Día Internacional das Persoas Maiores “Por Unha Atención Integral Digna. Pregunta aos teus Maiores”

1/10/2018

Baixo o lema “Por unha atención integral digna. Pregunta aos teus maiores” desde o Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento queremos aproveitar o Día Internacional das Persoas de Idade para poñer de relevo a importancia de que as persoas maiores reciban unha atención integral digna. É por iso polo que, ademais de que se vexan cubertas as súas necesidades básicas, é preciso que haxa unha promoción cara a un envellecemento activo e saudable, tendo en conta o proxecto de vida de cada persoa, para o que é necesario preguntarlles e que, con iso, se sintan escoitados. É inescusable poñer á persoa maior nun lugar relevante, en primeira persoa.

As novas tecnoloxías supoñen un avance para a sociedade, pero en ocasións pérdese o contacto coas persoas máis próximas. É necesario retomar lazos humanos e familiares, ser próximos. Preguntar a unha persoa maior non só por unha receita de cociña ou por un acontecemento vivido no pasado, senón tamén como sinte, que lle apetece facer hoxe… Pois non debemos esquecer que a esencia da vellez radica na sabedoría adquirida ao longo da vida (experiencias, recordos…), así como no respecto e a dignidade á persoa maior.

Envellecer vai implícito na vida. Debemos, entre todos, individual e socialmente, darlle valor ao envellecemento; de forma que pensar en envellecer se asocie coa alegría, sexa ter tempo para facer máis cousas, para desenvolver inquietudes, para probar cousas novas, para ensinar coa experiencia, ampliar horizontes de relacións…. Cumprir anos significa entre outras moitas cousas sumar experiencias, engadir recordos, vivencias adquiridas, afianzar coñecementos pero tamén significa acumular libros, dispositivos, roupa e cousas innecesarias nos nosos caixóns, amontoar boas intencións e propósitos cada ano, experiencias dolorosas, enfermidades que nos limitan, soidade, tempo dabondo que antes nos faltaba  e  tantas cousas negativas que poden chegar a ensombrecer a esencia da nosa vida converténdoa en tristeza, decaemento, anhedonia, dor, resignación e reclusión, situacións nas que a intervención psicolóxica sen dúbida é esencial para poder reverter ese malestar.

A este respecto, o profesional da psicoloxía non está só para atender a enfermidade e para axudar dentro dos seus coñecementos para mellorar o seu benestar, así como para intervir cos familiares para poder afrontar os retos que leva, da mellor forma posible, senón que o psicólogo do ámbito do envellecemento é o puntal para afianzar uns cimentos na nosa sociedade promovendo o envellecemento activo e saudable, dándolle ferramentas ás persoas para ser capaces de gozar a vida cumprindo anos e  atopando os mellores camiños para ser feliz asimilando, aceptando e valorando ser maior. 

A psicoloxía traballa con outras disciplinas para que o envellecemento sexa vivido de maneira positiva e saudable, para o que hai que manterse activo física, psíquica e socialmente, desenvolvendo e incorporando habilidades que melloren a xestión, entre outras cousas, das emocións, os pensamentos e as actitudes. 

O Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento traballa a nivel nacional para que as persoas maiores reciban unha atención integral digna, tanto coas persoas maiores sas, como coas que padecen algunha patoloxía, tanto no domicilio como nos contextos institucionais (centros de día, residencias…). Así, o profesional da psicoloxía é unha figura fundamental no equipo interdisciplinar, xa que, mediante a súa intervención e asesoramento, mellora a calidade de vida dos nosos maiores, a dos seus coidadores e a dos profesionais que os atenden.