O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece mañá sábado 17 de novembro unha xornada sobre a amaxofobia, é dicir, o medo a conducir, na que participarán máis de 30 psicólogos e psicólogas do ámbito do tráfico e da seguridade.
O curso, que transcorrerá ao longo de toda a xornada no Hotel Peregrino (Avda. Rosalía de Castro s/n, Santiago de Compostela) centrarase na abordaxe desta fobia a conducir, que pode aparecer como secuela psicolóxica tras un accidente de tráfico, ou incluso por outro tipo de trauma que a persoa pode relacionar coa actividade de conducir. Unha fobia incapacitante para quen a padece e que desde as autoescolas comezan a demandar atención psicolóxica neste sentido.
O docente será o psicólogo Antonio Cabrera Rada, vogal da área de Tráfico do Colegio Oficial de Psicología de Ceuta, que realizará unha introdución e fundamentación teórica sobre a amaxofobia, para despois proceder ao estudo de casos nunha segunda parte de carácter práctico. Á continuación, o psicólogo galego Diego Lorenzo Torres xunto coas responsables da formación viaria de autoescolas Diana Parra Vilán e Jesús Vilariño Rodríguez, explorarán nunha mesa redonda as alternativas de colaboración con centros de formación para a abordaxe da fobia á condución.
As posibilidades da realidade virtual na intervención psicolóxica da fobia a conducir centrará a última parte da xornada, que presentará o psicólogo galego Diego Antelo Guerra. Pecharase a xornada cun debate que pretende recoller un posible protocolo de abordaxe desta fobia desde a psicoloxía en colaboración coas autoescolas.
Desde o Grupo de Tráfico e da Seguridade do COPG, que organiza esta actividade, considera de especial interese abordar este tipo de trastornos, que afectan especialmente ás vítimas de accidentes de tráfico. Ao mesmo tempo, desexamos expresar a nosa solidariedade coas vítimas do tráfico, unha conmemoración que chega ao seu 25 aniversario este domingo 18 de novembro.
A seguridade nas estradas require dunha abordaxe multidisciplinar na que a psicoloxía é un eixo básico, xa que é preciso implementar estratexias de reeducación, modificación da conduta e autocontrol co fin de atallar o grave problema da reincidencia ao volante. Máis aínda cando en Galicia se incrementaron os accidentes mortais nun 40% no que levamos de ano.