O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia únese ao comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental no Día Internacional dos Dereitos Humanos

10/12/2025

Hoxe, día 10 de decembro, é o Día Internacional dos Dereitos Humanos e desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia queremos salientar a necesidade urxente de avanzar cara a unha atención en saúde mental libre de vulneracións de dereitos e con compromiso real coa contención cero.

A continuación remitimos o comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental ao que nos unimos desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

 

“SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO”

Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025

 

Vivimos malos tempos para os Dereitos Humanos. Aínda que o noso mundo nunca gozou de boa saúde dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1948, os tempos actuais están a ser especialmente complexos neste sentido.

Por exemplo, a nivel internacional estase a permitir, impunemente, o xenocidio do pobo palestino. Os gobernos de boa parte dos estados do mundo mantéñense nun silencio cómplice, ollando para outro lado mentres a devastación asola a dous millóns de seres humanos, atentando contra todo dereito e mesmo contra a súa existencia. E nós, como cidadáns, como persoas, non podemos permanecer calados.

Outro tanto acontece en Ucraína. Alí a violación dos dereitos humanos é tamén unha realidade cotiá. Outro pobo asoballado por unha potencia maior. E novamente coa conivencia de tódolos estados da contorna, e dunha Unión Europea que di cimentarse sobre os valores da dignidade humana, a liberdade, a democracia, a igualdade e os dereitos humanos.

Por desgraza, estas dúas situacións, aínda que de especial gravidade e urxencia, non son excepcionais na actualidade. Son tan só a punta do iceberg do que está a ocorrer no panorama mundial. En abril deste mesmo ano Amnistía Internacional advertía da existencia de motivos de preocupación no que respecta aos dereitos humanos en 150 países do mundo, recollidos nun extenso informe que debería cando menos alarmarnos como sociedade.

E o estado español non se atopa libre de sospeita. Nese mesmo documento recóllense no noso ámbito xeográfico vulneracións graves relacionadas, entre outros, cos dereitos á saúde, á vivenda, á liberdade de expresión e á reunión pacífica, á privacidade, á sexualidade... España, e Galicia, continúan a ser lugares nos que os dereitos humanos non están garantidos. Nos que os responsables políticos continúan a desatender, comentendo unha grave irresponsabilidade, as necesidades básicas dunha boa parte da poboación.

E cando vai frío fora, a intemperie sempre é maior para aquelas persoas pertencentes a colectivos en situación de maior vulnerabilidade. A pobreza, a ausencia de vivenda digna ou a ausencia de protección cando é precisa son algúns dos factores que sabemos condicionan gravemente a existencia particular. É por iso que hai que porlles solución de xeito inmediato. Non se pode esperar xa máis. É cuestión de vida ou morte.

Dende o Movemento Galego de Saúde Mental vimos dende hai máis de dez anos denunciando dende a óptica dos dereitos humanos as vulneracións que se veñen producindo no eido da atención á saúde mental. Vulneracións graves e numerosas que se condensan no acto que hoxe aquí representamos: a contención mecánica.

Esta técnica, que pretenden falsamente denominar terapéutica, é en si mesma unha vulneración dos dereitos da persoa que a ela se ve sometida. Supón a súa redución, dun xeito involuntario e violento, a través de ataduras á súa mínima expresión: ao lugar que o seu propio corpo ocupa. Implica graves riscos físicos e psíquicos, atentando contra a dignidade de quen a sofre, e non estando en ningún caso xustificada pola suposta prevención dun mal maior para a que non se implementan outras medidas máis humanizadoras.

O abandono e o mantemento da perpetración por parte dos axentes e a administración responsable son claros. Unha radical redución da contención mecánica é posible, tal e como demostran tanto numerosas experiencias internacionais como as aínda escasas que comezan a aparecer timidamente na nosa comunidade. A súa erradicación é unha necesidade e unha obriga ética, ademais de legal, en cumprimento das diversas normativas internacionais vixentes dende hai anos e que obrigan ao estado español.

O retraso por parte da Xunta de Galicia e do Sergas no desenvolvemento do obxectivo de contención cero asumido no ano 2020 no Plan de Saúde Mental é absolutamente inxustificable. A día de hoxe continuamos sen saber cantas contencións se producen nin en que condicións; non temos tampouco coñecemento da existencia dun posible plan dirixido á contención cero nin das medidas concretas que se poidan estar a tomar. E os feitos do pasado recente como a votación parlamentaria en contra dunha proposición non de lei sobre contención mecánica no 2019 ou a situación do novo abandono do hospital psiquiátrico de Conxo non son precisamente alentadores.

E cada día que se deixa pasar supón o sometemento a contención mecánica da persoas ás que se lles está a producir innecesariamente un sufrimento engadido que podería ser evitado.

Neste día internacional volvemos alzar a nosa voz contra as vulneracións dos dereitos humanos en tódolos ámbitos. Tamén no da saúde mental. Vainos a vida niso: como individuos e como sociedade.

Por unha atención digna á saúde mental.

Por unha saúde mental sen ataduras. Contencións cero.