O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reúnese co novo Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero

1/6/2024

O día 29 de maio, na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, mantívose unha xuntanza entre a decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e Fátima López Rodríguez, coordinadora da Quenda de Garda Psicolóxica Especializada en Violencia de Xénero xunto co Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba Alvedro, e coa Subdirectora Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Patricia Fernández López.

Nesta reunión tratáronse asuntos da colaboración mantida entre a administración galega e este colexio profesional no ámbito da loita contra a violencia de xénero, tal e como se veñen sostendo desde hai moitos anos, especialmente no relativo aos Convenios polos cales o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia presta atención psicolóxica neste ámbito: trátase dos programas .

O COPG ten unha colaboración con tres programas distintos. Por un lado, Abramos o círculo, coordinado por Rubén Villar Trenco, que presta servizo de atención psicolóxica a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella e coa súa familia, e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade. Por outra banda, o Programa de Atención Psicoloxica a Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, coordinado por Mª Luz Losada Somoza, dirixido a mulleres que sofren violencia de xénero para axudarllas a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima; ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades e capacidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral. Tamén aos/ás menores e persoas dependentes delas poden utilizar este recurso. O terceiro deles é a Quenda de Garda Psicolóxica Especializada en Violencia de Xénero, coordinado por Rubén Villar Trenco e Fátima López Rodríguez, que presta asistencia psicolóxica especializada de carácter inmediato ás vítimas na situación de urxencia nos diferentes escenarios ás posibles situacións de urxencia, en todos os partidos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia.