Achegas da Psicoloxía Galega 2024

1/4/2024

O día 7 de xuño celebraremos Achegas da Psicoloxía no Pazo do Mosteiro (Mosteiro, 14. 36740 Tomiño. Pontevedra) e neste evento faremos entrega do Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2024”, galardón creado para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da nosa profesión. A Xunta de Goberno do COPG acordou outorgar o premio nesta edición a Verónica Boquete, futbolista profesional, polo seu lonxevo compromiso coa igualdade desde o deporte, así como pola posta en valor da psicoloxía neste ámbito e en xeral na sociedade, reivindicando vencer os tabús que rodean os problemas da saúde mental e o acceso a unha atención profesional. 

Tamén entregaremos o recoñecemento ao Colexiado de Honra, que nesta ocasión a Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG acordou conceder a Xabier Macías Virgós, que exerceu con rigor e entrega en todas as responsabilidades que afrontou no COPG: tanto na Xunta Reitora como liderando o complexo proceso de segregación e constitución no Colexio Autonómico, así como tamén na defensa dunha atención psicolóxica garantida e accesible nos distintos servizos públicos. Unha visión que permanece na cultura institucional do COPG a día de hoxe. 

Ademais, terá lugar a entrega do recoñecemento a aqueles/as psicólogos/as que contribuíron á profesión desde os seus inicios e que tiveron como áncora a colaboración coa profesión, canalizada en numerosas ocasións a través do desenvolvemento do noso Colexio e en defensa da profesión. Tamén se efectuará un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial, así como a entrega dos III Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira do COPG.