– O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esixe á Administración galega a que se convoquen o total de prazas de Formación Sanitaria Especializada en Psicoloxía Clínica ou prazas de Psicólogo/a Interno/a Residente (Prazas PIR), dado que só oferta un 58% das prazas acreditadas, deixando nos últimos anos entre 5 e 6 prazas sen cubrir das 12 acreditadas a día de hoxe.
Galicia é a Comunidade Autónoma que menos prazas PIR oferta sobre as acreditadas, deixando máis dun 40% das prazas PIR sen convocar, o que cuadriplica a media do conxunto do Estado (un 11% das 212 prazas acreditadas non se ofertaron). A comunidade galega sitúase no vagón de cola en relación coas demais autonomías, o que pode reverterse o luns 30 de novembro, a data límite na Administración para mudar isto na presente convocatoria.
As prazas PIR determinan a calidade e a suficiencia de medios para a atención á saúde mental no futuro próximo, xa que mediante estas prazas proporciónase durante catro anos unha formación supervisada e de calidade aos/ás futuros/as especialistas en Psicoloxía Clínica que exercerán na Sanidade Pública coidando da saúde mental da cidadanía.
Desde o COPG, xunto con outros colexios profesionais da Psicoloxía do resto do Estado, a Comisión Nacional da Especialidade en Psicoloxía Clínica e un gran número de asociacións profesionais e sociedades científicas, levamos anos insistindo na necesidade de ofertar todas as prazas PIR acreditadas: o 100%. A decisión final queda nas comunidades autónomas, polo que é urxente que o Goberno galego asuma esta responsabilidade e convoque o total de prazas PIR posibles.
Unha axeitada planificación permitirá que non se produzan dificultades ao cubrir postos de traballo na Sanidade Pública, dificultades que agora padecemos noutras especialidades sanitarias como Pediatría ou Medicina Familiar e Comunitaria.