O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia súmase á conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas

20/6/2018

Este 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data instaurada desde 2001 a partir dunha Resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia súmase a esta conmemoración e participou nun grande acto reivindicativo organizado polo Concello de Santiago xunto con representantes dos concellos de Teo e Ames, e das entidades Médicos do Mundo, Cruz Vermella, Unicef, a Coordinadora Galega de ONGs, a Fundación Ronsel, e o Foro Galego Inmigración. 

Á continuación, na xuntanza da Mesa de Coordinación para a Acollida das Persoas Refuxiadas, elaborouse o seguinte manifesto: 

  1. A nosa denuncia da deriva dos Estados europeos e dos Estados Unidos  en materia de respecto dos dereitos humanos e por incumprir os dereitos humanos e os principios xurídicos básicos do dereito internacional en materia de migracións e asilo e refuxio.
  2. A esixencia aos Estados europeos, comunidades autónomas e concellos para que definan políticas coherentes e coordinadas que permitan unha acollida e integración real e efectiva das persoas que foxen dos conflitos e persecucións e buscan axuda e refuxio nos nosos concellos.
  3. A nosa firme vontade para continuar coordinándonos para definir accións e recursos que permitan canalizar a solidariedade e dar unha resposta máis axeitada ás persoas migrantes que buscan asilo e refuxio nas nosas comunidades.