O Colexio de Psicoloxía galego aborda a mediación como ferramenta na asistencia ás persoas maiores

Mañá sábado 21 de decembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece unha xornada sobre a mediación como ferramenta para a xestión de conflitos no ámbito de asistencia psicolóxica ás persoas maiores, que terá lugar na sede colexial, en Santiago de Compostela, ao longo da mañá.

Os conflitos entre as persoas coidadoras formais ou informais e as persoas maiores ou as súas familias supoñen un ámbito que afecta de xeito sensible á calidade dos servizos asistencias que se prestan ás persoas maiores. Tamén supoñen unha preocupación importante para as institucións e as empresas que prestan estes servizos. A capacitación en recursos como a mediación para os psicólogos e psicólogas que traballan neste ámbito asistencial sociosanitario, para a prevención e a resolución destes conflitos impacta positivamente na calidade asistencial, e polo tanto, no benestar das persoas usuarias.

A docente, Inmaculada Armadans Tremolosa, é unha das poucas investigadoras españolas especializada na análise e resolución de conflitos centros no ámbito de traballo da psicoxerontoloxía. É doutora en Psicoloxía e dirixe o Máster en Mediación de Conflitos da Universitat de Barcelona, ademais de contar con varias publicacións sobre o asunto protagonista da xornada.

Boa parte dos/as profesionais da psicoxerontoloxía traballan en servizos residenciais e en centros de día. Nestes contextos percíbese a prevención e o manexo de conflitos como unha prioridade, polo que é fundamental este tipo de actividades para afrontar situacións de conflito con eficacia.