O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeita a actual convocatoria de axudas do Ministerio de Educación para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo, na que se exclúen as psicólogas e psicólogos, nun criterio que resulta incomprensible.
O Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios do Estado, presentou un recurso ante a devandita convocatoria. O obxectivo destas axudas é, de acordo coas propias bases, financiar unha "intervención psicoeducativa específica e profesional orientada a alumnos que amosen dificultades concretas de aprendizaxe vinculadas á presenza dalgún trastorno específico". Precisamente, o tratamento deste tipo de dificultades corresponde en concreto a psicólogos e psicólogas, que son quen teñen a competencia para abordar os trastornos e non simplemente implementar unha serie de pautas ou reeducar en casos que non están asociados a algún trastorno.