Circular Nº 274

Circular Nº 274
Edita: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Autor: 
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Data: 
11/2018
Editorial: 

A psicoloxía perinatal e a violencia obstétrica

“O trauma do parto reside na mirada de quen o percibe” (Cheril Beck, 2004), é unha cita que podería definir a necesidade profesional e social de falar da realidade da violencia obstétrica, poñendo o foco na “mirada” de quen a vive, independentemente das diferencias individuais. 

A violencia obstétrica é definida por Pérez de Gregorio (2010) como “un trato xerárquico e deshumanizador, un abuso de medicalización e da patoloxización dos procesos naturais, traendo consigo unha perda de autonomía e da capacidade de decidir libremente sobre os seus corpos e a sexualidade, impactando negativamente na calidade de vida das mulleres”. 

Aínda que por definición estamos falando dun tipo de violencia de xénero, dado que é un tipo de violencia que principalmente perciben as mulleres, non soamente afecta a estas, senón que tamén ao bebé, ás súas parellas e mesmo ao persoal sanitario. A violencia obstétrica responde a un modelo médico-asistencial xerárquico que pasa por alto moitas veces as necesidades de mulleres e bebés no parto, e sobre todo a importancia dos aspectos neurohormonais que propician o establecemento dun recordo profundo da experiencia, sexa esta agradable ou traumática. 

As súas consecuencias pasan por aspectos físicos máis “visibles”, que non deixan de ser máis importantes que os aspectos emocionais e psicolóxicos non tan “evidentes”, que poden conlevar un trastorno de estrés postraumático, sintomatoloxía ansiosas ou depresiva, tocofobia, dificultades para establecer na vinculación co bebé ou no establecemento da lactancia. Moitas destas mulleres senten que se lles “roubou” o parto, séntense indefensas, vulnerables e violentadas polo trato recibido; e moitas veces, polo “trato non recibido”. É moi importante ter en conta para poder intervir e reparar que moitas destas mulleres non se permiten nin sequera expresar o que lles acontece, porque socialmente ten que “agradecer” os coidados, focalizarse no que está ben e aceptar que as intervencións que probablemente para ela non fosen necesarias, foron postas en práctica polo seu ben. A muller deixa de ter voz e mesmo asume, normaliza e xustifica a vivencia traumática. 

Cal é a razón pola que se pode dar e incluso “normalizar” este tipo de violencia? A psiquiatra perinatal Ibone Olza (2014) fala de tres causas principais para que se dea. A   primeira delas corresponde coa “falta de formación e habilidades técnicas para afrontar os aspectos emocionais e sexuais do parto”; a segunda fai referencia ao propio “trauma non resolto” dos/as propios/as profesionais, dada a falta de espazos nos que poder falar e expresar as súas propias vivencias e necesidades; e por último o síndrome de burnout, bastante frecuente no persoal sanitario. 

A propia Organización Mundial da Saúde recoñece a existencia deste tipo de violencia contra as mulleres e no ano 2014 emitiu unha declaración para a "Prevención e erradicación da falta de respecto e o maltrato na atención ao parto nos centros de saúde", reclamando unha serie de accións máis enérxicas, diálogo e investigación en torno a este tema que vulnera os dereitos humanos básicos. Nesta declaración, a Organización Mundial da Saúde afirma que "en todo o mundo, moitas mulleres sofren un trato irrespectuoso e ofensivo durante o parto nos centros de saúde, que non só viola os dereitos das mulleres a unha atención respectuosa, senón que tamén ameaza os seus dereitos á vida, a saúde, á integridade física  e á non discriminación". 

Se coñecemos as causas e, sobre todo, as consecuencias, pasa a ser de vital importancia o traballo dos psicólogos e psicólogas como profesionais da saúde para a prevención, acompañamento e intervención non soamente das mulleres, bebés e familias que sofren as consecuencias deste tipo de violencia, senón tamén dos e das profesionais que dunha banda a padecen e pola outra, a manteñen. 

A violencia obstétrica fala dun modelo de asistencia ao parto que non soamente deshumaniza e priva de autonomía e liberdade á muller, senón que pode causar un dano físico, emocional e psicolóxico que traerá consecuencias a curto e longo prazo no seu benestar e saúde; e por extensión ao bebé, á familia e á sociedade da que formamos parte. Non se trata tanto de buscar culpables, senón de informar, dar espazo, ofertar ferramentas e asistencia para xerar un cambio que erradique este tipo de violencia nun momento moi importante e vulnerable para as mulleres e os bebés. 

É preciso argallar políticas sociais, concienciación na comunidade. e un sistema que permita a investigación, análise, detección, formación e erradicación destes trato ás mulleres nun momento de tanta importancia e carga vital para ás mulleres, crianzas e familias en xeral. Os e as profesionais e gobernos deben velar por unha atención ao parto e nacemento respectuosos, incorporando aos seus programas a perspectiva de xénero,  os dereitos humanos e a autonomía das pacientes, garantindo a mellor atención e perseguindo as actuacións violentas e deshumanizadoras. 

A violencia obstétrica vulnera dereitos fundamentais que como profesionais e como sociedade debemos protexer. Comecemos por visibilizala, para darlle voz a esas mulleres e crianzas que non saben como facelo.