Comisión Intersectorial de Psicoloxía e Deporte do COPG.
Haberá dúas listaxes independentes segundo a especialidade profesional, debendo indicar a persoa solicitante na súa solicitude a/s localidade/s na que pode intervir e a posibilidade ou non de intervir telematicamente.
A orde das persoas nas 2 listaxes realizaranse por estrito orde de rexistro de entrada. As solicitudes presentadas só terán validez en orde á súa incorporación ás listaxes unha vez aportada a totalidade da documentación acreditativa dos requisitos e méritos requiridos. No suposto de emenda, subsanación ou mellora terase en conta o último rexistro de entrada realizado.
Unha vez comprobada polo Comité de Valoración a concorrencia e cumprimento dos requisitos esixidos, esta remitirá os seus acordos á Xunta de Goberno que, unha vez estudiada toda a documentación, elaborará e aprobará as correspondentes listaxes, que serán publicadas na páxina web do COPG; asemade a resolución será notificada individualmente a cada unha das persoas interesadas.
Con todo, as devanditas listaxes estarán abertas durante a vixencia do Convenio e as súas renovacións, podendo toda persoa colexiada que reúna os requisitos formular a súa solicitude en calquera momento.
Poderase presentar a documentación por correo postal certificado ou acudir presencialmente á sede colexial, sita na Rúa Espiñeira, 10-Baixo, 15706 Santiago de Compostela, A Coruña, ou ben a través da sede electrónica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia https://sede.copgalicia.gal, mediante o trámite de “Instancia Xeral”. Non se admitirá documentación a través de correo electrónico.
En todo o non previsto na presente convocatoria, e como corporación de dereito público, serán de aplicación a Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común e a Lei 40/2015, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas.